Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 2023 Páx. 19798

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se modifica a Resolución do 17 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2023 (código de procedemento PR924B).

O 16 de febreiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 17 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2023.

Esta convocatoria regula 4 programas de axudas dirixidos ás entidades galegas no exterior. Os programas 1, 2 e 3 convócaos anualmente a Secretaría Xeral da Emigración e están dirixidos, respectivamente, a financiar gastos de funcionamento e actuacións que potencien os vínculos con Galicia que desenvolven estas entidades, ben sexa con carácter ordinario dentro da súa programación anual de actividades, ben sexan de carácter extraordinario por tratarse de actividades puntuais ou de efemérides especiais da entidade.

Pola súa parte, o programa 4 diríxese a facilitar a participación na XIII sesión ordinaria do pleno do Consello de Comunidades Galegas. Esta reunión terá lugar en Galicia en setembro de 2023.

O Consello de Comunidades Galegas é, segundo se recolle na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e mais no Decreto 111/2015, do 6 de agosto, polo que se aproba o Regulamento da súa organización e funcionamento, o órgano colexiado de representación e de participación das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia, con funcións consultivas e de asesoramento á Administración autonómica en materia de emigración e galeguidade.

Este consello reúnese en sesión plenaria ordinaria cada tres anos e forma parte del unha persoa en representación de cada unha das comunidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade, conforme o previsto no Decreto 111/2015, do 6 de agosto, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas.

Con ocasión da sesión ordinaria do pleno, de conformidade co previsto no artigo 40 do Decreto 111/2015, do 6 de agosto, convócase proceso electoral para que as comunidades galegas elixan, por cada área xeográfica, as que exercerán a súa representación na Comisión Delegada do Pleno do Consello, órgano que asume as funcións do Pleno no período en que este non está reunido.

Unha vez publicada a convocatoria constatouse que en Arxentina e Cuba os procesos inflacionistas, incrementos constantes no valor oficial cambiario e a existencia de múltiples tipos de cambio alternativos están provocando que os gobernos tomen diversas medidas de tipo económico, entre elas, a de cargar con distintas taxas, impostos e retencións os prezos das pasaxes ao exterior. Esta situación fai que o custo da compra dun billete para o desprazamento a Galicia no país de orixe case duplique o seu custo respecto da súa compra desde España e que a subvención do programa 4 non cumpra para estas entidades a finalidade con que foi concibida, que era chegar á cobertura do 100 % dos gastos ocasionados polo desprazamento á reunión do pleno do Consello.

Na actualidade constan inscritas no Rexistro da Galeguidade 28 comunidades galegas con sede social en Arxentina e 9 comunidades galegas con sede social en Cuba, o que representa o 34 % da totalidade das comunidades galegas existentes e o 84,1 % das de todo o continente americano. É indubidable, pois, a relevancia que estas comunidades teñen no ámbito da galeguidade, sendo, como son, a canle de representación da poboación de orixe galega residente nestes dous países, destino preferente da emigración no século pasado.

A asistencia á reunión do pleno do Consello de Comunidades Galegas é unha materialización do dereito das comunidades galegas a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego, recoñecido polo Estatuto de autonomía e no marco normativo de desenvolvemento estatutario, motivo polo que, a través desta modificación, se habilita unha vía alternativa que permita a súa participación na reunión do pleno do Consello de Comunidades Galegas en condicións de igualdade co resto de entidades.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 17 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2023 (código de procedemento PR924B)

A Resolución do 17 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2023 (código de procedemento PR924B), queda modificada como segue:

Un. O número 1 do artigo 4 queda redactado como segue:

«1. Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución destinarase un crédito total de 1.276.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.481.0, axudas a entidades no ámbito das migracións, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2023.

As axudas do programa 4 respecto das comunidades galegas con sede social en Arxentina e Cuba teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos de desprazamento que se prestan ás persoas participantes procedentes destes dous países serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público. Con esta finalidade resérvase un crédito de 74.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.226.07 –actuacións derivadas da Lei da galeguidade– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2023».

Dous. O primeiro inciso do último parágrafo do número 2 do artigo 4 queda redactado como segue:

«Programa 4. Participación no pleno do XIII Consello de Comunidades Galegas.

O importe do crédito destinado a este programa é de 150.000 €.

O importe máximo do gasto que se terá en conta para os efectos de determinar o importe da subvención é o seguinte:

a) Entidades de América e Oceanía: 2.000 €.

b) Resto de entidades: 500 €.

No caso de que se presente unha estimación de gastos por importe superior, a contía que exceda este límite non será considerada.

No suposto de entidades que teñan a sede social en Arxentina e Cuba, a Secretaría Xeral da Emigración farase cargo, cun límite de 2.000 euros por entidade, dos gastos de desprazamento da persoa acreditada como representante para a súa participación na reunión do pleno do XIII Consello de Comunidades Galegas, desde o seu lugar de orixe e os de regreso, incluídos, de ser o caso, os de saída do país».

Tres. O parágrafo 3º) da letra d) do número 1 do artigo 8 queda redactado como segue:

«3º) Orzamento detallado que recolla o custo total previsto polo desprazamento necesario para participar na reunión plenaria, asinado polo/a representante legal da entidade, excepto no suposto de entidades con sede social en Arxentina e Cuba, dado que para estas últimas a subvención será en especie».

Catro. Engádese un último inciso ao número 1 do artigo 17, coa seguinte redacción:

«Esta última previsión non será de aplicación ás entidades con sede social en Arxentina e Cuba, dado que a axuda do programa 4 nestes supostos terá a consideración de axuda en especie».

Cinco. O parágrafo segundo do artigo 33 queda redactado como segue:

«Aboaranse o/s billete/s de ida e volta ao lugar de realización da reunión nun medio de transporte público en clase turista. No caso excepcional de utilizar un vehículo particular, a contía da indemnización será de 0,20 euros por quilómetro. No suposto de entidades con sede en Arxentina e Cuba, esta axuda será en especie, conforme o previsto no artigo 4.1».

Disposición adicional única. Prazo de presentación de solicitudes

Ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes, que será dun mes a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Aquelas entidades que presentaran solicitude ao abeiro da Resolución do 17 de xaneiro de 2023, non deberán achegar unha nova solicitude, tendo plena vixencia a xa presentada no seu día.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración