Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 20 de marzo de 2023 Páx. 18878

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se aproba a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Ulla para o ano 2023 (código de procedemento MT806B).

Antecedentes:

Primeiro. Regulamento (CE) nº 1100/2007 do Consello, do 18 de setembro de 2007, polo que se establecen medidas para a recuperación da poboación da anguía europea, establece o marco necesario para a protección e a explotación sustentable da poboación da anguía europea, Anguilla anguilla, en augas comunitarias, nas lagoas costeiras, nos estuarios e nos ríos e augas interiores que comunican con ríos dos Estados membros.

Establece que os Estados membros elaborarán un plan de xestión da anguía para cada unha das bacías fluviais da anguía que estean delimitadas. Cada plan de xestión terá como obxectivo reducir a mortalidade antropoxénica co fin de permitir, cunha elevada probabilidade, a fuga cara ao mar de polo menos o 40 % da biomasa de anguías europeas, correspondente á mellor estimación do posible índice de fuga que se rexistraría no caso de que ningunha influencia antropoxénica incidise na poboación. O plan de xestión da anguía prepárase co fin de conseguir este obxectivo a longo prazo.

Segundo. En xuño de 2011 entrou en vigor o Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 129, do 6 de xullo), e como resultado deste decreto comezaron a aprobarse os plans de aproveitamento da anguía no río Ulla.

Terceiro. A finais do ano 2011, as confrarías de pescadores Santiago Apóstolo do Carril e Virxe do Carme de Rianxo presentaron os anexos I e II do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 129, do 6 de xullo), e un plan de aproveitamento específico para a pesca da anguía na bacía do río Ulla para o ano 2012.

Cuarto. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza ditou a Resolución do 20 de febreiro de 2012 pola que se aprobou o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Ulla para o ano 2012 (DOG núm. 45, do 5 de marzo).

Quinto. A Xefatura Territorial de Pontevedra aproba anualmente a renovación do plan mediante as resolucións seguintes:

• Resolución do 8 de marzo de 2013 (DOG núm. 76, do 19 de abril).

• Resolución do 3 de febreiro de 2014 (DOG núm. 33, do 18 de febreiro).

• Resolución do 3 de febreiro de 2015 (DOG núm. 27, do 10 de febreiro).

• Resolución do 14 de xaneiro de 2016 (DOG núm. 20, do 1 de febreiro) e a Resolución do 12 de xaneiro de 2017 (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro), modificada pola Resolución do 9 de febreiro de 2017 (DOG núm. 38, do 23 de febreiro).

• Resolución do 27 de decembro de 2017 modificada pola Resolución do 5 de marzo de 2018 (DOG núm. 60, do 26 de marzo).

• Resolución do 18 de xaneiro de 2019 (DOG núm. 23, do 1 de febreiro) e a Resolución do 15 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro) e a súa corrección de erros (DOG núm. 31, do 14 de febreiro).

• Resolución do 13 de xaneiro de 2021 (DOG núm. 17, do 27 de xaneiro) e a súa corrección de erros (DOG núm. 23, do 4 de febreiro), modificada pola Resolución do 12 de maio de 2021 (DOG núm. 95, do 24 de maio).

• Resolución do 4 de xaneiro de 2022 (DOG núm. 9, do 14 de xaneiro), modificada pola Resolución do 18 de marzo de 2022 (DOG núm. 59, do 25 de marzo).

Sexto. O 18 de xaneiro de 2022 e o 20 de xaneiro de 2022, as confrarías Virxe do Carme de Rianxo e Santiago Apóstolo do Carril, respectivamente, presentaron as solicitudes de renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Ulla para o ano 2023 e xuntaron á solicitude a relación de embarcacións que solicitan participar no plan. Solicitaron a participación no plan de 18 embarcacións e 39 tripulantes.

Sétimo. O 14 de decembro de 2022 fíxoselle un requirimento ás dúas confrarías para que emendasen a solicitude achegando a documentación necesaria dalgunha embarcación e, ademais, para que a Confraría do Carril reducise o número de persoas que solicitaban participar no plan.

Oitavo. O 16 de decembro de 2022, a Confraría do Carril achegou a documentación da embarcación que se lle solicitara e reduciu o número de tripulantes. Así mesmo, o día 23 de decembro de 2022, a Confraría de Rianxo achegou a documentación que lle fora requirida que xustifica a inactividade das embarcacións.

Noveno. O 10 de xaneiro de 2023 solicitouse informe á Consellería do Mar, que, a través do seu Servizo de Planificación da Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico, emitiu informe favorable. Solicitouse tamén informe á Área de Espazos Naturais Protexidos do Servizo de Patrimonio Natural por quedar a zona de actividade parcialmente dentro do sistema fluvial Ulla-Deza, informe que foi favorable, e ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, do cal non se tivo resposta, polo que se considera que non existe inconveniente para aprobar este plan.

Décimo. O 30 de xaneiro de 2023, a Confraría do Carril solicitou outro cambio de tripulante na embarcación Xurxo para que sexa tida en conta na renovación do plan.

Décimo primeiro. Como resultado de varias recomendacións, nos últimos anos, do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM), e para que, en aplicación do principio de precaución, non se producisen capturas de anguía en ningún hábitat e en ningunha fase de vida en toda a súa área de distribución natural, tanto na pesca recreativa como comercial, publicouse o Regulamento (UE) 2023/194 do Consello, do 30 de xaneiro de 2023, polo que se fixan para 2023 as posibilidades de pesca para determinadas poboacións de peixes aplicables en augas da Unión, e, no caso dos buques pesqueiros da Unión, en determinadas augas non pertencentes á Unión, e se fixan para 2023 e 2024 tales posibilidades de pesca para determinadas poboacións de peixes de augas profundas.

Neste regulamento establécense as seguintes medidas de aplicación directa en todos os Estados membros da UE:

O punto 2 do artigo 13, que regula as medidas aplicables ás pesqueiras de anguía, sinala que queda prohibido practicar actividades pesqueiras comerciais de anguía (Anguilla anguilla), como especie obxectivo ou como captura accesoria, en todas as súas fases de vida durante un período mínimo de seis meses.

Este período de veda durará seis meses consecutivos ou un total de seis meses, de conformidade co punto 4 do citado artigo, no cal se establece como se determinan os períodos de veda nas subzonas CIEM, entre as cales se inclúe a subzona 9 en que está Galicia.

Segundo o punto 4a.iii), para a anguía cunha lonxitude igual ou superior a 12 cm os períodos de veda serán do 1 de novembro de 2023 ao 31 de xaneiro de 2024, e un período de veda adicional de tres meses que se establecerá entre o 1 de marzo de 2023 e o 30 de setembro de 2023.

Segundo o artigo 59.b) do citado regulamento, o artigo 13 aplicarase desde o 1 de marzo de 2023 ata o 31 de marzo de 2024 no que se refire aos períodos de veda nas subzonas CIEM en que se atopa Galicia.

Esta norma, de obrigado cumprimento, implica cambios na época de veda da anguía, que era de tres (3) meses e deberá ser de seis (6) meses. Tendo en conta o artigo 59, o ámbito de aplicación do Regulamento (UE) 2023/194 para establecer as vedas no Atlántico é do 1 de marzo de 2023 ata o 31 de marzo de 2024, e neste período, en que o mes de abril de 2024 queda fóra, as opcións de veda para a anguía maior ou igual a 12 cm son de seis (6) meses consecutivos entre o 1 de outubro de 2023 e o 31 de marzo de 2024, ou un período de tres (3) meses fixo do 1 de novembro de 2023 ao 31 de xaneiro de 2024, máis un período adicional de, como mínimo, tres (3) meses entre o 1 de marzo e o 30 de setembro de 2023.

Décimo segundo. O día 7 de marzo de 2023, o Servizo de Patrimonio Natural emitiu informe e propuxo aprobar a renovación deste plan.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A normativa de aplicación para a resolución deste procedemento vén determinada polo Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, así como pola Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro), e polo Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (DOG núm. 106, do 4 de xuño).

Segundo. O Regulamento (UE) 2023/194 do Consello, do 30 de xaneiro de 2023, polo que se fixan para 2023 as posibilidades de pesca para determinadas poboacións de peixes aplicables en augas da Unión Europea, e, no caso dos buques pesqueiros da Unión, en determinadas augas non pertencentes á Unión, e se fixan para 2023 e 2024 tales posibilidades de pesca para determinadas poboacións de peixes de augas profundas.

Terceiro. O artigo 9 do Decreto 130/2011 dispón que se poderán renovar os plans de aproveitamento específico da anguía por períodos dun ano, sempre que se cumpran as condicións e os informes previstos nos puntos dous e tres do dito artigo.

Cuarto. O Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, atribúen a esta consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos piscícolas.

Resolución:

Visto o exposto nos antecedentes e nos fundamentos de dereito, acórdase aprobar a renovación do plan específico da anguía na desembocadura do río Ulla para o ano 2023, que figura como anexo a esta resolución.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes desde a súa publicación, segundo o recollido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Pontevedra, 10 de marzo de 2023

José Manuel González González
Xefe territorial de Pontevedra

ANEXO

Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura
do río Ulla para o ano 2023

1. Relación de embarcacións e tripulantes autorizados no plan.

a) Autorízanse 18 embarcacións e 37 persoas tripulantes que se relacionan no anexo A desta resolución de xeito que non se aumenta o esforzo pesqueiro establecido no plan do ano anterior.

b) O número máximo de tripulantes por embarcación será de tres (3).

A listaxe de embarcacións e tripulantes aprobado por esta resolución non se poderá modificar salvo por causas sobrevidas e suficientemente xustificadas.

2. Período de pesca.

O período de pesca será desde o 1 de abril ata o 30 de setembro de 2023, período que será aplicable ás tres zonas de pesca A, B e C.

O número previsto de días de actividade está entre 20-23 días ao mes, cun máximo de 130 días por tempada.

3. Horario.

a) Con carácter xeral, os labores de pesca estarán comprendidos entre as 12.00 horas do luns e as 12.00 horas do sábado.

b) As nasas deberán ser levantadas e revisadas diariamente e deberanse baleirar o máis rápido posible, para evitar a morte das capturas accidentais.

c) Queda prohibido ter máis dunha cacea sen baleirar na cuberta da embarcación.

4. Arte.

a) A arte de pesca é a nasa-voitirón.

b) O tamaño da malla non será inferior a 14 mm, medida en diagonal e mollada.

c) As artes de pesca de cada cacea deberán estar unidas por unha corda e irán balizadas segundo a normativa vixente. Levarán en cada extremo unha boia de tamaño mínimo de 20 cm. Nas de dimensións menores, indicarase o folio da embarcación que opera con ela.

d) As caceas deberanse situar en dirección paralela á corrente e non se poderán cruzar nin na canle nin no esteiro.

e) Programarase o tendido das artes de xeito que sempre quede libre un largo do río suficiente para o normal movemento das especies piscícolas migradoras.

5. Número de aparellos ou artes de pesca por tripulante e xornada de pesca.

O número de artes de pesca que se empregará en cada unha das zonas descritas no número 6 deste anexo non poderá ser superior a dez (10) nasas-voitirón por tripulante, cun máximo de 80 por embarcación e por xornada de pesca. Non se poderá acumular o número asignado dunha zona a outra.

De conformidade co anterior, e con base no establecido no Plan de xestión da anguía en Galicia, ningunha embarcación poderá empregar máis de 80 nasas-voitirón ao día independentemente da zona de pesca (marítima ou fluvial).

6. Zonas de pesca e vedado.

a) As zonas de pesca autorizadas reflíctense no plano que se xunta a este plan como anexo C.

(1) Zona A (ou alta): tramo do río Ulla comprendido entre a ponte de Catoira, como límite superior, e a liña recta imaxinaria que une Punta Palleiro con Punta Grandoiro, como límite inferior.

(2) Zona B (ou media): tramo do río Ulla comprendido entre a liña recta imaxinaria que une Punta Palleiro con Punta Grandoiro, como límite superior, e, como límite inferior, a liña imaxinaria que une Praia Longa con Punta Seveira.

(3) Zona C (ou baixa): tramo do río Ulla comprendido entre a liña imaxinaria que une Praia Longa con Punta Seveira, como límite superior, e, como límite inferior, a liña imaxinaria que une Punta Seveira con Punta Rebordexo e a súa continuación, bordeando a illa de Cortegada, ata o faro do dique do Carril, excluída a illa de Cortegada, como límite inferior.

b) Vedado: a zona denominada O Cebal permanecerá vedada desde o 14 de xullo ata o 14 de setembro, ambos os dous incluídos, para todo tipo de capturas con nasa-voitirón. Os límites xeográficos desta zona con veda temporal reflíctense no plano de zonificación que se xunta a este plan como anexo C, e son os seguintes:

a. Liña imaxinaria que une o lugar de Bamio (San Xinés ou rampla do cemiterio) con Punta Corveiro na illa de Cortegada.

b. Liña de costa da illa de Cortegada que une Punta Corveiro con Punta do Vao.

c. Liña imaxinaria que une Punta do Vao coa zona superior dos viveiros do Carril.

7. Especie e tamaño mínimo.

a) Só se autoriza a captura de anguía na fase do seu ciclo vital denominada «anguía amarela» e que acade a dimensión mínima establecida de 20 cm.

b) Evitarase a captura de anguía na fase denominada «anguía prateada» e todas as que se capturen deberán ser devoltas inmediatamente á auga.

c) Devolverase ao río calquera outra especie que entre nas nasas.

d) As nasas deberanse baleirar o máis rápido posible para evitar a morte das capturas accidentais.

8. Cotas de captura por tempada.

Mantense a cota total autorizada na última tempada, fixada nun máximo de 5.176 quilos para o total das embarcacións.

9. Rexistro das capturas e remisión de datos.

a) Con periodicidade mensual, as confrarías deberán remitir os datos de extracción por especie e por día traballado, e utilizar como modelo o que se xunta como anexo B, ao Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, xunto cos xustificantes de venda na lonxa.

b) Deberase indicar no anexo B a procedencia das anguías capturadas, desagregando as capturas realizadas na zona marítima (M) dentro do Plan de pesca de anguía da Consellería do Mar, das capturas obtidas na zona fluvial (F), reguladas polo Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Ulla, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

A non inclusión de datos dalgunha das embarcacións no período estipulado terá como consecuencia a súa baixa do plan.

10. Mostraxes.

Durante o período de vixencia do plan, o persoal das consellerías competentes en materia de pesca marítima e/ou fluvial poderá realizar, en calquera das embarcacións autorizadas, mostraxes para o control, seguimento e avaliación do plan. Os armadores deben colaborar de xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva no plan.

11. Extracción e comercialización das capturas e o seu control.

a) A comercialización farase exclusivamente na lonxa e teñen a obriga de entregar nela a totalidade das súas capturas.

b) Mensualmente os participantes do plan teñen a obriga de remitir ao Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra os xustificantes de venda na lonxa xunto cos datos de capturas sinalados no número 9 deste plan.

Esta resolución queda condicionada ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca, en particular o regulado na Orde do 31 de marzo de 2014 pola que se regula a comercialización en orixe de especies eurihalinas de interese comercial (DOG núm. 69, do 9 de abril).

12. Documentación acreditativa.

Antes de iniciar a actividade pesqueira, dentro do período autorizado no plan, cada unha das confrarías deberá entregar a documentación orixinal (ou copia cotexada) correspondente a cada unha das embarcacións autorizadas.

13. Infraccións e sancións.

O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro).

14. Renovación do plan.

Dentro dos tres meses anteriores á finalización do plan de aproveitamento, poderase solicitar a súa renovación polo período dun ano empregando o modelo do procedemento Plans de aproveitamento para a pesca profesional da anguía nas augas continentais (código do procedemento MT806B).

Xunto coa solicitude de renovación presentarán a listaxe das embarcacións e dos tripulantes por embarcación. O máximo de tripulantes por embarcación será de tres (3).

A renovación procederá sempre que non se aumente o esforzo pesqueiro, que non se modifiquen as zonas de pesca e que os informes técnicos que solicite o Servizo de Patrimonio Natural non aconsellen as modificación do plan vixente.

O expediente de renovación requirirá do informe da Consellería do Mar para as zonas de desembocadura e, de ser o caso, dos informes dos departamentos da Xunta con competencias en materia de espazos naturais protexidos.

O incumprimento dalgunha das condicións establecidas na resolución de autorización ou a falta de actividade non xustificada dará lugar á perda da autorización da embarcación, así como á imposibilidade de participar na seguinte renovación do plan.

ANEXO A

Relación de embarcacións e tripulantes autorizados a participar
no Plan de aproveitamento da anguía no río Ulla para o ano 2023

– Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo do Carril.

Núm.

Embarcación

Matrícula

Participantes no plan

1

Ángeles

VILL-3ª-10.128

José Manuel Pesado Romay

Juan Gabino Campos Taibo

Tatiana Pesado Batalla

2

Auxiliar Pesado

VILL-3ª-8.707

Roberto Barreiro Pesado

Gerardo Barreiro Pesado

3

Camba

VILL-3ª-9.952

Elena Lago Pérez

Ricardo Jueguen Martínez

4

Eu

VILL-3ª-10.223

Ramón Barreiro Blanco

Juan Francisco García Cameán

5

Gima

VILL-3ª-4.092

José Barreiro Blanco

Carmelo Campos Taibo

Mª Luz Rodríguez Potel

6

María del Carmen

VILL-3ª-2.652

Alfonso Barreiro Ferreirós

7

Porto

VILL-3ª-10.131

Begoña Barreiro Ferreirós

Damián Ozores Barreiro

8

Tami Uno

VILL-3ª-3-2-08

José Ángel Pesado Taibo

Alejandro Pesado Taibo

9

Tilocha primera

VILL-3ª-3-21

Antonio Pesado Romay

Marcos Pesado Portas

Iván Pesado Portas

10

Vicenta

VILL-3ª-10.156

Miguel Barreiro Blanco

Miguel Ángel Campos Taibo

11

Xurxo

VILL-3ª-8-91

María Begoña Gerpe Jamardo

Roberto Diz Rivas

Total: 11 embarcacións-24 tripulantes.

– Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Rianxo.

Núm.

Embarcación

Matrícula

Participantes no plan

1

O Quinso

VILL-3-21-8

Serafín Rubio Collazo

Manuel Gómez Gómez

2

Curota

VILL-3-4-02

Eloy Vidal Galbán

Mª Vanesa Pérez Abuín

3

Espada

VILL-3-9473

Jorge Rubio Collazo

Paula Comojo Moares

4

Paraná

VILL-3-12-96

José Luis Silva Conde

Obdulia Conde Rañó

5

Peruco

VILL-3-9-98

Xacobo Vicente Patiño

Juan Vicente Patiño

6

Somos Dos

VILL-3-9651

José Ramón Fungueiriño Castro

7

Xoana

VILL-3-13-92

Juan Diego Tembra Domínguez

Cristina Ces Ordóñez

Total: 7 embarcacións-13 tripulantes.

ANEXO B

Plan de aproveitamento da anguía na desembocadura do río Ulla-2023

Declaración diaria de capturas por embarcación

Nome da embarcación________________________________________ Mes__________________

Núm. CFPO_____________________ Matrícula e folio____________________________________

Día

Número
de tripulantes

Número de nasas empregadas

Zona
de extracción (1)

kg

(1) Indicarase a procedencia das capturas:

– M, para as capturadas na zona marítima.

– F, para as capturadas na zona fluvial.

Asinado:

O armador da embarcación

missing image file