Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2023 Páx. 20716

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción, dunha instalación eléctrica no concello de Pontevedra (expediente IN407A 2021/297-4).

Expediente: IN407A 2021/297-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: reforma LMTA LOZ803A no Marco.

Concello: Pontevedra.

Feitos:

Primeiro. O 23 de novembro de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada reforma LMTA LOZ803A no Marco.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a reforma da liña de media tensión LOZ803A, a través das seguintes actuacións no lugar do Marco, no municipio de Pontevedra:

Retirada de 240 metros do condutor LA-80 no tramo LOZ803A0130.

Retirada de tres apoios de celosía, dous apoios de formigón e instalación de catro novos apoios de celosía.

Instalación dunha liña de media tensión aérea de 240 metros de lonxitude entre o apoio proxectado C-2000/14 e o apoio proxectado C-2000/12, retensando o van augas arriba e augas abaixo respectivamente dos apoios proxectados.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Pontevedra, o Servizo do Patrimonio Cultural, Augas de Galicia, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea e a Deputación Provincial de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados técnicos emitido polo Concello de Pontevedra e por Augas de Galicia.

Os demais organismos non emitiron condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 1 de febreiro de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución do 1 de febreiro de 2022 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 24 de febreiro de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 14 de febreiro de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Pontevedra desde o 24 de febreiro de 2022 ata o 8 de abril de 2022, conforme o certificado emitido polo propio concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por José Ramón Farto Justo. A continuación resúmese o seu contido:

A afección divide a parcela en dúas partes: unha pequena superficie ao inicio e unha segunda superficie que non conta con acceso. Isto provoca un detrimento no patrimonio do interesado e o impedimento do uso normal do terreo.

Propón que a torre se instale no mesmo lugar onde está colocada a torre actual, no límite da parcela. En caso de que non prospere esta proposta, incide na expropiación total do terreo.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A continuación resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

A finalidade deste proxecto é mellorar a calidade da subministración eléctrica e prover a liña existente de proteccións de avifauna.

A parcela de José Ramón está actualmente afectada por unha servidume de voo e o que se proxecta é a retirada do apoio lateral do seu predio e a instalación dun novo apoio noutro lateral do predio afectado, baixo o trazado da liña e evitando a afección de novas parcelas.

Afirma que se afecta 1,44 m2 do solo e que segue tendo o mesmo acceso á parcela, podendo destinala ao mesmo uso que o actual.

Con relación á solicitude de expropiación total da parcela, UFD manifesta que o propietario poderá solicitalo no propio expediente expropiatorio.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron todas as alegacións presentadas, emitindo o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo con Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente en tres motivos:

– Respecto da valoración dos predios e os prexuízos causados polas afeccións da instalación que se van construír, estes poderanse poñer de manifesto na presentación da folla de aprecio que requirirá esta xefatura territorial. Ademais, nese momento, o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

– Respecto do trazado alternativo, non se xustifica por parte do alegante o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Respecto da expropiación total da parcela, non se xustifica conforme o artigo 152 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, as causas concretas determinantes dos prexuízos económicos como consecuencia da alteración das condicións fundamentais da explotación da parcela.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Reforma da liña de media tensión aérea (LMTA) LOZ803A no tramo LOZ803A0130 coas seguintes actuacións:

Desmontaxe de 240 metros de condutor LA-80 e retirada de tres apoios de celosía e dous apoios de formigón.

Instalación de catro apoios de celosía: un C-2000/14, dous C-1000/14 e un C-2000/12.

Liña de media tensión aérea a 20 kV con condutor tipo LA 110 de 240 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-2000/14 e final no apoio proxectado C-2000/12.

As instalacións están situadas no lugar do Marco, no concello de Pontevedra.

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

Con relación ao prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, o recorrente será informado do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débese describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de aprecio, momento no cal, o titular concretará o valor que estime como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

Ademais o artigo 23 de Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela no expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/200, do 1 de decembro. Os trazados propostos non cumpren co conxunto dos puntos do mencionado artigo.

Neste sentido é preciso traer a colación a Sentenza 1819/2006, do 29 de novembro, ditada polo TXS de Galicia no Recurso 7206/2003, en cuxo fundamento cuarto di: «Considerando que á vista do exposto e do aclarado polo perito no momento da ratificación do seu informe, é complicado sinalar sen xénero de dubidas, cal sería desde todos os intereses públicos e privados afectados o trazado preferible de entre os catro en presenza (o aprobado e as tres posibles variacións examinadas como factible tamén polo perito), pois para practicar a correspondente comparación valorouse o conxunto de circunstancias técnicas, económicas e de causación dos prexuízos que existe en cada unha das opinións de referencia, e é certo que á Sala lle resulta difícil unha ou outra, xa que presentan todas, vantaxes nuns dos aspectos e inconvenientes noutros; pois, o que non cabe é miralos unicamente desde a perspectiva da conveniencia da parte aquí recorrente; pois iso suporá descoidar os demais intereses implicados en cada trazado; todo o cal ten que considerar a Administración cando aproba unha das opcións; e neste caso, aceptou a proposta pola aquí codemandada; a cal, implicando unha substancial igualdade en consecuencias de conxunto –e non só mirando os intereses da aquí recorrente– coas demais opcións, debe ser respectado».

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada reforma LMTA LOZ803A no Marco (expediente IN407A 2021/297-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 28 de decembro de 2022

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra