Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 17 de abril de 2023 Páx. 23868

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 28 de marzo de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 15 de marzo de 2023 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes do monte veciñal en man común Veiga e Cumieira e o monte veciñal en man común Veiga de Golpellás, Santo Tomé, Briñás e Peixón, e entre o monte veciñal en man común Veiga e Cumieira e o monte veciñal en man común Veiga, Gralleiro e Fachado, no concello de Calvos de Randín.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Veiga e Cumieira, pertencente á CMVMC da Parroquia de Vila, e o MVMC Veiga de Golpellás, Santo Tomé, Briñás e Peixón, pertencente á CMVMC da Parroquia de Golpellás, e entre o MVMC Veiga e Cumieira e o MVMC Veiga, Gralleiro e Fachado, pertencente á CMVMC de Pintás, no concello de Calvos de Randín, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 28.9.2022 a CMVMC da Parroquia de Vila presentou un escrito (Rexel 2022/2379231) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC da Parroquia de Golpellás.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento do 22.1.2022.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Calvos de Randín.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

Segundo. Ese mesmo día, a dita comunidade presentou un segundo escrito (Rexel 2022/2379353) relativo a un deslindamento, neste caso coa CMVMC de Pintás.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento do 22.1.2022.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Calvos de Randín.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

Terceiro. O Informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 30 de novembro de 2022 fai constar que a documentación achegada corresponde, dun lado, ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Veiga e Cumieira, pertencente á CMVMC da Parroquia de Vila, e o MVMC Veiga de Golpellás, Santo Tomé, Briñás e Peixón, pertencente á CMVMC da Parroquia de Golpellás, desde o vértice 1 (o situado máis ao S) ata o vértice 3 (o situado máis ao N); doutro lado, revísase a estrema entre o propio MVMC Veiga e Cumieira e mais o MVMC Veiga, Gralleiro e Fachado, pertencente á CMVMC de Pintás, desde o vértice 1 (o situado máis ao L) ata o vértice 2 (o situado máis ao O).

Na estrema entre as comunidades de Vila e Golpellás, o linde discorre entre os vértices 2 e 3, polas arestas correspondentes ás cabeceiras de varias parcelas catastrais paralelas; en concreto, axústase á traza que separa a parcela número 1389 do polígono 11 (titularidade catastral da CMVMC da Parriquia de Vila) do grupo de parcelas que van do número 791 ao 757 do mesmo polígono.

Por outra banda, obsérvase que a relación de puntos conciliados no Xulgado de Paz non coincide exactamente coa aprobada polas asembleas xerais das comunidades e que consta, ademais, na acta de conciliación e mais na memoria técnica; en concreto, este último documento fai referencia a 4 puntos (0, 1, 2 e 3), mentres que a acta do Xulgado se refire a 3 puntos (1, 2 e 3). Logo de contrastar a súa localización, compróbase que os puntos 0, 2 e 3 indicados na memoria se corresponden, respectivamente, cos puntos 1, 2 e 3 avinzados no Xulgado, mentres que o punto 1 da memoria simplemente está situado dentro da liña recta que une os vértices 1 e 2 avinzados en sede xudicial. En consecuencia, enténdese que non hai incoherencia entre os distintos documentos da conciliación, ben que se adoptarán oficialmente os puntos incluídos na acta xudicial.

Na estrema entre a parroquia de Vila e Pintás, o linde discorre pola traza do regato de Pena Maior, en concreto, a estrema vén definida pola aresta sur da parcela catastral 32017A0109003, correspondente, nese tramo, ao leito do regato.

Ademais, e de forma análoga ao caso anterior, obsérvase que a relación de puntos conciliados no Xulgado de Paz tampouco coincide exactamente coa aprobada polas asembleas xerais das comunidades e que consta na acta de conciliación e mais na memoria técnica; neste caso, a memoria fai referencia a 3 puntos (1, 2 e 3), mentres que a acta do Xulgado se refire a 2 puntos (1 e 2). Contrastada a súa localización, compróbase que os puntos 1 e 3 indicados na memoria correspóndense, respectivamente, cos puntos 1 e 2 avinzados no Xulgado, mentres que o punto 2 da memoria simplemente está situado dentro da liña (fluvial) que une os vértices 1 e 2 avinzados en sede xudicial. En consecuencia, enténdese que tampouco hai incoherencia entre os distintos documentos da conciliación, ben que se adoptarán oficialmente os puntos incluídos na acta xudicial.

O citado informe considera que se debe aprobar o deslindamento proposto polas CCMMVVMMCC de Vila e Pintás conforme os puntos indicados na avinza xudicial e, sobre a base desta primeira modificación, aprobar o deslindamento entre Vila e Golpellás entre o punto 3 da acta de conciliación xudicial e mais o punto de coordenadas X: 593.407, Y: 4.647.652 (correspondente ao vértice 1 do deslindamento inicialmente aprobado polas comunidades e incluído na memoria técnica).

De acordo co exposto no informe, a solicitude axústase ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a aprobación da avinza Parroquia de Vila-Pintás entre os vértices 1 e 2 indicados na avinza do Xulgado de Paz, e a da avinza Parroquia de Vila-Parroquia de Golpellás entre o punto 3 da avinza de Paz e mais o punto de coordenadas X: 593.407, Y: 4.647.652, conforme a descrición correspondente a ese tramo incluída na dita avinza.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará unha resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 30 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Veiga e Cumieira, pertencente á CMVMC da Parroquia de Vila, e o MVMC Veiga de Golpellás, Santo Tomé, Briñás e Peixón, pertencente á CMVMC da Parroquia de Golpellás; e entre o MVMC Veiga e Cumieira e o MVMC Veiga, Gralleiro e Fachado, pertencente á CMVMC de Pintás, no concello de Calvos de Randín.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 28 de marzo de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense