Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 22 de marzo de 2023 Páx. 19705

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Portas (expediente IN407A 2021/299-4).

Expediente: IN407A 2021/299-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad S.A.

Denominación: LMTA, LMTS e CTC na Costa-Romai.

Concello: Portas.

Feitos:

Primeiro. O 29 de novembro de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTA, LMTS e CTC na Costa-Romai.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións no lugar da Costa, na parroquia de Romai, no concello de Portas (Pontevedra):

– Instalación dun apoio C 1000/14 na liña de media tensión aérea do tramo TIB81010026 e a substitución do apoio A088QANK//D50-33-12-2 por un C 1000/16 no cal se instalará un XS.

– Substitución de 41 metros do condutor LA-30 entre os dous apoios proxectados por un condutor LA-56.

–Instalación dun centro de transformación rural de 160 kVA/20 kV, compacto manobra exterior en envolvente prefabricada de formigón.

– Instalación dunha liña de media tensión subterránea de 473 metros de lonxitude entre o apoio proxectado C-1000/14 e o centro de transformación proxectado.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Portas, Augas de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados técnicos emitido pola Deputación Provincial de Pontevedra e por Augas de Galicia.

O Concello de Portas non emitiu condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante o escrito do 1 de febreiro de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 1 de febreiro de 2022, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 24 de febreiro de 2022.

– Xornal Faro de Vigo: 11 de febreiro de 2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Portas.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións de Ana María Conde Fernández e Manuel Ferradáns Ferro. A seguir resúmese o seu contido:

– Ana María Conde Fernández alega que non é titular da parcela 36040A31000190000OX como figura na relación de bens e dereitos afectados. Informa que esta parcela encóntrase incorporada ao proceso de reestruturación agraria.

– Considérase erroneamente que a parcela 36040A309004130000OA é agraria.

– Non procede a consolidación de servidume por tratarse de núcleo delimitado e cerrado con extensión moi inferior a 5.000 m2.

– A existencia de trazados alternativos con menor distancia, custo e impacto sobre o medio.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

– Incorpora unha nova relación de bens e dereitos afectados en que figura como descoñecida a persoa titular da parcela 36040A31000190000OX.

– Que a parcela 36040A309004130000OA está clasificada como solo de núcleo rural común.

– Que o proxectado cumpre coa normativa urbanística e, en particular, co indicado no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Sexto. Debido á nova relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora e a imposibilidade de efectuar a notificación á persoa titular da parcela 36040A31000190000OX, esta xefatura publicou un anuncio no Diario Oficial de Galicia do 17 de xaneiro de 2023 e no Boletín Oficial del Estado do 20 de xaneiro de 2023.

Sétimo. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente analizaron todas as alegacións presentadas, e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Basea esta conclusión basicamente en tres motivos:

– Respecto á clasificación do solo, indícase que esta xefatura non é competente en materia de urbanismo e será no trámite de levantamento de actas cando de forma concreta, por unha parte, describe e delimita o ben que é obxecto de expropiación e, doutro lado, describe as afeccións concretas que comporta a expropiación. Na acta faise constar todas as manifestacións e datos que as partes acheguen e que sexan útiles para determinar o valor do que se expropia e os posibles prexuízos ocasionados pola rápida ocupación.

– Respecto á improcedencia da servidume, cabe indicar que o alegante non xustifica a existencia dunha vivenda anexa á parcela cunha superficie inferior a media hectárea.

– Respecto ao trazado alternativo, indícase que non consta por parte do alegante unha proposta concreta para poder valorala.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Instalación dun apoio C-1000/14 na LMTA do tramo TIB81010026 de derivación ao CT Costa (36A161).

– Substitución do apoio HV 630/15 (A088QANK//D50-33-13-2) por un de maior esforzo C-1000/16.

– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV con condutor tipo LA-56 de 41 metros de lonxitude, con orixe no apoio C-1000/14 proxectado e final no apoio C 1000/16 proxectado.

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV con condutor tipo RHZ de 437 metros de lonxitude, con orixe no apoio C-1000/14 proxectado e final no CT proxectado.

– Centro de transformación (CT) compacto de manobra exterior en envolvente prefabricada de formigón de 160 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/400 V.

As instalacións están situadas no lugar da Costa, na parroquia de Romai, no concello de Portas (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

– Con relación á clasificación da parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, o alegante será informado do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, se debe describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

– Con relación á improcedencia da servidume, sinálase que a normativa cita que non se poderá impoñer servidume de paso para as liñas de alta tensión sobre edificios, os seus patios, currais, centros escolares, campos deportivos e xardíns e hortos, tamén cerrados, anexos a vivendas que xa existían ao tempo de iniciarse o expediente de solicitude de declaración de utilidade pública sempre que a extensión dos hortos e xardíns sexa inferior a media hectárea. O alegante non xustifica que exista unha vivenda anexa á súa parcela cunha superficie inferior a media hectárea.

– De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de aprecio, momento no cal o titular concretará o valor que estime, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

– Ademais, o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte anteeconómico a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropicación comprenda a súa totalidade.

– Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. O alegante non concreta un trazado que se poida valorar, simplemente cita a posibilidade de situar as instalacións en terreos que suporían unha menor afectación.

Conforme o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTA, LMTS e CTC na Costa-Romai (expediente IN407A 2021/299-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 23 de febreiro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedrda