Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2023 Páx. 22126

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 29 de marzo de 2023 pola que se modifica a Orde do 1 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MT809B).

O día 21 de decembro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 1 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MT809B).

O artigo 6 desa disposición prevé un incremento do 30 % da contía da axuda naqueles concellos con maior incidencia do lobo, recollidos no seu anexo III.

A poboación de lobos de Galicia pertence ás poboacións de lobo ibérico (Canis lupus signatus) situada ao norte do río Douro, que foron incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial mediante a Orde TED/980/2021, do 20 de setembro, pola que se modificou o anexo do Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro, polo que se desenvolve a Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas.

Durante o ano 2021 levouse a cabo nesta comunidade autónoma a actualización do estado poboacional de lobo ibérico en Galicia, cun total de 323 cadros UTM 10×10 km prospectados. Completouse a revisión dos territorios e rematáronse os traballos de censo da especie durante o ano 2022.

Os resultados obtidos estiman a presenza de 93 mandas reprodutoras e conclúese que a área de distribución do lobo ocuparía unha superficie de 26.908 km2, o que supón o 91 % da superficie total do territorio galego.

Neste contexto de distribución xeneralizada da especie na Comunidade Autónoma, e de acordo coa información técnica máis actualizada dispoñible, procede eliminar a previsión do artigo 6 da Orde de forma que o incremento previsto do 30 % se aplique de xeito harmonizado a todos os concellos de Galicia, unificando así os importes aplicables para todo o territorio segundo o baremo establecido no anexo I, que se modifica en consecuencia.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación do artigo 6 da Orde do 1 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2023, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 6. Importe das axudas

1. O importe das axudas por morte do gando figura no anexo I desta orde para cuxo cálculo se tivo en conta tanto o dano emerxente como o lucro cesante.

Este importe incrementarase nun 10 % no caso daquelas explotacións en que se comprobase a aplicación de medidas preventivas fronte aos ataques do lobo (cans para a protección e defensa do gando, cerrumes de malla electrificada, valados fixos electrificados e valados fixos con malla gandeira ou cinexética), e que fosen avaliadas como axeitadas pola Comisión de Valoración correspondente, de acordo co criterio que fixe ao respecto a Dirección Xeral de Patrimonio Natural para o período de vixencia desta orde.

2. No caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados (enténdese por gasto veterinario tanto a actuación do persoal profesional como o tratamento prescrito), nunha contía que, en ningún caso, poderá exceder o límite das contías previstas no anexo I desta orde.

Cando os animais feridos sexan varios exemplares, admitiranse facturas conxuntas do servizo veterinario nas cales se relacione o gasto veterinario de xeito individual para cada un dos animais feridos, con referencia á súa idade e á súa identificación individual, de ser o caso.

Admitiranse facturas do servizo veterinario nas cales os gastos conxuntos non veñan especificados de xeito individual por cada un dos animais feridos. Neste caso os gastos por animal serán cuantificados dividindo o importe total destes entre o número de animais afectados.

No caso de animais que, tras o tratamento prescrito, morran como consecuencia das feridas producidas polo acto de depredación, a axuda poderá superar o límite das contías previstas no anexo I desta orde. Nestes casos a axuda estimarase en función das contías previstas no anexo I desta orde por animal, máis os gastos veterinarios producidos e acreditados ata un máximo do 10 % das anteditas contías.

No caso de reses afectadas polo ataque de lobo que sobrevivan ao acto de depredación e como consecuencia del sufran un aborto, que precisará dunha certificación veterinaria que o acredite, a cantidade compensatoria por cada aborto corresponderá a un 75 % do valor da clase e idade máis baixa no caso de especies de gando ovino e cabrún e do 75 % do valor da clase e idade máis baixa no caso do resto das especies de gando, segundo as contías previstas no anexo I desta orde. Se se trata de parto múltiple compensarase por cada un dos animais abortados.

3. Os gastos de eutanasia producidos e acreditados serán compensables. O importe máximo da compensación dos gastos de eutanasia por animal establécese en 75 €. No caso de que os gastos excedan este importe, a persoa beneficiaria terá dereito á axuda máxima, é dicir, 75 €.

A eutanasia realizarase de forma regrada e será prescrita e efectuada por unha persoa profesional veterinaria, co fin de evitar ao animal sufrimento grave e irremediable ou afección grave».

Segundo. Substitúese o anexo I da Orde do 1 de decembro de 2022 polo anexo I desta disposición.

Terceiro. Suprimir o anexo III da Orde do 1 de decembro de 2022.

Disposición transitoria única

As previsións desta disposición resultarán de aplicación a todas as solicitudes de axuda formuladas ao abeiro da Orde do 1 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MT809B), con independencia da data de presentación.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente,Territorio e Vivenda

ANEXO I

Baremo utilizado para o pagamento de axudas polos ataques do lobo

Especie

Clase e idade

Custo calidade normal

Custo calidade selecta (*)

Lucro cesante carne (femias)

Lucro cesante leite (femias)

Ovino

Cordeiro < 12 meses

100,10 €

127,40 €

Ovino

Adulto ≥ 12 meses e < 6 anos

165,10 €

179,40 €

16,90 €

191,10 €

Ovino

Adulto ≥ 6 anos

37,70 €

44,20 €

Cabrún

Cabrito < 12 meses

105,30 €

157,30 €

Cabrún

Adulto ≥ 12 meses e < 6 anos

146,90 €

188,50 €

9,10 €

289,90 €

Cabrún

Adulto ≥ 6 anos

37,70 €

44,20 €

(*) Razas de ovino-cabrún incluídas no Catálogo oficial de razas de gando de España (anexo I do Real decreto 2129/2008) ou calquera outra raza de ovino-cabrún de liña pura.

Especie

Clase e idade

Custo raza celta

Porcino

Leitón < 3 meses

118,30 €

Porcino

Porco ≥ 3 meses e < 6 meses

197,60 €

Porcino

Porco ≥ 6 meses e < 9 meses

262,60 €

Porcino

Porco da ceba ≥ 9 e < 12 meses

393,90 €

Porcino

Porco da ceba ≥ 12 meses

499,20 €

Porcino

Reprodutoras

473,20 €

Porcino

Reprodutora preñada

525,20 €

Porcino

Reprodutor

591,50 €

Especie

Clase e idade

Custo rubia galega

Custo outras razas autóctonas*

Custo vacún leiteiro

Custo resto de reses de gando vacún

Lucro cesante carne (femias)

Lucro cesante leite (femias)

Bovino

Becerro < 2 meses

484,90 €

572,00 €

380,90 €

380,90 €

Bovino

Becerro ≥ 2 meses e < 4 meses

609,70 €

728,00 €

484,90 €

484,90 €

Bovino

Becerro ≥ 4 meses e < 6 meses

1.028,30 €

1.332,50 €

890,50 €

890,50 €

Bovino

Becerro ≥ 6 meses e < 1 ano

1.046,50 €

1.378,00 €

920,40 €

920,40 €

Bovino

Vacún ≥ 1 ano e < 2 anos

1.397,50 €

1.826,50 €

1.523,60 €

1.219,40 €

Bovino

Vacún ≥ 2 anos e < 6 anos

1.731,60 €

2.598,70 €

2.306,20 €

1.589,90 €

126,10 €

1.803,10 €

Bovino

Vacún ≥ 6 anos e < 9 anos

1.384,50 €

1.903,20 €

1.270,10 €

1.270,10 €

126,10 €

1.803,10 €

Bovino

Vacún ≥ 9 anos

830,70 €

1.037,40 €

694,20 €

694,20 €

126,10 €

1.803,10 €

* Outras razas bovinas autóctonas de Galicia: cachena, caldelá, vianesa, limiá e frieiresa.

Especie

Clase e idade

Custo pura raza galega

Custo outros cabalos

Equino

Poldro < 2 meses

314,60 €

252,20 €

Equino

Poldro ≥ 2 meses e < 4 meses

410,80 €

314,60 €

Equino

Poldro ≥ 4 meses e < 6 meses

572,00 €

475,80 €

Equino

Poldro ≥ 6 meses e < 1 ano

858,00 €

716,30 €

Equino

Equino ≥ 1 ano e < 2 anos

915,20 €

781,30 €

Equino

Equino ≥ 2 anos e < 10 anos

1.144,00 €

780,00 €

Equino

Equino ≥ 10 anos

858,00 €

647,40 €

Asnal

Asnal < 1 ano

87,10 €

Asnal

Asnal ≥ 1 ano e < 10 anos

288,60 €

Asnal

Asnal ≥ 10 anos

217,10 €

Mular

Mular < 1 ano

144,30 €

Mular

Mular ≥ 1 ano e < 10 anos

432,90 €

Mular

Mular ≥ 10 anos

322,40 €