Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 2023 Páx. 19802

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 15 de marzo de 2023 pola que se determinan as federacións deportivas que teñen que presentar informe de auditoría das contas anuais de 2022 e auditorías operativas.

Consonte o establecido no artigo 57.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, a Administración deportiva autonómica ten atribuída a competencia de realizar ou solicitar auditorías financeiras ou de xestión ou operativas ás federacións deportivas galegas. Na liña da referida previsión, o artigo 37.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, recolle que deberán presentar no rexistro «(...) un informe de auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica a inicios de cada exercicio. Anualmente incorporarase ao plan unha porcentaxe de federacións, de forma que, cada catro anos, todas presenten o dito informe».

Segundo o establecido no artigo 4 da Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación dos informes de auditoría, concrétase nesta orde cales son as federacións obrigadas a presentar auditoría das súas contas correspondentes ao exercicio 2022, así como as auditorías operativas ou de xestión.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 60/2022, do 15 de maio, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente orde é determinar as federacións deportivas galegas que deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2022, así como operativas ou de xestión, nos termos fixados no plan de auditorías aprobado pola Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación dos informes de auditoría.

Artigo 2. Auditorías das contas anuais

Deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2022 as seguintes federacións deportivas galegas:

Federación Galega de A. Subacuáticas.

Federación Galega de Aeronáutica.

Real Federación Galega de Atletismo.

Federación Galega de Automobilismo.

Federación Galega de Bádminton.

Federación Galega de Baloncesto.

Federación Galega de Balonmán.

Federación Galega de Béisbol e Sóftbol.

Federación Galega de Billar.

Federación Galega de Birlos.

Federación Galega de Boxeo.

Federación Galega de Ciclismo.

Federación Columbófila Galega.

Federación Galega de Columbicultura.

Federación Galega de Dep. Adaptado.

Federación Galega de Dep. Inverno.

Federación Galega de Deportes Autóctonos.

Federación Galega de Esgrima.

Federación Galega de Espeleoloxía.

Federación Galega de Esquí Náutico.

Real Federación Galega de Fútbol.

Federación Galega de Halterofilia.

Federación Galega de Hípica.

Federación Galega de Judo e D.A.

Federación Galega de Loita e D.A.

Federación Galega de Motociclismo.

Federación Galega de Natación.

Federación Galega de Orientación.

Federación Galega de Patinaxe.

Federación Galega de Petanca.

Federación Galega de Piragüismo.

Federación Galega de Remo.

Federación Galega de Rugby.

Federación Galega de Salvamento e S.

Federación Galega de Squash.

Federación Galega de Surf.

Federación Galega de Taekwondo.

Federación Galega de Tenis.

Federación Galega de Tiro ao Voo.

Federación Galega de Tiro con Arco.

Federación Galega de Tríatlon e P.M.

Real Federación Galega de Vela.

Federación Galega de Voleibol.

Federación Galega de Xadrez.

Artigo 3. Das contas que se van auditar

1. Serán obxecto de auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio 2022.

2. A auditoría efectuarase conforme a Lei 22/2015, do 20 de xullo, de auditoría de contas, e o Real decreto 1517/2011, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve o texto refundido da Lei de auditoría de contas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2011, do 1 de xullo, en todo o que non se opoña á Lei 22/2015.

3. Segundo a disposición adicional segunda do Real decreto 1491/2011, do 24 de outubro, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e o modelo de plan de actuación das entidades sen fins lucrativos, as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos non serán de aplicación ás federacións deportivas españolas e federacións territoriais de ámbito autonómico integradas nelas nin aos clubs profesionais e asociacións deportivas declarados de utilidade pública que, atendendo aos termos da disposición transitoria quinta do Real decreto 1514/2007 polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, se rexerán pola Orde do Ministerio de Economía e Facenda do 2 de febreiro de 1994 para o caso das federacións deportivas, e pola Orde do Ministerio de Economía do 27 de xuño de 2000 no caso de clubs profesionais e asociacións deportivas, sen prexuízo de que nas contas anuais se inclúa a información que, cando teñan o carácter de utilidade pública, se require na adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos. En concreto, incluirán na memoria das contas anuais información relativa a:

a) Actividade da entidade.

b) Se é o caso, as bases de presentación e a información da liquidación do orzamento.

c) Excedente do exercicio.

d) Ingresos e gastos.

e) Aplicación de elementos patrimoniais a fins propios.

f) Cambios no órgano de goberno, dirección e representación.

g) Información sobre autorizacións outorgadas pola autoridade administrativa correspondente que sexan necesarias para determinadas actuacións.

h) Calquera outra información que sexa significativa.

Artigo 4. Auditorías operativas

1. Xunto ás auditorías das súas contas anuais, someteranse a unha auditoría operativa as federacións deportivas galegas de surf e squash, dado que teñen recoñecido un núcleo de adestramento deportivo especializado pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

2. As auditorías operativas conterán a análise dos posibles puntos débiles e a correspondente proposta de recomendacións para a súa mellora.

Artigo 5. Lugar, procedemento e prazo de presentación

1. A presentación será obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, con código PR947B, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o disposto na Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación dos informes de auditoría.

2. O prazo de presentación dos informes de auditoría nos termos establecidos nesta orde abrirase a partir do día seguinte ao da publicación desta Resolución no Diario Oficial de Galicia, e terá como data límite para a súa presentación a do 30 de xullo de 2023.

Disposición adicional primeira. Empresa auditora

Para a realización dos informes de auditoría, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ten contratado un Acordo marco para os servizos de auditoría das contas anuais de 2021-2022-2023 e operativas das federacións deportivas galegas. A empresa auditora contratada contactará coas federacións relacionadas nos artigos 2 e 4 para a análise e informe das contas anuais de 2022, así como para realizar as auditorías operativas, e deberá tamén emitir recomendacións referentes a aspectos detectados no sistema de control para establecer as medidas que se consideren necesarias para mellorar, corrixir ou eliminar as deficiencias atopadas. As federacións deportivas galegas deberán colaborar coa empresa ou persoa auditora facilitando o seu labor e achegando a documentación que lles sexa requirida.

Disposición adicional segunda. Réxime de recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes