Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2023 Páx. 22240

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ANUNCIO do 31 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral de Industria, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto denominado Fábrica de pneumáticos Sentury, declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 6 de outubro de 2022, que se implantará no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial; na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental; no Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación; na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia; e nas demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada co proxecto que se detalla a seguir.

Antecedentes:

1. O 1.7.2022, a empresa Sentury Tire Spain, S.L.U. presentou, ante a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a solicitude para a declaración como proxecto industrial estratéxico (en diante, PIE) do proxecto denominado Proxecto de construción dunha planta de fabricación de pneumáticos no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

2. O 12.7.2022, a Secretaría Xeral de Industria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu ao Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape) a solicitude e documentación presentada pola empresa Sentury Tire Spain, S.L.U. para os efectos da emisión do informe en que se constatase o cumprimento dos requisitos que xustificasen a declaración dun PIE, conforme o establecido no artigo 79.2 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

3. O 21.9.2022, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) remitiu o informe favorable e a demais documentación que consta no expediente á Secretaría Xeral de Industria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, en que conclúe que o proxecto de construción dunha planta de fabricación de pneumáticos, promovido por Sentury Tire Spain, S.L.U., cumpre cos requisitos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 78 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, para a súa declaración como PIE.

4. O 30.9.2022, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación elevou o proxecto de acordo de declaración de PIE do proxecto de construción dunha planta de fabricación de pneumáticos, nas Pontes de García Rodríguez, ao Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

5. O 6.10.2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo de declaración do proxecto denominado Fábrica de pneumáticos Sentury no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) como PIE, ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

6. O 30.3.2022, recibida a documentación completa de acordo cos artigos 80.3 e 79.4 da devandita norma, a Secretaría Xeral de Industria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación continúa coa tramitación do expediente e somete a información pública, polo prazo de trinta (30) días hábiles, a solicitude de autorización ambiental integrada, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de industrial estratéxico (PIE) denominado Fábrica de pneumáticos Sentury, no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

• Solicitante/promotora: Sentury Tire Spain, S.L.U. NIF B16703993.

• Domicilio social: polígono industrial Penapurreira, parcela de equipamento número 1, oficina número 5, 15328 As Pontes de García Rodríguez, A Coruña.

• Denominación do proxecto: fábrica de pneumáticos Sentury.

• Concello afectado: As Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

• Situación: concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña). Coordenadas (expresadas en ETRS89, fuso 29): X: 586.466; Y: 4.813.798.

• Actividade: fabricación de pneumáticos de automóbiles utilizando caucho como principal materia prima.

• Categoría principal da actividade: categoría 10.1 do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

• Descrición da actividade: o proceso de fabricación de pneumáticos será un proceso altamente automatizado que parte dunha serie de materias primas (fibras téxtiles, caucho natural, caucho sintético, cables de aceiro e aditivos) que se mesturan e combinan en proporcións e procesos específicos, segundo as características construtivas de cada clase de pneumático que se vaia producir.

• Orzamento total (execución material): 531.370.000 euros.

• Características técnicas principais das instalacións:

A fábrica integra unha serie de edificios de produción, xestión e servizos auxiliares, cunha ocupación en planta de aproximadamente 26 ha.

As etapas en que se divide o proceso son as seguintes:

– Subministración de materias.

– Edificio de produción de compostos (Mixing Area).

– Edificio de fabricación de compoñentes (Extruder Area).

– Edificio de montaxe do pneumático (Tire Building).

– Edificio de vulcanizado (curado) e control de calidade (Curing Area and Quality Control).

– Edificio de almacenamento de pneumáticos terminados.

Adicionalmente aos procesos principais descritos, a planta contará coas seguintes instalacións e sistemas auxiliares:

– Oficinas principais e de produción.

– Nova subestación eléctrica e conexión á rede para a subministración da planta.

– Sistema de produción de vapor.

– Planta de gas natural para a subministración ás caldeiras de vapor.

– Rede de aire comprimido que permitirá, fundamentalmente, o funcionamento dos instrumentos e da maquinaria.

– Sistema de climatización.

– Planta de tratamento da auga de abastecemento e das augas pluviais que se reutilizarán.

– Sistema de auga de refrixeración.

– Sistema de produción de nitróxeno.

– Instalación de produción sen carga para o ciclo de despresurización das prensas de vulcanización.

– Sistema de saneamento da planta industrial.

– Rede de protección contra incendios.

• Verteduras: na fábrica xeraranse dous tipos de efluentes, augas de proceso e augas pluviais.

Tipo de efluente

Orixe do efluente

Destino

Augas de proceso

Purgas de torres de refrixeración, purgas de caldeira, contralavados, rexeitamento de osmose

Rede de saneamento municipal da EDAR das Pontes de García Rodríguez

Saneamento residual de aseos

Purga de sistema de spray

Xestión como residuo líquido (entrega a xestor externo autorizado)

Augas pluviais

Augas pluviais limpas das cubertas dos edificios

Sistema de drenaxe de tipo sifónico e rede enterrada que as conducirá a dous tanques de laminación; A DPH

Augas pluviais de contacto procedentes de vías e plataformas da fábrica

Recollida mediante unha rede de canles tipo rigola paralelas ás vías. Esta auga, tras unha filtración e esterilización, reutilizarase para a reposición da auga das torres de refrixeración

Augas pluviais de garda procedentes do exterior das plataformas da fábrica

Recollida mediante cunetas perimetrais sen contacto con graxas e aceites das vías. Estas cunetas conducirán as augas ata o punto de vertedura á DPH

• Obxecto da información pública:

O proxecto industrial estratéxico (PIE) denominado Fábrica de pneumáticos Sentury, a solicitude da autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA), para os efectos das autorizacións administrativas que procedan para a aprobación do proxecto. Todo o anterior de forma conxunta, en virtude do disposto no artigo 79.4 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

• Documentación que se expón:

1. Proxecto da fábrica de pneumáticos Sentury (marzo, 2023; colexiado núm. 1855 ICOIIG).

2. Estudo de impacto ambiental (EIA) (marzo, 2023; colexiado núm. 1855 ICOIIG).

O que se fai público, de conformidade co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial e demais normas anteriormente citadas, para coñecemento xeral, e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren afectadas nos seus dereitos ou intereses poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, de ser o caso, presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas dentro do prazo de trinta (30) días, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A documentación estará ao dispor das persoas interesadas nas dependencias da Secretaría Xeral de Industria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (Complexo Administrativo San Lázaro-Edificio Igape, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), teléfonos 881 99 59 66, 881 99 59 67 e 881 99 59 68), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas.

Ademais, tamén se poderá consultar no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da seguinte ligazón:

https://economia.xunta.gal/transparencia/documentos-sometidos-a-informacion-publica?langId=gl_ES

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023

Paula Mª Uría Traba
Secretaria xeral de Industria