Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 17 de abril de 2023 Páx. 23828

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción, dunha instalación eléctrica no concello de Vilanova de Arousa (expediente IN407A 2022/236-4).

Expediente: IN407A 2022/236-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS CBD804 e CTC en Piz.

Concello: Vilanova de Arousa.

Feitos:

Primeiro. O 31 de maio de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS CBD804 e CTC en Piz.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a instalación dun centro de transformación compacto (CTC) de 250 KVA, compacto de manobra exterior 2L1P telecontrolado con GPRS/FO en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT que se emprazará na parcela con referencia catastral 36061A024013180000LI. Tamén se instalará unha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 144 metros para alimentar o centro de transformación proxectado. As actuacións están previstas no lugar de Piz, na parroquia de Caleiro, no concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vilanova de Arousa e a Axencia Galega de Infraestruturas.

Os organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante o escrito do 2 de agosto de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 2 de agosto de 2022, publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 25 de agosto de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 15 de agosto de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Vilanova de Arousa do 25 de agosto de 2022 ata o 8 de outubro de 2022, conforme certificado emitido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións de José Antonio Vicente García. A seguir resúmese o seu contido:

A instalación do centro de transformación na parcela afectada provoca un problema de accesibilidade e mobilidade de vehículos no seu interior, así como a supresión de futuras prazas de estacionamento previstas para as vivendas.

Propón dous trazados alternativos. O primeiro consiste en que se traslade o centro de transformación a outra parcela próxima e de titularidade do afectado. O segundo consiste en que se sitúe o centro de transformación nunha parcela estremeira en aparente estado de abandono.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. Na súa contestación UFD Distribución Electricidad, S.A. destaca que os trazados alternativos propostos non cumpren cos recuamentos.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron todas as alegacións presentadas, e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente nos seguintes motivos:

Con relación aos prexuízos causados polas afeccións da instalación que se vai construír, estes poderanse poñer de manifesto na presentación da folla de aprecio que requirirá esta xefatura territorial. Ademais, nese momento, o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

Respecto aos trazados alternativos, destaca que ambos afectarían a terceiros particulares. O primeiro trazado proposto afectaría as parcelas 262 e 1264, xa que é necesario levar a subministración eléctrica mediante liñas de media tensión enterradas ata o centro de transformación. En canto ao segundo trazado, a parcela proposta para instalar o centro de transformación non é do alegante.

Así mesmo, non se xustifica por parte do alegante o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS), a 20 kV, con condutor RHZ en dúas actuacións. A primeira é de 72 metros de lonxitude, con orixe no empalme sobre o tramo CBD8043526 e final no centro de transformación (CT) proxectado. A segunda é de 72 metros, con orixe no CT proxectado e final no empalme sobre o tramo CBD8043526.

Centro de transformación, con relación 20.000/400 V, a 250 KVA, compacto de manobra exterior 2L1P telecontrolado con GPRS/FO en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT.

As instalacións están situadas en Piz, na parroquia de Caleiro, no concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

Con relación ao prexuízo que causa a instalación do centro de transformación na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, o alegante será informado do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débese describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de aprecio, momento no cal o titular concretará o valor que considere como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 de Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/200, do 1 de decembro. Os trazados propostos non cumpren co conxunto dos puntos do mencionado artigo.

Por outra parte, a posibilidade de modificar o trazado implica afectar outras persoas que poden igualmente opoñerse ao dito cambio. En todo caso, considerarase non admisible a variante cando o custo desta sexa superior nun 10 % ao presuposto da parte da liña afectada pola variante.

Conforme ao indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS CBD804 e CTC en Piz (expediente IN407A 2022/236-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 17 de marzo de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra