Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 12 de abril de 2023 Páx. 23098

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Culleredo (expediente-e IN407A 2022/173-1).

Expediente-e: IN407A 2022/173-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: LMTS SMC711-treito apoio 12-CT 15CR62, no lugar de Almeiras.

Concello: Culleredo.

Feitos:

1. O día 18 de maio de 2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicita ante esta xefatura territorial a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de corrixir o defecto de distancia antiregulamentaria a unha vivenda nun treito da liña de distribución de media tensión LMT SMC711 (expediente 18.266) procedente da subestación San Marcos, no concello de Culleredo. Proxéctase a substitución do treito en aéreo por un treito en soterrado.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución nomeado: LMTS SMC711-treito apoio 12-CT 15CR62, asinado o 24 de abril de 2022 por Victoriano Gónzalez Lemos, co número colexial 2.980 de Vigo. Segundo consta nesta xefatura territorial, a especialidade do proxectista acreditouse mediante a certificación emitida polo COITIVigo o 28 de outubro de 2022, en que se sinala que Victoriano Gónzalez Lemos é enxeñeiro técnico industrial e posúe a especialidade en Electricidade.

– Anexo, asinado o 7 de xuño de 2022 por Javier Fernández Mitre, enxeñeiro industrial co número colexial 15.670 de Madrid.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidera prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselles o preceptivo informe á Augas de Galicia-Consellería de Infraestruturas e Mobilidade; Servizo do Patrimonio Cultural-Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; Axencia Estatal de Seguridade Aérea-Ministerio de Transportes, Mobilidad e Axenda Urbana e o Concello de Culleredo. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos polos organismos afectados, a saber, AESA e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. A día da elaboración desta resolución, non consta no expediente resposta dos organismos afectados, é dicir, Augas e o concello, á solicitude dos condicionados solicitados.

4. O 1 de marzo de 2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A lexislación que se aplica neste expediente é a que a seguir se relaciona:

– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Actuación 1: LMTS, a 15 kV, de 660 metros, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, coa orixe no CT Almeiras (15CR62, expediente IN407A 2016/1113-1) e remate no CS A Marisqueira (15CFHV, expediente IN407A 07/582). Parte deste treito discorrerá por canalización existente regularizada no expediente IN407A 2016/1113-1. O resto da canalización discorrerá en gabia de 0,4 m de ancho e 1,00 m de profundidade.

– Actuación 2 (reforzo de liña): LMTS, a 15 kV, de 76 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, coa orixe no empalme que se vai realizar na LMTS SMC711 e remate no CT A Marisqueira (15CBLM, expediente IN407A 05/85) existente. Este treito discorrerá por canalización proxectada de 0,4 m de ancho e 1,00 m de profundidade.

– Actuación 3: LMTS, a 15 kV, de 29 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, coa orixe no PA/S proxectado no apoio número AH71VDUD//12 existente que se vai substituír e instalación de autoválvulas, ademais de paso a apoio frecuentado e remate no empalme proxectado na LMT SMC711.

– Desmantelamento dun treito LMTA, a 15 kV, de 280 m, condutor tipo LAC-80 Al, coa orixe no apoio número AH71VDUD//12 existente que se vai substituír por tipo C-4500/22 da LMT SMC711 (expediente 18.266) procedente da subestación San Marcos e remate no CT Almeiras (15CR62, expediente IN407A 2016/1113-1) existente. Desmontaxe dos apoios AH4BTWH3//13 e AH1QJPB7 existentes e desmontaxe de PA/S existente en fachada do CT Almeiras (15CR62, expediente IN407A 2016/1113-1).

– Retensado treito LMTA, a 15 kV, de 162 m, condutor tipo LA-110 Al, coa orixe no apoio número AH71VDUD//12 existente que se vai substituír e remate no apoio número HAMM0E9//11 existente.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

a) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.

b) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

c) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

d) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 16 de marzo de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña