Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2023 Páx. 20271

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 21 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable, e se procede á súa convocatoria para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento DE401C).

A práctica de actividade física e deportiva representa unha parte moi significativa da vida cotiá dos galegos e galegas. Como ferramenta para a mellora da saúde e da calidade de vida, como mecanismo de socialización, cohesión e inclusión social, e, por suposto, tamén como conxunto dos axentes integrantes do sistema deportivo competitivo da Comunidade Autónoma (principalmente federacións, clubs e deportistas), o deporte é unha faceta clave na nosa sociedade, con achega específica e determinante á saúde pública, ao benestar, á cultura e á economía galegos.

Neste contexto, a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, recoñece a consideración de interese público do deporte para a Comunidade Autónoma (artigo 2.2) e establece entre os seus principios reitores o dereito de todos os cidadáns a coñecer e a practicar deporte de forma libre, voluntaria e democrática, e en termos de igualdade e sen discriminación ningunha, así como a consecución dunha práctica deportiva adaptada ás condicións de cada individuo.

A dotación dunha rede de instalacións e infraestruturas deportivas públicas, seguras e de calidade é principal á hora de procurar este desenvolvemento efectivo do sistema deportivo e da práctica de actividade física en Galicia; instalacións e dotacións que posibiliten un incremento nos recursos deportivos ao servizo da cidadanía en xeral e dos axentes deportivos en particular, para facilitar unha práctica segura e respectuosa co contorno e co ambiente.

Desta forma, é determinante, polo tanto, para a Administración autonómica continuar destinando financiamento específico a infraestruturas e equipamentos deportivos de base local, co fin de potenciar a promoción da actividade física, en particular nas zonas e entre colectivos máis desfavorecidos, garantindo o acceso de todos os cidadáns ás actividades deportivas, co cal se reforzan as capacidades de desenvolvemento local a través da ferramenta deportiva.

No marco das competencias da Administración autonómica e dos municipios (artigos 5 e 8 da Lei do deporte), e consonte os principios de cooperación, colaboración, coordinación e información multilateral establecidos no artigo 9 da mesma lei, dedicado ás relacións interadministrativas, esta orde establece as bases que rexerán a convocatoria de subvencións, con carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable, e procédese á súa convocatoria para os exercicios 2023 e 2024.

Segundo o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponden a elaboración, proposta e execución da política do Goberno en materia de deportes, que se asume a través da Secretaría Xeral para o Deporte, consonte o seu artigo 15, e, entre outras atribucións, a promoción e a difusión da actividade física e do deporte, con especial atención á promoción da igualdade entre homes e mulleres, actuando, se é o caso, en colaboración con outras administracións e entidades públicas e privadas (alínea b) e a colaboración coas administracións locais e coas entidades deportivas a través de axudas e subvencións nos ámbitos das infraestruturas e da adquisición de equipamentos (alínea e).

Estas bases teñen en conta as previsións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, especialmente no disposto en ambos os textos en relación coas bases reguladoras das subvencións.

Esta orde dá cumprimento aos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 60/2022, do 15 de maio, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, de carácter plurianual para os anos 2023 e 2024, e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas aos concellos de Galicia para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal, así como para a adquisición de material deportivo inventariable (código de procedemento DE401C).

Exclúense destas axudas as actuacións de mellora da eficiencia enerxética nas instalacións deportivas.

No marco desta orde, e para os efectos de acreditar a poboación dos concellos, atenderase aos datos publicados no Instituto Galego de Estatística con data do 1 de xaneiro de 2022.

Artigo 2. Financiamento e importe máximo das subvencións

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á aplicación orzamentaria 06.02.441.A.760.0, un total de cinco millóns oitocentos vinte e dous mil cincocentos euros (5.822.500 €), coa seguinte distribución por anualidades e por liñas de actuación subvencionables:

Anualidade 2023: 3.425.000 €

Liña de actuación

Importe

Liña I. Construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas

2.740.000 €

Liña I.1. Concellos con poboación inferior a 5.000 habitantes

1.644.000 €

Liña I.2. Concellos con poboación entre 5.000 e 20.000 habitantes

685.000 €

Liña I.3. Concellos con poboación superior a 20.000 habitantes

411.000 €

Liña II. Adquisición de material deportivo inventariable

685.000 €

Liña II.1. Concellos con poboación inferior a 5.000 habitantes

411.000 €

Liña II.2. Concellos con poboación entre 5.000 e 20.000 habitantes

171.250 €

Liña II.3. Concellos con poboación superior a 20.000 habitantes

102.750 €

Anualidade 2024: 2.397.500 €

Liña de actuación

Importe

Liña I. Construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas

1.918.000 €

Liña I.1. Concellos con poboación inferior a 5.000 habitantes

1.150.800 €

Liña I.2. Concellos con poboación entre 5.000 e 20.000 habitantes

479.500 €

Liña I.3. Concellos con poboación superior a 20.000 habitantes

287.700 €

Liña II. Adquisición de material deportivo inventariable

479.500 €

Liña II.1. Concellos con poboación inferior a 5.000 habitantes

287.700 €

Liña II.2. Concellos con poboación entre 5.000 e 20.000 habitantes

119.875 €

Liña II.3. Concellos con poboación superior a 20.000 habitantes

71.925 €

No caso de que o crédito dalgunha das liñas de actuación non se esgote, as cantidades resultantes incrementarán proporcionalmente as demais liñas en función das solicitudes presentadas.

2. A axuda económica que se conceda financiará ata o 80 % do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite máximo de 50.000 euros para o caso da liña I (obras) e de 10.000 euros para o suposto da liña II (equipamentos).

O importe do libramento da anualidade 2023 non superará en ningún caso o importe da subvención outorgada para esta anualidade na resolución da concesión, sen prexuízo de que as cantidades xustificadas por riba deste limiar se poidan aplicar para a xustificación da anualidade 2024, sen que isto implique incremento da achega correspondente ao referido exercicio orzamentario.

3. Poderanse ampliar os créditos nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano competente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que esta orde, sen que tal publicación implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas subvencións os concellos de Galicia que, con carácter previo á resolución de concesión da axuda, teñan as súas instalacións deportivas inscritas no Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia consonte o establecido no Decreto 52/2022, do 28 de abril, polo que se crea e regula o Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia.

Non se admiten solicitudes presentadas por agrupacións de concellos en canto non se considera aplicable a esta convocatoria, ao teor da súa finalidade, do seu obxecto e do importe máximo das axudas que se van conceder, que se entende que suporán principalmente a presentación de solicitudes no ámbito da reforma de instalacións deportivas xa existentes de titularidade municipal, en canto ás obras da liña I, e, respecto da liña II, o importe máximo que se vai conceder supón na práctica que a cotitularidade deste material por distintos concellos sexa ineficiente.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. A solicitude presentarase axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I a estas bases e dirixirase á Secretaría Xeral para o Deporte.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude ou a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Cada concello poderá presentar unha única solicitude por liña de actuación. No caso de presentar dúas ou máis solicitudes por liña, a Comisión de Valoración comunicarallo ao concello para que, no prazo máximo de tres días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste punto. De non se ter recibido a comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, inadmitiranse todas as solicitudes en que o concello participe.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello, segundo o modelo do anexo II, na cal conste:

1) O acordo adoptado polo órgano competente do concello polo que se aproban a solicitude de axuda e as condicións e requisitos desta orde, con expresión concreta da actuación solicitada e da contía comprometida polo concello segundo o establecido no artigo 2 desta orde.

Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, e nel constará expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e os demais requisitos establecidos na orde.

2) A relación de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para a mesma actuación, solicitada ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

3) Ter remitido a conta xeral do concello, correspondente ao exercicio orzamentario de 2021, ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

4) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

5) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención, nin en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

b) Unha memoria explicativa onde se xustifique a necesidade da actuación para a cal se solicita a subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local, así como canta información sexa precisa para permitir a aplicación dos criterios sinalados no artigo 10 desta orde.

2. No caso de solicitar unha axuda para a liña de actuación I, o concello deberá achegar:

a) Documento acreditativo da titularidade do terreo ou inmoble en que se pretenda realizar a actuación. Os terreos deberán ser de titularidade da entidade solicitante, ou na súa falta, esta deberá posuír título bastante que a habilite para a realización das obras e o uso posterior do construído ou reformado por período non inferior a cinco (5) anos.

b) Proxecto técnico ou memoria valorada da obra que se pretende realizar, asinado electronicamente polo técnico ou pola técnica que o redacte, co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado, desagregado no nivel de partida, con indicación das unidades e prezos de cada unha. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global.

– Planos a escala e detalle suficiente para describir as actuacións.

– Planos de situación, indicando as coordenadas UTM de cada unha das actuacións que integran a solicitude.

Os concellos que resulten beneficiarios quedarán obrigados a presentar o correspondente proxecto técnico e as autorizacións administrativas municipais e sectoriais oportunas, se a entidade e complexidade das obras que se vaian executar o exixen.

3. No caso de solicitar unha axuda para a liña de actuación II, o concello deberá achegar unha memoria detallada e valorada do equipamento para o cal se solicita a subvención, asinada electronicamente pola persoa representante do concello solicitante, que conterá a descrición e o orzamento detallado do equipamento solicitado.

4. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requiririda para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado da Seguridade Social que acredite o cumprimento das obrigas fronte á Seguridade Social.

d) Certificado da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) que acredite non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) que acredite o cumprimento das obrigas tributarias.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Órganos competentes e instrución do procedemento

1. A persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión Deportiva será o instrutor do procedemento.

2. Unha vez recibidas as solicitudes e a documentación complementaria, serán analizadas polo instrutor do procedemento co obxecto de comprobar que están debidamente cubertas e suficientemente documentadas. Xunto con esta análise, comprobarase se o solicitante acredita o cumprimento dos requisitos establecido no artigo 3.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fan, se considerarán desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Este requirimento realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e terá os efectos de notificación, consonte o artigo 45 da Lei 39/2015. Esta lista tamén será publicada na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte http://deporte.xunta.gal/. Poderá tamén requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento, en calquera fase del.

Nesta publicación, e con efectos unicamente de publicidade, relacionaranse tamén as solicitudes admitidas que non están suxeitas a emenda e as inadmitidas.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases, na convocatoria ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para os efectos de ditar a correspondente resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

5. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e ao seu arquivamento, sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 8. Da Comisión de Valoración

1. O órgano instrutor remitirá a documentación completa dos expedientes á Comisión de Valoración encargada de aplicar os criterios de baremación establecidos no artigo 10.

2. A Comisión estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión Deportiva da Secretaría Xeral para o Deporte ou persoa en quen delegue, e actuarán como vogais as persoas titulares da Subdirección Xeral de Plans e Programas, do Servizo de Programación Deportiva e de Deporte en Idade Escolar, da Xefatura do Servizo de Seguimento de Infraestruturas Deportivas da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, das xefaturas dos servizos provinciais de Deportes e un/unha técnico/a deportivo/a da mesma Secretaría Xeral para o Deporte, designado pola persoa presidenta da Comisión. Será secretario/a da Comisión a persoa titular da Xefatura da Sección do Servizo de Seguimento de Infraestruturas Deportivas da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ou persoa que a substitúa.

Artigo 9. Resolución e recursos

1. Unha vez que a Comisión realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de avaliación establecidos no artigo 10, da cal quedará constancia en acta motivada, a Secretaría Xeral para o Deporte elevará proposta á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes será o órgano competente para a resolución do procedemento para a concesión da subvención.

2. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da solicitude.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución non poderá exceder os tres (3) meses, contados desde o día seguinte ao da data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a notificación levarase a cabo mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte, con indicación, neste caso, da data da convocatoria, da entidade beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. Así mesmo, relacionaranse as solicitudes desestimadas e inadmitidas, con expresión dos motivos da desestimación e inadmisión.

3. Contra esta resolución, as entidades interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

Artigo 10. Criterios de valoración

A Comisión avaliará as solicitudes presentadas de acordo cos seguintes criterios de valoración:

A. Criterios de valoración das obras.

I. Valoración con base no concello solicitante: máximo 50 puntos.

1. Memoria deportiva do concello: ata 30 puntos en función do interese estratéxico deportivo do proxecto. Valoraranse especialmente os proxectos destinados a colectivos específicos, como o deporte en idade escolar, persoas con discapacidade e deporte inclusivo, deporte feminino, ou o desenvolvemento de práctica deportiva e de actividade física para maiores de 65 anos.

2. Número de clubs do concello inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia: ata 10 puntos.

i. Máis de 10: 10 puntos.

ii. Entre 5 e 10: 5 puntos.

iii. Entre 1 e 4: 2 puntos.

3. Existencia de técnicos deportivos no concello: ata 5 puntos.

i. Polo menos un con titulación de licenciado/graduado en Ciencias da Actividade Física e Deportiva: 5 puntos.

ii. Polo menos un con titulación de técnico superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas: 2 puntos.

4. Tempo transcorrido desde a última axuda da SXD para obxecto equivalente: ata 5 puntos.

i. Máis de 4 anos: 5 puntos.

ii. Entre 2 e 4 anos: 2 puntos.

II. Valoración con base na instalación para a que se solicita a axuda: máximo 50 puntos.

1. Antigüidade da instalación: ata 10 puntos, computados desde a sinatura da acta de recepción da obra.

i. Máis de 15 anos: 10 puntos.

ii. Entre 11 e 15: 5 puntos.

iii. Entre 5 e 10: 3 puntos.

2. Instalación destinada a unha práctica deportiva federada recoñecida oficialmente na Comunidade Autónoma: 10 puntos.

3. Instalación destinada á práctica deportiva en idade escolar e/ou ao programa Xogade: 10 puntos.

4. Actuación que contribúe á práctica deportiva ou de actividade física das mulleres: 10 puntos.

5. Actuación que contribúe á práctica deportiva de persoas con discapacidade, con medidas complementarias ás exixidas pola lexislación en vigor: 5 puntos.

6. Instalación destinada a unha práctica deportiva náutica (natación, remo, piragüismo ou vela) ou de deportes urbanos (skate, parkour, chase tag, calistenia, BMX, breaking, street football, baloncesto 3*3): 5 puntos.

B. Criterios de valoración dos equipamentos.

I. Valoración con base no concello solicitante: máximo 50 puntos.

1. Memoria deportiva do concello: ata 30 puntos en función do interese estratéxico deportivo do proxecto. Valoraranse especialmente os proxectos destinados a colectivos específicos, como o deporte en idade escolar, persoas con discapacidade e deporte inclusivo, deporte feminino, ou o desenvolvemento de práctica deportiva e de actividade física para maiores de 65 anos.

2. Número de clubs do concello inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia: ata 10 puntos.

i. Máis de 10: 10 puntos.

ii. Entre 5 e 10: 5 puntos.

iii. Entre 1 e 4: 2 puntos.

3. Existencia de técnicos deportivos no concello: ata 5 puntos.

i. Polo menos un con titulación de licenciado/graduado en Ciencias da Actividade Física e Deportiva: 5 puntos.

ii. Polo menos un con titulación de técnico superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas: 2 puntos.

4. Tempo transcorrido dende a concesión da última axuda da SXD para obxecto equivalente: ata 5 puntos.

i. Máis de 4 anos: 5 puntos.

ii. Entre 2 e 4 anos: 2 puntos.

II. Valoración en base á instalación para a que se solicita a axuda: máximo 50 puntos.

1. Equipamento de ximnasio (halteras, barras, discos, pesas, andeis de barras, ergómetros, bicicletas, colchonetas, máquinas de pesos): 10 puntos.

2. Equipamento específico destinado á práctica dunha práctica deportiva federada recoñecida oficialmente na Comunidade Autónoma: 10 puntos.

3. Equipamento que contribúe á práctica deportiva ou de actividade física de persoas maiores de 65 anos: 10 puntos.

4. Equipamento que contribúe á práctica deportiva ou de actividade física das mulleres: 10 puntos.

5. Equipamento que contribúe á práctica deportiva de persoas con discapacidade, con medidas complementarias ás exixidas pola lexislación en vigor: 5 puntos.

6. Material sanitario: desfibrilador, equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19 (anteparos, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxel, sistemas de toma de temperatura, etc.): 5 puntos.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Aceptación

A entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

Artigo 14. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente, nos prazos e na forma establecidos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do proxecto que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade das actuacións que integran o proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, sen prexuízo das modificacións das características do proxecto subvencionado que o órgano competente poida autorizar consonte as prescricións da normativa de aplicación.

4. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas. Serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

5. Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos posteriores ao seu outorgamento e proceder ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre unha modificación importante que afecte a natureza do investimento ou o seu réxime de propiedade antes de transcorridos cinco anos do seu remate.

O incumprimento da obriga de destino, que se producirá en todo caso co alleamento ou gravame dos bens, será causa de reintegro nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e os bens quedarán afectos ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Todas as entidades beneficiarias estarán obrigadas a cumprir as obrigas de información e publicidade establecidas nestas bases reguladoras, que incluirán, en todo caso, a colocación dun cartel publicitario, durante a execución do proxecto subvencionado.

9. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.

10. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e prestar colaboración e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

11. Proceder ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, seguindo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención nestas bases reguladoras e na normativa xeral de aplicación.

b) Incumprimento da obriga de xustificar os pagamentos nos termos establecidos nesta orde.

c) En todo caso, será reintegrado o financiamento público polo importe pagado da subvención que supere a cantidade que efectivamente lle corresponda percibir á entidade beneficiaria, calculada como unha porcentaxe sobre o custo final xustificado do proxecto subvencionado.

d) Incumprimento da normativa vixente en materia de contratación do sector público, especificamente a que rexe as contratacións das entidades locais.

e) Incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante un período mínimo de cinco anos. O incumprimento da obriga de destino referida producirase, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens e quedarán estes afectos ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor.

f) Incumprimento da obriga de dar a adecuada publicidade do cofinanciamento das actuacións, nos termos establecidos nos artigos 16.9 e 18.3.d) desta orde e de conformidade co previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da dita Lei de subvencións de Galicia, ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

Artigo 15. Contratación

1. Os concellos poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto ou a adquisición do equipamento que constitúe o obxecto da subvención. Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación da contratación do obxecto das liñas subvencionadas será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, especificamente a que rexe as contratacións das entidades locais, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, as entidades beneficiarias deberán acreditar, xunto coa documentación xustificativa da subvención, a publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 da dita lei.

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 31 de outubro de 2023-2024.

2. A documentación xustificativa que deberán achegar as entidades beneficiarias das subvencións no prazo indicado no número 1 deste artigo é a seguinte:

a) Facturas e, no caso de obras, certificación con relación valorada e tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local.

b) Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa secretaria da entidade beneficiaria, segundo o modelo do anexo III desta orde, en que se faga constar:

– O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

– Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria da entidade beneficiaria, segundo o modelo do anexo IV, na cal se faga constar:

– O acordo de aprobación polo órgano competente do concello beneficiario das facturas e, no caso de obras, das correspondentes certificacións de obra, no cal conste que se cumpriu a finalidade para a cal foi concedida a subvención.

– Que, segundo informe da Intervención municipal, se tomou razón na contabilidade, en fase de recoñecemento da obriga, dos gastos correspondentes á execución do proxecto subvencionado.

– Que, segundo informe da persoa secretaria do concello, na tramitación e contratación das obras e/ou equipamentos se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe os contratos do sector público.

d) En cumprimento das obrigas de publicidade establecidas na orde, deberán achegar, ademais:

– Fotografías do lugar ou lugares onde se efectuasen as actuacións, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización. A presentación das fotografías farase de xeito que permita identificar os lugares e o momento da execución a que correspondan.

– Fotografías do cartel ou carteis informativos, segundo o modelo do anexo V, nas cales se poida apreciar a súa colocación no lugar das actuacións.

– Fotografías da placa ou placas explicativas permanentes, segundo o modelo do anexo VI, colocadas nun sitio visible no lugar das actuacións, que deberán permanecer durante, cando menos, cinco anos.

e) Nos supostos en que sexa exixible, consonte o artigo 12 destas bases reguladoras, a entidade beneficiaria deberá presentar:

– Documento acreditativo da publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

– Copia da resolución de adxudicación da obra ou equipamento, onde quede acreditado que a elección entre as ofertas se realizou con base en criterios de adxudicación fundados na mellor relación calidade-prezo ou, nos supostos permitidos pola lei, nun único criterio de adxudicación relacionado cos custos.

Artigo 17. Pagamento das axudas

1. A Secretaría Xeral para o Deporte, de encontrar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, sempre que o beneficiario cumpra a obriga de executar o proxecto que fundamentou a concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento da subvención realizarase de acordo co custo real do proxecto executado e xustificado. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, mantendo constante a porcentaxe de financiamento establecida na resolución de concesión.

3. En ningún caso o menor custo de execución do proxecto subvencionado pode supor unha execución deficiente do proxecto e a entidade beneficiaria da subvención debe cumprir as condicións da concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Artigo 18. Acreditación da efectividade dos pagamentos

1. De conformidade co artigo 3.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades ás entidades locais galegas, e para os efectos do establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase gasto realizado cando sexa contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

2. Sen prexuízo do anterior, o concello beneficiario está obrigado a acreditar documentalmente, mediante xustificante de transferencia bancaria, a efectividade dos pagamentos dos gastos correspondentes á actuación subvencionada, no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria do aboamento da subvención concedida.

Para o cómputo do prazo dos sesenta días naturais, o concello presentará un certificado da Intervención municipal en que se faga constar a data de ingreso do aboamento da subvención na conta bancaria do concello.

3. Os xustificantes das transferencias bancaria estarán debidamente identificados e selados pola entidade bancaria, agás que o pagamento se realice mediante banca electrónica. Neste caso, os xustificantes das transferencias bancarias deberanse presentar asinados electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria das subvencións.

4. A Secretaría Xeral para o Deporte poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da efectividade dos pagamentos realizados.

Artigo 19. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención pagada, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante a Secretaría Xeral para o Deporte a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Para estes efectos, no texto da operación farase constar sempre o texto «Devolución subvención. PR.DE401C».

Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento da subvención

Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable á subvención, constitúen causa de perda do dereito ao cobramento da subvención as seguintes:

1. Non presentar a documentación xustificativa en tempo e/ou en forma ou a súa presentación insuficiente ou incompleta con respecto aos termos exixidos nestas bases reguladoras.

2. Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos aplicables, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión as seguintes:

a) Non executar o proxecto completo que fundamentou a resolución de concesión dentro do prazo establecido nestas bases reguladoras.

b) O incumprimento das obrigas de publicidade establecidas nesta orde, nomeadamente a obriga de colocar o cartel informativo durante a execución do proxecto subvencionado.

c) O incumprimento da normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas na tramitación e contratación das obras e/ou equipamentos que constitúen o obxecto da subvención.

d) Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

A perda do dereito será total ou parcial segundo afecte todas ou algunha das actuacións que integran o proxecto subvencionado.

Artigo 21. Cantidades dispoñibles

As cantidades que resulten sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios poderanse dedicar a subvencionar os concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde, de acordo coa orde de prelación resultante da valoración efectuada pola Comisión de Valoración.

Artigo 22. Modificación

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas bases habilitan para autorizar as modificacións da resolución de concesión atendendo aos obxectivos e requisitos da orde e ao cumprimento da normativa de aplicación, en particular ao establecido no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

A autorización para a modificación do proxecto acordarase por resolución do órgano competente para a concesión destas axudas, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro.

3. Malia o anterior, e sen necesidade de instar procedemento de modificación de subvención, poderanse aceptar variacións nas partidas de gasto do proxecto subvencionado sempre que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento total, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.

Artigo 23. Alteración dos modelos normalizados

Non se aceptará ningún modelo normalizado, que os concellos solicitantes ou beneficiarios deban presentar segundo as prescricións destas bases reguladoras, que conteña emendas ou riscadas. As observacións ou aclaracións que as persoas interesadas precisen realizaranse nun documento á parte.

O incumprimento desta norma podería dar lugar á inadmisión da solicitude, á perda do dereito ao cobramento da subvención ou ao seu reintegro.

Artigo 24. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Porén, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo do proxecto subvencionado.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De acordo co establecido na alínea a) do artigo 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola base de datos.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deporte

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

MODELO CARTEIS INFORMATIVOS

MEDIDAS FORMATO ESTÁNDAR A1

missing image file
missing image file
missing image file