Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 2023 Páx. 13933

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Isidoro Millán González Pardo, III Conde de Quirós.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Isidoro Millán González Pardo, III Conde de Quirós, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 22 de novembro de 2022, Sandra Munín Mosquera, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Isidoro Millán González Pardo, III Conde de Quirós, constituírona Rosina Otero Abalo e Ricardo García-Borregón Millán, mediante escritura pública outorgada o 13 de outubro de 2022, ante o notario de Santiago de Compostela (A Coruña) Francisco López Moledo, co número de protocolo 3.216.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

«a) Conservar unido o legado bibliográfico de Isidoro Millán González Pardo, consistente en miles de volumes con interese cultural e científico.

b) Dar a coñecer e poñer ao dispor de estudosos e investigadores os traballos de investigación de Isidoro Millán González Pardo, referentes a diferentes ramas da cultura: arqueolóxicos –en relación coa autenticidade da tumba do Apóstolo Santiago–, lingüísticos, toponímicos, xenealóxicos e históricos.

c) Custodiar e, de ser o caso, publicar o legado epistolar de Isidoro Millán González Pardo, con interese cultural, intercambiado con personalidades do mundo da cultura. Ata o momento publicáronse intercambios epistolares con Ramón Cabanillas, Ramón Piñeiro e Antonio Blanco Freijeiro, que se pretende custodiar, así como continuar coa publicación do restante legado.

d) Dar a coñecer os traballos de investigación de interese cultural do referido III Conde de Quirós, que se conteñen nos arquivos.

e) Apoiar as investigacións sobre os asuntos xacobeos.

f) Difundir os traballos históricos e arqueolóxicos de tradición xacobea de Isidoro Millán González Pardo.

g) Custodiar e conservar os arquivos familiares do referido señor».

4. Na escritura de constitución da fundación constan os extremos relativos á identidade dos fundadores, a súa capacidade para constituíla, a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, a dotación, os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as, a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Rosina Otero Abalo, como presidenta; Ricardo García-Borregón Millán, como vicepresidente; José Ramón Millán Cidón, como secretario; Dolores Sacramento Millán Mon, como vicesecretaria; e Eduardo José Pardo de Guevara y Valdés, José Fernández Lago, José Luis Cochón Touriño, Juan Ramón Gallastegui Otero, Rafael de Espona y Rodríguez, e Alejandro Jorge Millán Mon, como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Isidoro Millán González Pardo, III Conde de Quirós, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 23 de xaneiro de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 24, do 3 de febreiro) clasificouse de interese cultural a Fundación Isidoro Millán González Pardo, III Conde de Quirós, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Isidoro Millán González Pardo, III Conde de Quirós, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede, e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Isidoro Millán González Pardo, III Conde de Quirós.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2023

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades