Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2023 Páx. 24248

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de marzo de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 14 de marzo de 2023 relativa á revisión do esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Uzal e Outeiro Recarei, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Recarei, no concello de Bande.

Examinada a solicitude do revisión do esbozo formulada polos representantes do MVMC Uzal e Outeiro Recarei, pertencente á CMVMC de Recarei, no concello de Bande, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Desde a primeira solicitude, o 26 de maio de 2022, da CMVMC de Recarei, coa cal presenta unha proposta de revisión de esbozo da planimetría do MVMC Uzal e Outeiro Recarei, recibíronse outras dúas (o 27 de xullo de 2022 e o 8 de setembro de 2022) nas cales se mellora a información inicialmente presentada.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 23 de abril de 2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 4 de novembro de 2022 en relación coa citada solicitude. A revisión do esbozo realízase de xeito parcial, só se considera o perímetro do monte que estrema coas propiedades particulares. Queda, polo tanto, sen revisar o linde cos montes veciñais estremeiros, cos cales non se chegou a ningún acordo de avinza.

O deslindamento realizado coa comunidade de Seoane, definido por 9 puntos (numerados de 0 a 8), non se pode validar en toda a súa lonxitude. Hai que desbotar o punto nº 0, que define ata o punto nº 1 o tramo de deslindamento entre a comunidade de Seoane e parcelas particulares, e o punto número 8 no cal conflúen tres montes veciñais doutras tantas comunidades (Seoane, Recarei e Sarreaus); para a aceptación deste punto nº 8 sería necesaria a conformidade da comunidade de Sarreaus.

As estremas do monte veciñal quedarían como segue:

Parcela Uzal: quedan perfectamente delimitadas sobre cartografía catastral os lindes norte, leste e sur coas propiedades particulares. Queda pendente a definición polo oeste co MVMC Puzos e Bustelo e Uzal.

Parcela Outeiro e Recarei: quedan perfectamente delimitadas sobre cartografía catastral os lindes leste, sur e oeste coas propiedades particulares. No linde polo norte quedaría definida a estrema co MVMC Lamas de Mourijos e Portela dos veciños de Seoane, e pendente a definición da estrema co MVMC Lamas de Mourijos, Chairo e Vieiro dos veciños de Sarreaus.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Uzal e Outeiro Recarei.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión e axustarse e completarse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 4 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión do esbozo do monte veciñal en man común MVMC Uzal e Outeiro Recarei, pertencente á CMVMC de Recarei, no concello de Bande.

Ourense, 23 de marzo de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense