Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 5 de abril de 2023 Páx. 22529

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de marzo de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 15 de marzo de 2023, relativa ao acto de conciliación formulada polos representantes do monte veciñal en man común Uzal e Outeiro Recarei, e do monte veciñal en man común Lamas de Mourijo e Portela, no concello de Bande (Ourense).

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Uzal e Outeiro Recarei, pertencente á CMMVVMC de Recarei; e do MVMC Lamas de Mourijo e Portela, pertencente á CMMVVMC de Seoane, no concello de Bande, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 13.9.2021 a CMMVVMC de Recarei presentou un escrito (REXEL 2021/2147188) no que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMMVVMC de Seoane.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de recoñecemento do lindeiro.

– Acto de avinza.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Primeira Instancia de Bande.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Arquivos gráficos.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense con data do 4 de novembro de 2022 fai constar que dos 9 puntos (numerados de 0 a 8) marcados no campo para deslindar os montes Outeiro Recarei e Lamas de Mourijos e Portela non se poden ter en conta na súa totalidade, pois non todos forman parte da liña de deslindamento pretendida. É preciso desbotar o punto número 0, que define ata o punto número 1 o tramo de deslindamento entre a comunidade de Seoane e parcelas particulares, e o punto número 8 no que conflúen tres montes veciñais, titularidade doutras tantas comunidades (Seoane, Recarei e Sarreaus); para a aceptación deste punto, nº 8, é necesario a conformidade da comunidade de Sarreaus.

Na acta de conciliación das comunidades de Seoane e Recarei reflíctese a observación citada anteriormente e aínda que se nomean os nove puntos, queda claro que a liña de deslindamento entre os MMVVMC Lamas de Mourijos e Portela e Uzal e Outeiro Recarei vai desde o punto 1 ata o 7.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditara resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 4 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Uzal e Outeiro Recarei, pertencente á CMMVVMC de Recarei; e do MVMC Lamas de Mourijo e Portela, pertencente á CMMVVMC de Seoane, no concello de Bande.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 21 de marzo de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Ourense