Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 12 de abril de 2023 Páx. 23135

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de marzo de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 13 de marzo de 2023, relativa á revisión do esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Vieiro, Colado, Raposa e Ortiga, no concello de Laza.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Vieiro, Colado, Raposa e Ortiga, pertencente á CMVMC de Trez, no concello de Laza, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 27 de setembro de 2022 a CMVMC de Trez presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2363812) de revisión de esbozo do MVMC Vieiro, Colado, Raposa e Ortiga, no concello de Laza.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 23 de setembro de 2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 25 de novembro de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que a liña perimetral proposta se guía pola cartografía catastral, axustándose a esta na maioría das parcelas. Detéctanse só dous pequenos cambios, que poden estar provocados polas ocupacións e expropiacións de ADIF. Na zona sur do monte, aparecen dúas liñas soltas, de 40 e 80 m, entre o MVMC Barreiro e Mallada Grande e particulares, que non se axustan á cartografía catastral.

Engádense na revisión de esbozo tres novas parcelas catastrais, separadas do monte orixinal, parcelas 32040A04300988, 32040A04800239 e 32040A04800240, que suman entre elas 11.733 m², as cales figuran en catastro a nome de «Veciños de Laza» as dúas primeiras e un particular a última. Por este motivo requírese o 18.11.2022 para que elimine estas parcelas, posto que serían realmente obxecto dunha ampliación da clasificación. O 22.11.2022 achega unha nova revisión de esbozo con particulares eliminado estas parcelas e resultando unha lonxitude final revisada de 16,259 km.

A superficie do MVMC Vieiro, Colado, Raposa e Ortiga, unha vez revisado o esbozo parcial presentado, sería de 256,4856 ha fronte ás 282 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 9 %.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente da revisión do esbozo do MVMC Vieiro, Colado, Raposa e Ortiga.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas, poderán ser obxecto de revisión, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 25 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de montes veciñais en man común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do monte veciñal en man común MVMC Vieiro, Colado, Raposa e Ortiga, pertencente á CMVMC de Trez, no concello de Laza.

Ourense, 21 de marzo de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense