Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 28 de febreiro de 2023 Páx. 15797

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 17/2023, do 16 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Cangas do treito da estrada provincial EP-1001 desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 2+080.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 25.11.2022, o Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra aprobou o cambio de titularidade solicitado polo Concello de Cangas do treito entre o p.q. 0+000 e o p.q. 2+080 da estrada provincial EP-1001 Cangas-Coiro-A Madalena.

Esta solicitude deriva do convenio de colaboración asinado por ambas as dúas administracións o 5.2.2021 para levar a cabo a execución do proxecto «Mellora da seguridade peonil na EP-105 Viso-O Hío».

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que o treito inicial da estrada EP-1001, de 2.080 metros de lonxitude, cumpre co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de febreiro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Cangas do treito da estrada EP-1001:

Clave

Denominación

p.q.i

p.q.f

Lonx. (km)

EP-1001

Cangas-Coiro-A Madalena

0+000

2+080

2,080

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Cangas, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de febreiro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade