Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 21 de marzo de 2023 Páx. 19494

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica nos concellos de Ponte Caldelas, Vilaboa e Pontevedra (expediente IN407A 2022/488-4).

Expediente: IN407A 2022/488-4.

Promotora: Eléctrica Los Molinos, S.L.

Denominación: LAT 66 kV subestación Bértola-subestación A Reigosa.

Concellos: Ponte Caldelas, Vilaboa e Pontevedra.

Feitos:

Primeiro. O 11 de novembro de 2022, Eléctrica Los Molinos, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica LAT 66 kV subestación Bértola-subestación A Reigosa.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na instalación de 5.795 metros dunha liña de alta tensión subterránea a 66 kV para alimentar a subestación A Reigosa, desde a futura subestación eléctrica de 66/220 kV (Bértola), que se conectará con Red Eléctrica de España. As actuacións están previstas nos municipios de Ponte Caldelas, Vilaboa e Pontevedra.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Ponte Caldelas, o Concello de Vilaboa, o Concello de Pontevedra, Augas de Galicia, a Demarcación de Estradas do Estado, a Deputación Provincial de Pontevedra, o Servizo do Patrimonio Cultural e Telefónica de España, S.A.U. A empresa manifestou a súa conformidade co condicionado emitido por Telefónica de España, S.A.U.

O Concello de Ponte Caldelas manifestou que non se encontra afectado pola instalación da LAT 66 kV subestación Bértola-subestación A Reigosa.

O Servizo de Patrimonio Cultural notificou a resolución favorable para a LAT 66 kV subestacións Bértola e A Reigosa, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 2 de marzo de 2023.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo de 2022), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña subterránea de alta tensión a 66 kV, condutor RHZ1-RA+2OL 36/66 kV 1×630 mm2 KAI + H224,7 AL, de 5.795 metros de lonxitude, desde a subestación A Reigosa ata a futura subestación Bértola. A liña discorre polos concellos de Vilaboa, Pontevedra e Ponte Caldelas.

Conforme o indicado, resolvo:

Primeiro. Outorgar a Eléctrica Los Molinos, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LAT 66 kV subestación Bértola - subestación A Reigosa (expediente IN407A 2022/488-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Eléctrica Los Molinos, S.L. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 14 de marzo de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra