Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 10 de abril de 2023 Páx. 22736

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ACORDO do 5 de abril de 2023 polo que se inicia o procedemento para a modificación dos límites do monumento natural Costa de Dexo e para a elaboración do seu plan de xestión.

A costa de Dexo representa unha fronte costeira aberta entre as rías da Coruña e de Ares e Betanzos, cunha importante extensión de acantilados mariños, illotes, vexetación de herbais e matogueiras costeiras en bo estado de conservación, de grande importancia ecolóxica tanto pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats como pola súa xeomorfoloxía e alto valor paisaxístico.

Desde o punto de vista xeolóxico, este monumento natural, de 266,76 ha de superficie, encádrase totalmente na unidade de xistos cristalinos de Bergondo, rochas metamórficas moi sensibles á meteorización física, o que se reflicte na paisaxe de acantilados fortemente erosionados e con perfil costeiro serrado, con numerosas calas e enseadas, algunhas terminadas en pequenas praias encaiadas, furnas e algúns illotes, de altura en xeral media ou baixa e sen apenas afloramentos rochosos por encima dos cantís. Como excepción, na punta do Seixo Branco chama a atención unha veta de pórfiro granítico que lle dá nome a este lugar.

Derivado dos seus valores naturais, este espazo foi declarado monumento natural mediante o Decreto 101/2000, do 31 de marzo.

O artigo 25 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establece que os monumentos naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza e beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial; así como as árbores senlleiras e monumentais, as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e mineralóxicos, os estratotipos e os demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou a importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos, sempre que fosen expresamente declarados como tales.

O artigo 2 do Decreto 101/2000, do 31 de marzo, establece que os límites xeográficos deste monumento natural se corresponden cos do espazo definido na Ordenanza 12 de conservación e protección das costas e praias do Plan xeral de ordenación urbana do concello de Oleiros. Dado que esta ordenanza actualmente está derrogada, é necesario modificar o dito artigo e establecer os límites do monumento natural, aproveitando para realizar unha delimitación máis precisa do espazo.

Por outro lado, segundo indica o artigo 59 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, os plans de xestión son o instrumento de planificación específico dos monumentos naturais, das zonas húmidas protexidas, das paisaxes protexidas e dos espazos protexidos da Rede Natura 2000 cuxa competencia pertence á Comunidade Autónoma de Galicia. Os plans de xestión establecerán o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación destes espazos, xunto coas medidas para a conservación dos hábitats e das especies.

O artigo 61 establece que a tramitación do plan de xestión corresponde á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Segundo o recollido na disposición transitoria segunda da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a tramitación dos plans de xestión en espazos naturais protexidos declarados ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que carezan dos citados instrumentos de planificación e que non iniciasen a súa tramitación con anterioridade á data de entrada en vigor desta lei, realizarase, tras o acordo de inicio da persoa titular da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, mediante o procedemento sinalado no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, axustando os contidos dos instrumentos de planificación ao previsto no artigo 60.1, no caso dos plans de xestión. O instrumento de planificación aprobarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Dado que ese espazo xa foi declarado monumento natural mediante o Decreto 101/2000, do 31 de marzo, unicamente corresponde desenvolver a tramitación e aprobación da modificación da delimitación do espazo natural protexido establecida no seu artigo 2 e do instrumento de planificación específico.

En virtude do establecido anteriormente,

ACORDO:

Primeiro. Iniciar o procedemento para a modificación do artigo 2 do Decreto 101/2000, do 31 de marzo, polo que se declara monumento natural a Costa de Dexo.

Segundo. Iniciar o procedemento para a elaboración do Plan de xestión do monumento natural Costa de Dexo e do anteproxecto de decreto polo que se aproba o dito plan.

Terceiro. Encomendar a súa tramitación á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda