Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 20 de marzo de 2023 Páx. 18824

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se aproba e se fai público o modelo de presentación do Plan de labores de actividades mineiras (código de procedemento IN329A).

O Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, configura esta como o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde o exercicio de funcións en materia de promoción e dinamización da actividade mineira e do aproveitamento dos recursos minerais. As competencias en materia de minas están atribuídas á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, e a este centro directivo correspóndelle, en particular, o impulso de plans, programas, medidas e incentivos económicos orientados ao desenvolvemento, á innovación, ao incremento da competitividade e á internacionalización do sector mineiro de Galicia.

Segundo dispón o artigo 34 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, as persoas titulares de dereitos mineiros das seccións A), C) e D) deben presentar anualmente un plan de labores para a súa aprobación polo órgano mineiro competente.

Este plan de labores revélase como unha ferramenta útil a través da cal as persoas titulares das explotacións mineiras dan conta, entre outras cousas, da súa actividade de investigación, de aproveitamento e de restauración, e a Administración con competencia en minaría pode controlar o desenvolvemento da actividade mineira.

Tendo en consideración que dentro das principais tarefas e funcións da Administración mineira está garantir un adecuado aproveitamento dos recursos minerais, así como tamén controlar o cumprimento das obrigas que en materia de seguridade e saúde deben asumir os citados titulares, sen esquecer, por suposto, as relativas ao respecto polo ambiente, resulta de grande importancia a información que se proporciona a través do plan anual de labores.

No ano 2008, co obxecto de garantir a independencia na elección de alternativas tecnolóxicas por parte dos interesados para presentaren o plan de labores, daquela Consellería de Innovación e Industria acometeu a revisión do modelo que se viña utilizando e deseñou unha aplicación de escritorio para elaborar o citado documento. Esta aplicación informática, coñecida como PlanLaga, é a que se vén utilizando actualmente para elaborar o Plan de labores de actividades mineiras; porén, a dita aplicación está obsoleta ao non se poder executar con gran parte dos actuais sistemas operativos.

Pola súa banda, a Administración pública, no marco da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e co propósito de conseguir o desenvolvemento pleno da administración electrónica, ten a obriga de deseñar e prestar uns servizos que satisfagan as necesidades dos cidadáns en xeral e das empresas en particular mediante a oportunidade que brinda o novo contorno dixital, facilitando así as súas relacións e acadando uns procedementos administrativos máis sinxelos e eficaces. Nesta liña, púxose recentemente en marcha a Axenda de impulso da minaría sustentable de Galicia 2030, cuxo primeiro eixe de actuación é precisamente a dixitalización da Administración mineira, que recolle entre as súas iniciativas o desenvolvemento do plan de labores dixital.

No contexto tecnolóxico descrito, resulta preciso revisar o sistema de presentación do plan de labores e substituír a aplicación PlanLaga por un novo formulario que permita recoller os datos declarados polas persoas titulares dos aproveitamentos mineiros, ao tempo que se revisa e actualiza parte do seu contido e o formato da documentación anexa, todo isto co obxecto de adaptar os formularios e a información que se recolle neles ás necesidades técnicas, legais e estatísticas actuais.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

1. Habilitar, na sede electrónica da Xunta de Galicia, o procedemento de presentación dos plans de labores de actividades mineiras, co obxecto de que as persoas titulares das ditas actividades que teñan establecida a obriga de presentar anualmente o referido plan dispoñan dun procedemento para a presentación deste documento. O procedemento terá asignado o código IN329A: presentación do Plan de labores de actividades mineiras.

2. Aprobar e dar publicidade ao novo modelo do Plan de labores de actividades mineiras, que se comunicará a través do formulario recollido no anexo I desta resolución: procedemento IN329A.

Esta adaptación afecta exclusivamente o modelo de presentación do plan de labores, sen que en ningún momento sexan modificadas as obrigas establecidas pola lexislación mineira.

Segundo. Destinatarios

Estes procedementos están dirixidos ás persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de dereitos mineiros das seccións A), C) e D) reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.

Terceiro. Prazo de presentación

O procedemento IN329A é un procedemento administrativo de prazo aberto e pódese empregar o modelo de comunicación desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade co Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, polo que se aproba o Regulamento xeral para o réxime da minaría, o plan de labores presentarase anualmente nos seguintes prazos: dentro do mes de xaneiro de cada ano para o caso de explotacións das seccións C) e D), e antes do 1 de marzo para o caso de dereitos da sección A).

Cuarto. Forma de presentación do Plan de labores de actividades mineiras: procedemento IN329A

O Plan de labores de actividades mineiras presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Quinto. Notificacións

As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na comunicación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sexto. Trámites administrativos posteriores á presentación da comunicación

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da comunicación deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétimo. Especificidades do procedemento IN329A

1. O procedemento IN329A regula a presentación do Plan de labores de actividades mineiras, segundo o formulario recollido no anexo I desta resolución.

Segundo dispón o artigo 34 da Lei 3/2008, de ordenación da minaría de Galicia, as persoas titulares de dereitos mineiros das seccións A), C) e D) deberán presentar anualmente un plan de labores para a súa aprobación polo órgano mineiro competente. O plan de labores deberá ser cuberto e asinado pola persoa que exerza a dirección facultativa.

2. O procedemento IN329A de presentación do plan de labores é un procedemento electrónico de prazo aberto. A presentación do plan de labores realizarase anualmente e este será dirixido á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (en diante, a Xefatura Territorial) onde se localicen as explotacións ou establecementos de beneficio obxecto do plan de labores, nos seguintes prazos:

– Dentro do mes de xaneiro para o caso de dereitos das seccións C) e D).

– Antes do 1 de marzo para o caso de dereitos da sección A).

3. Xunto coa presentación do plan de labores (procedemento IN329A) deberase achegar a seguinte documentación:

1) Informe da persoa directora facultativa.

2) Informe sobre os investimentos realizados no ano anterior e os previstos para o ano actual.

3) Memoria descritiva dos investimentos financiados con cargo ás dotacións do factor de esgotamento, se procede.

4) Descrición xeolóxica do terreo, ou actualización desta como consecuencia do labor de investigación.

5) Informe sobre a variación producida nas reservas, se procede.

6) Informe sobre os labores de investigación.

7) Medición de partículas en suspensión e sedimentables.

8) Avaliación do nivel de presión acústica no contorno.

9) Avaliación do nivel de emisións gasosas de maquinaria e vehículos.

10) Medición dos parámetros de vertedura.

11) Xestión de residuos.

12) Documento de seguridade e saúde segundo o índice de contido mínimo establecido na ITC 02.1.01 «Documento sobre seguridade e saúde» ou, de ser o caso, a actualización do dito documento.

13) Outra documentación.

14) Planos:

(a) Plano de situación. Escala 1:50.000 ou 1:25.000.

(b) Plano de dereitos. Incluirá o perímetro das concesións para o caso das seccións C) e D) e o perímetro dos terreos autorizados, propios e/ou arrendados, para o caso das seccións A). Así mesmo, incluirá os perímetros de explotación autorizados, instalacións, entulleiras, etc. Escala 1:5.000 ou a que corresponda segundo o estipulado no artigo 70.4 do Regulamento xeral para o réxime da minaría.

(c) Plano de labores actualizado, en que se detallen os labores efectuados durante o ano anterior e os previstos para o ano en curso. Indicará, ademais, os límites das concesións (seccións C) e D), os perímetros dos predios autorizados (sección A), así como os perímetros de explotación autorizados. Escala 1:500, 1:1.000 ou 1:2.000. Conterá unha base topográfica con curvas de nivel cada metro, agás que excepcionalmente se autorice expresamente un intervalo maior. Mostrará captacións e verteduras de augas, liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica, de telefonía, etc.

(d) Perfís xerais.

(e) Perfís de cubicación, con indicación da superficie de referencia empregada para esta.

(f) Plano de restauración.

(g) Plano de conxunto. Incluirá balsas, depósitos de lodos, entulleiras e instalacións. Poderase considerar como plano de conxunto o descrito na alínea (c) se inclúe os elementos aquí descritos e non afecta a escala de representación do plano de labores.

(h) Plano de instalacións de preparación mecánica, naves de elaboración ou outros establecementos de beneficio. Diagrama de fluxo de materiais e produtos.

(i) Esquema de ventilación.

(j) Esquema de instalación eléctrica.

(k) Outros.

A documentación indicada presentarase en formato pdf ou similar, excepto os planos correspondentes ás alíneas c), f) e g), que serán presentados en formato shapefile ou dwg, sen prexuízo de que o órgano mineiro competente, de forma motivada, poida solicitar este ou outro formato para calquera dos planos presentados.

A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da comunicación e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A este procedemento seralle de aplicación o pagamento da taxa 32.23.00 «Comprobación do plan de labores e documento de seguridade e saúde de actividades mineiras», establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxa contía virá determinada polo orzamento consignado no referido plan de labores.

5. Comprobación de datos. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa comunicante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade comunicante.

d) NIF da entidade representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

6. Presentadas as comunicacións, a Xefatura Territorial correspondente poderá requirir emenda da documentación presentada, se o considera necesario, ou solicitar a modificación do plan de labores nos termos expostos no Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, polo que se aproba o Regulamento xeral para o réxime da minaría. As citadas notificacións efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Oitavo. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderán ser actualizados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file