Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2023 Páx. 20582

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de marzo de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado de aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido, asociados á implantación de zonas de baixas emisións nas cidades galegas. Comarca Ferrolterra, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Antecedentes:

Con data do 10 de xaneiro de 2023, publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 6 o Anuncio do 23 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Mobilidade, polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado de aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido, asociados á implantación de zonas de baixas emisións nas cidades galegas, Comarca Ferrolterra, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coa clave AC/22/151.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de marzo de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado de aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido, asociados á implantación de zonas de baixas emisións nas cidades galegas. Comarca Ferrolterra, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321C de recurso en materia de infraestruturas, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/ ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2023

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de marzo de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado de aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido, asociados á implantación de zonas de baixas emisións nas cidades galegas. Comarca Ferrolterra, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU

Aprobar definitivamente o proxecto de trazado de aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido, asociados á implantación de zonas de baixas emisións nas cidades galegas. Comarca Ferrolterra, coa clave AC/22/151.06, en relación co aparcadoiro localizado na FE-13 (Ferrol), sen modificacións respecto ao trazado sometido a información pública, e deixar sen efecto a tramitación do proxecto en relación co aparcadoiro localizado na AG-64 (San Sadurniño e Narón); actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Consonte establece o artigo 24 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o Concello de Ferrol, no cal se asenta a infraestrutura para desenvolver, obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao seu contido; no cal se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos nos proxectos, así como para a implantación dos proxectos e as modificacións destes que, de ser o caso, se poidan aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 23.1 da Lei 18/2021, do 27 de decembro.