Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 21 de febreiro de 2023 Páx. 14937

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Orde do 31 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, e se convocan para o ano 2023 (liñas de axuda 2, 3 e 5) (código de procedemento IN308D).

BDNS (Identif.): 676661.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

a) Empresas privadas que, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, realicen actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das ditas actividades ou, cando proceda, coa conformidade do órgano administrativo correspondente, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración (liña 2 e liña 5).

b) Empresas privadas con centros de traballo de elaboración de rocha ornamental localizados na Comunidade Autónoma de Galicia; quedan expresamente excluídas as empresas sinaladas na alínea anterior.

En calquera caso, para os efectos desta orde, considéranse actividades de elaboración de rocha ornamental aquelas actividades incluídas na sección C e, en concreto, na clase 23.70 do CNAE (liña 3).

Considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica e do seu modo de financiamento, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas os empresarios persoas físicas que exerzan actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas que exerzan unha actividade económica de forma regular.

Segundo. Obxecto

Aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación para fomentar e incentivar a sustentabilidade, nas súas dimensións económica, social e ambiental, no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, así como a súa convocatoria para o ano 2023, a través de cinco liñas de actuación.

As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 2 serán para financiar os investimentos destinados a mellorar as condicións laborais en materia de seguridade e saúde dos postos de traballo nas explotacións mineiras. En xeral, todos aqueles investimentos que actúen sobre os riscos relacionados coa seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía nos postos de traballo e, especialmente, os investimentos destinados á redución da exposición ao po, ao ruído e ás vibracións das persoas traballadoras.

As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 3 serán para financiar os investimentos destinados a mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras en centros de elaboración de rocha ornamental mediante a redución da exposición ao po nos seus postos de traballo.

As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 5 serán para financiar os investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación das normas UNE 22480: 2019 «Sistema de xestión mineira sustentable. Requisitos» e UNE 22470: 2019 «Sistema de xestión mineiro-mineralúrxica-metalúrxica sustentable. Indicadores», as cales acreditan a implantación dun sistema de xestión mineira sustentable nas empresas do sector mineiro.

Terceiro. Bases reguladoras

Inclúense no anexo I da Orde do 31 de xaneiro de 2023.

Cuarto. Contía

O crédito destinado a estas axudas é de 700.000,00 euros para as axudas da liña 2, 400.000,00 euros para as axudas da liña 3 e 40.000,00 euros para as axudas da liña 5.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará o décimo quinto día hábil posterior a aquel en que se publique esta orde no DOG, e concluirá, no mes de vencemento, o día ordinal anterior ao día en que comezou o prazo

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2023

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación