Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2023 Páx. 15426

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2023, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade ao esgotamento de crédito do programa (código de procedemento TR349F) da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (Diario Oficial de Galicia número 19, do 28 de xaneiro de 2022).

Primeiro. A Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (Diario Oficial de Galicia número 19, do 28 de xaneiro de 2022) establece no seu artigo 4.1 que a concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Segundo. A Orde do 29 de decembro de 2021 establece no seu artigo 4.3 que a distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas será directamente proporcional ao número de persoas autónomas dadas de alta en cada provincia en 31 de decembro de 2020, de acordo coa seguinte porcentaxe: A Coruña 40 %, Lugo 15 %, Ourense 11 % e Pontevedra 34 %. Se o orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 7 da orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas que correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

Terceiro. De acordo co artigo 4.1 da orde de convocatoria, o programa financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.3, código de proxecto 2016 00315, cun crédito de 1.350.000 de euros (fondo finalista).

En virtude do anterior, a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, por delegación da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, en aplicación da disposición adicional segunda da Orde do 29 de decembro de 2021 e de acordo coas disposicións adicionais segunda e terceira do Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do esgotamento do crédito con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.3, código de proxecto 2016 00315, ao abeiro do programa (código de procedemento TR349F) da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022:

Provincia da Coruña: correspóndelle unha contía de 540.000 euros, polo que a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a correspondente ao expediente TR349F 2022/137-1, presentada na sede electrónica nos termos recollidos no artigo 7 da convocatoria o día 14.11.2022, ás 14.06 horas.

Provincia de Lugo: correspóndelle unha contía de 202.500 euros, polo que a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a correspondente ao expediente TR349F 2022/46-2, presentada na sede electrónica nos termos recollidos no artigo 7 da convocatoria o día 19.4.2022, ás 11.29 horas.

Provincia de Ourense: correspóndelle unha contía de 148.500 euros, polo que a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a correspondente ao expediente TR349F 2022/38-3, presentada na sede electrónica nos termos recollidos no artigo 7 da convocatoria o día 15.3.2022, ás 11.52.25 horas.

Provincia de Pontevedra: correspóndelle unha contía de 459.000 euros, polo que a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a correspondente ao expediente TR349F 2022/110-5, presentada na sede electrónica nos termos recollidos no artigo 7 da convocatoria o día 23.6.2022, ás 11.06.07 horas e completado o 19.9.2022 ás 12.04.00.

Santiago de Compostela,16 de febreiro de 2023

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social