Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 21 de marzo de 2023 Páx. 19406

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 20 de marzo de 2023 pola que se aproba, con carácter definitivo, o trámite de información pública e o proxecto de construción e se declara, en concreto, a utilidade pública e a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos afectados pola construción dunha base de medios aéreos transfronteiriza, no marco do proxecto Interlumes, nos concellos de Verín e Oímbra.

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, é beneficiaria principal do proxecto Interlumes, dentro do Programa de cooperación Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

O obxectivo do proxecto Interlumes é reforzar a capacidade operativa de resposta á extinción de incendios forestais na fronteira hispano-lusa, fundamentalmente a través da construción da primeira base de medios aéreos transfronteirizos, que permitirá dar unha resposta máis áxil e eficaz na loita contra o lume.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Defensa do Monte, do 20 de setembro de 2022, aprobouse provisionalmente o proxecto de construción acompañado da relación de parcelas necesarias para a súa construción.

O día 4 de novembro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia, número 210, o Anuncio do 26 de outubro de 2022 polo que se somete a información pública o proxecto de construción da base aérea, así como a relación individual de bens, dereitos e persoas propietarias afectados polo referido proxecto.

Esta base aérea proxéctase nos concellos de Verín e Oímbra e prevé a construción dun aeródromo cunha pista de 1.220 m de lonxitude e 80 m de largo, con aparcadoiro para seis aeronaves de carga en terra e preparada para operar avións tipo Canadair 215; un heliporto con estacionamento para catro helicópteros; instalacións de carga de combustible e auga; torre de control; edificacións para as tripulacións e as brigadas helitransportadas; servizos xerais (accesos, aparcamentos, abastecemento, saneamento, enerxía eléctrica) e cerramento.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, a competencia para a declaración de urxente ocupación para os efectos da construción de infraestruturas preventivas para a defensa contra os incendios forestais está regulada pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que establece no artigo 18.5 que se declaran de utilidade pública as infraestruturas e os equipamentos preventivos vinculados á defensa e loita contra os incendios forestais, para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para a súa construción e instalación. Indica, así mesmo, que será a dirección xeral competente por razón da materia quen elaborará o proxecto, acompañado da relación individualizada de bens e dereitos que se consideren de necesaria expropiación; que se solicitarán os informes sectoriais afectados e se someterá a información pública, e que, concluída esta tramitación, a persoa titular da consellería competente acordará a declaración de utilidade pública, sen prexuízo da competencia do Consello da Xunta en caso de oposición por parte doutros organismos sectoriais.

A declaración de utilidade pública comportará a necesidade de ocupación dos bens e adquisición dos dereitos afectados e a imposición de servidumes de paso de enerxía e outras necesarias para a execución do proxecto, o que permitirá iniciar o procedemento para a súa urxente ocupación para os efectos do previsto na lexislación de expropiación forzosa.

De acordo co exposto, por proposta do director xeral de Defensa do Monte e facendo uso das atribucións que me confire a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación do proxecto de construción

Aprobar, con carácter definitivo, o trámite de información pública e o proxecto de construción da base aérea transfronteiriza nos concellos de Verín e Oímbra.

Artigo 2. Declaración de utilidade pública

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concreten no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario efectuar para a execución do proxecto de construción dunha base de medios aéreos transfronteiriza, no marco do proxecto Interlumes, nos concellos de Verín e Oímbra.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

A persoa titular da Dirección Xeral de Defensa do Monte ditará as resolucións precisas e promoverá os trámites administrativos necesarios para a execución do expediente de expropiación forzosa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entra en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural