Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2023 Páx. 21762

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de marzo de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Santiago de Compostela. Treito O Milladoiro-Estación intermodal, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Antecedentes:

O 3 de xaneiro de 2023, publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 2 o Anuncio do 21 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Mobilidade, polo que se someten ao trámite de información pública o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Santiago de Compostela, treito O Milladoiro-Estación intermodal, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de clave AC/22/085.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de marzo de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Santiago de Compostela. Treito O Milladoiro-Estación intermodal, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase formular recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo se poida formular recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321C de recurso en materia de infraestruturas dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/ ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de marzo de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Santiago de Compostela. Treito O Milladoiro-Estación intermodal, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU

Aprobar definitivamente o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Santiago de Compostela. Treito O Milladoiro-Estación intermodal, de clave AC/22/085.06, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coas seguintes modificacións respecto do trazado sometido a información pública:

• Na contorna do lugar do Reiro reducirase a superficie expropiable á metade, coa finalidade de minimizar as afeccións.

• Dado que non existe outro trazado viable que sexa funcional, manterase o paso pola contorna do río Sar e do recinto do antigo mosteiro de Conxo, pero reducindo ao máximo a súa implantación e configuración coas seguintes actuacións para minimizar a afección na contorna:

– Elimínanse as pasarelas sobre o río Sar, empregando para o cruzamento as pontellas existentes. A continuidade na contorna da fonte da Virxe da Cuncha será mediante unha conexión exenta de movemento de terras e regularizarase o terreo para a pavimentación, co fin de afastar o itinerario deste elemento.

– No contorno do antigo mosteiro de Conxo utilizarase a plataforma do camiño existente, sen ampliar a explanación. O pavimento será o máis natural posible, sempre que se manteña a súa funcionalidade mediante as correspondentes tarefas de mantemento e limpeza que permitan a circulación de vehículos de mobilidade persoal (VMP).

– No paso por baixo da estrada de Deputación darase continuidade ao itinerario, acondicionando e limpando o contorno coa finalidade de mellorar o degradado aspecto que presenta na actualidade.

– Elimínase a conexión co barrio de Conxo, que quedará pendente de desenvolvemento en consenso e coordinación co Plan especial de protección e rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo, cos seus xardíns e hortas, zonas de acceso e núcleos do contorno, que actualmente se atopa en fase de tramitación ambiental.

Consonte establece o artigo 24 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os concellos de Ames e Santiago de Compostela, en que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, en que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos nos proxectos, así como para implantación dos proxectos e as modificacións destes que, de ser o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 23.1 da Lei 18/2021, do 27 de decembro.