Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 12 de abril de 2023 Páx. 23137

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de marzo de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 13 de marzo de 2023, relativa á revisión do esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común O Castro, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lamas de Outeiro e Sabucedo, no concello de Cartelle.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC O Castro, pertencente á CMVMC de Lamas de Outeiro e Sabucedo, no concello de Cartelle, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 28.9.2022 a CMMVVMC de Lamas de Outeiro e Sabucedo presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2382605) de revisión de esbozo do MVMC O Castro, no concello de Cartelle.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 29.5.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 21 de novembro de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, así como algunhas outras lindeiras con comunidades de montes veciñas; en concreto, revísanse os tramos lindeiros co MVMC Monte de Pereira, onde concorre tamén un deslindamento, e cos MMVVMC Xestosa, Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal e Bacarizas, onde a estrema se axusta á liña intermunicipal do IGN cos concellos de Toén e Barbadás.

A superficie do MVMC O Castro, unha vez revisado o esbozo e tendo en conta certas correccións inapreciables de índole xeométrica efectuadas sobre a planimetría dixital achegada, sería de 516,86 ha fronte ás 515 ha do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 0,4 %.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente a revisión do esbozo do MVMC O Castro, de xeito que o perímetro quedaría revisado nas estremas con particulares e mais na veciñanza co MVMC Monte de Pereira, onde a estrema se axusta ao deslindamento actualmente en trámite, e cos MMVVMC Xestosa, Acevedo, Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal e Bacarizas, onde a estrema se axusta á liña intermunicipal do IGN.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 21 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do monte veciñal en man común MVMC O Castro, pertencente á CMVMC de Lamas de Outeiro e Sabucedo, no concello de Cartelle.

Ourense, 21 de marzo de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense