Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2023 Páx. 24250

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de marzo de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 21 de marzo de 2023 relativa ao acto de conciliación formulada polos representantes do monte veciñal en man común Lavagudo e Abelleira, Lamela, Igrexa Vella, Ribela, Arnadiño, e do monte veciñal en man común Veredo e Coutada, Chao de Zudro e Portela, e Chao de Couto, no concello de Muíños (Ourense).

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Lavagudo e Abelleira, Lamela, Igrexa Vella, Ribela, Arnadiño, pertencente á CMVMC de Prado; e do MVMC Veredo e Coutada, Chao de Zudro e Portela, e Chao de Couto, pertencente á CMVMC de Reparade, no concello de Muíños, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 16.9.2022, a CMVMC de Reparade (Muíños) presentou unha solicitude (Rexel nº 2022/2288692) de deslindamento entre o MVMC Veredo e Coutada, Chao de Zudro e Portela ,e Chao de Couto e o MVMC Lavagudo e Abelleira, Lamela, Igrexa Vella, Ribela, Arnadiño, no concello de Muíños.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Certificado do acordo da Asemblea Xeral da CMVMC de Reparade, do 5.6.2022.

– Certificado do acordo da Asemblea Xeral da CMVMC de Prado, do 3.6.2022.

– Certificado do acordo da Asemblea Xeral da CMVMC de Albite, do 19.6.2022.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

– Informe técnico e planos.

– Acta de conciliación redactada no Xulgado de Paz de Muíños.

– Acta de apeo e conformidade do deslindamento.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, do 9 de novembro de 2022, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre as comunidades de montes mencionadas. O 1º punto, «situado no Confurco, nun penedo de gran tamaño sobre o que hai gravada unha cruz (20 cm x 20 cm)» conflúen os MVMC de Reparade, Albite e Prado, é a base e o inicio do deslindamento, punto aprobado polas tres comunidades de montes involucradas.

Logo de analizar os vértices e a súa localización, conclúese que os puntos que se aproban son os comprendidos entre o 1 e o 4.1, onde rematan os montes veciñais e comezan propiedades particulares. O punto 4.2 é un punto auxiliar situado en propiedades particulares.

Despois, tamén se admite o treito entre os puntos 5 e 6 e máis outro treito entre os puntos 7 e 8, pois entre o punto 6 e 7 tamén aparecen propiedades particulares, parcelas vinculadas, cara ao leste, ao expediente de revisión de esbozo de Prado.

Analizando o vértice 1, e dando por correcta a súa situación polo estudo do informe do presente deslindamento, non se pode unir este punto co resto do monte de Prado cara ao leste nunha recta segura, polo que se establece unha liña provisional de 140 m entre este vértice coñecido e o punto máis próximo nos esbozos das clasificacións.

Non ficará definido ata que se estableza un deslindamento completo entre Penedo Redondo, de Albite, e Lavagudo e Abelleira, Lamela, Igrexa Vella, Ribela, Arnadiño, de Prado.

A superficie do MVMC Lavagudo e Abelleira, Lamela, Igrexa Vella, Ribela, Arnadiño sería de 551,46 ha fronte ás 494 ha do acordo de clasificación, o que supón un aumento superior ao 11 %. A superficie do MVMC Veredo e Coutada, Chao de Zudro e Portela, e Chao de Couto, unha vez modificado o esbozo, sería de 318,726 ha fronte ás 351 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 9,2 %.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación nos seguintes treitos:

– Treito 1: entre os puntos 1 e 4.

– Treito 2: entre os puntos 5 e 6.

– Treito 3: entre os puntos 7 e 8.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. Esta resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Lavagudo e Abelleira, Lamela, Igrexa Vella, Ribela, Arnadiño, pertencente á CMVMC de Prado, e do MVMC Veredo e Coutada, Chao de Zudro e Portela, e Chao de Couto, pertencente á CMVMC de Reparade, no concello de Muíños.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 27 de marzo de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense