Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2023 Páx. 20579

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de marzo de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Ourense, treito Os Remedios-Expourense (senda río Barbaña), actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Antecedentes:

Con data do 14 de decembro de 2022, publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 236 o Anuncio do 1 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Mobilidade, polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Ourense, treito Os Remedios-Expourense (senda río Barbaña), actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coa clave OU/22/081.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto.

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de marzo de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Ourense, treito Os Remedios-Expourense (senda río Barbaña), actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321C de recurso en materia de infraestruturas, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/ ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2023

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de marzo de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Ourense, treito Os Remedios-Expourense (senda río Barbaña), actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU

Aprobar definitivamente o proxecto de trazado do eixe de mobilidade sustentable en Ourense, treito Os Remedios-Expourense (senda río Barbaña), coa clave OU/22/081.06, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coas seguintes modificacións respecto do trazado sometido a información pública:

• Procederase ao reaxuste do trazado do paso proxectado no inicio da avenida Pardo de Cela, incluíndo na zona de circulación un paso elevado cun pavimento de pedra de espesor e sección compatible e durable para desempeñar ese fin, e cunha solución axeitada de drenaxe e iluminación do paso.

• Procederase a incluír a comunicación dos paseos de ambas as marxes do río a través da rúa Portocarreiro, mediante un paso elevado.

• Procederase á modificación do trazado da conexión do paseo do Barbaña coa praza das Burgas, substituíndo o trazado previsto no proxecto, que discorría paralelo á ponte da rúa Irmáns Xesta, pola conexión a través da rúa Canella do Rastro, reordenando e acondicionando esta para compatibilizar a circulación de vehículos e o acceso aos garaxes existentes, co novo itinerario peonil e ciclista de conexión desde a senda do Barbaña, prolongando a conexión baixo a rúa Progreso ata a praza das Burgas.

Consonte establece o artigo 24 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o Concello de Ourense, no cal se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planemanto urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos nos proxectos, así como para a implantación dos proxectos e as modificacións destes que, de ser o caso, se poidan aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 23.1 da Lei 18/2021, do 27 de decembro.