Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 20 de marzo de 2023 Páx. 19012

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2023 pola que se habilita o persoal da gardaría fluvial desta entidade pública para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

O artigo 73 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece a obriga das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de dotar o seu persoal empregado público dun certificado electrónico recoñecido ou cualificado de empregado público como sistema de sinatura electrónica e tamén a posibilidade de emisión de certificados dixitais de pseudónimo en actuacións administrativas que, realizadas por medios electrónicos, afecten á información clasificada, á seguridade pública ou á defensa nacional, ou noutras actuacións en que legalmente estea xustificado o anonimato para a súa realización.

A Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega establece o procedemento de emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo para o persoal empregado público, sen prexuízo de habilitación de determinados colectivos para o seu emprego, tal e como se dispón no artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

O artigo 19.e) do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, dispón que o persoal afecto á gardaría fluvial goza, no exercicio das súas funcións de inspección, vixilancia e control do dominio público, das prerrogativas inherentes á súa condición de autoridade pública.

A seudonimización da sinatura do dito persoal constitúe unha medida necesaria e eficaz para a protección dos axentes no exercicio das súas funcións, evitando eventuais inxerencias no ámbito persoal do referido persoal empregado público.

Esta protección serve ao interese público de que as funcións dos axentes en exercicio da súa condición de autoridade poidan ser desenvolvidas con maior eficacia.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 15.3.m) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e o artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto habilitar un determinado colectivo de empregados públicos dependentes da entidade pública empresarial Augas de Galicia para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Augas de Galicia habilita para o uso do certificado dixital con pseudónimo o seguinte colectivo de empregados públicos:

1. Persoal laboral previsto no anexo II-A do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, do grupo III, categoría 8, «encargado/a xeral», dependente da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

2. Persoal laboral previsto no anexo II-A do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, do grupo III, categoría 67, «xefe/a de equipo», dependente da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

3. Persoal laboral previsto no anexo II-A do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, do grupo IV, categoría 7, «garda xuramentado/a fluvial. garda explotación», dependente da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

4. Persoal funcionario do corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes de inspección, especialidade de vixilancia do dominio público hidráulico.

Artigo 3. Emisión e uso do certificado dixital de pseudónimo

A emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo rexerase polo establecido na Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

O uso do certificado dixital de pseudónimo será empregado exclusivamente para asinar os informes, as actas ou os documentos análogos elaborados no exercicio das funcións de autoridade pública, inspección, vixilancia ou control levadas a cabo co fin de garantir o cumprimento das normas reguladoras da xestión do dominio público hidráulico en cuxo ámbito exerzan as súas funcións, así como no desempeño daqueloutras funcións en que resulte necesario preservar a identidade do persoal a que fai referencia o artigo 2, por concorreren circunstancias que aconsellen adoptar desta medida.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023

Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia