Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 14 de febreiro de 2023 Páx. 13725

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 20 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN308C).

Galicia é unha das rexións de Europa con maior riqueza en augas minerais e termais. As augas termais, ademais de poder ser utilizadas polos balnearios con fins terapéuticos, poden ser aproveitadas para unha finalidade lúdica, de diversión e lecer. Estas novas demandas no uso lúdico das augas termais experimentaron un extraordinario desenvolvemento nalgunhas zonas de España, especialmente en Galicia, proliferando novos proxectos turísticos ao redor das ditas augas.

Este tipo de establecementos relacionados co aproveitamento lúdico de augas termais, aínda que se consolidaban como focos de atracción turística, carecían das condicións establecidas legalmente para ser considerados balnearios e non dispoñían de regulamentación específica, polo que respondendo aos obxectivos de garantir as condicións sanitarias dos ditos establecementos e regular e ordenar este sector tan diverso e singular, aprobouse a Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.

A Lei 8/2019, do 23 de decembro, ten por obxecto a regulación do aproveitamento lúdico das augas termais en Galicia en harmonía co seu aproveitamento terapéutico e coa valorización patrimonial e cultural e, así mesmo, entre as súas finalidades atópase promover o desenvolvemento económico e social das poboacións onde xorden as augas termais.

Neste sentido, cómpre indicar que, para os efectos do disposto na Lei 8/2019, do 23 de decembro, enténdese por «espazos termais», aquelas instalacións de uso público destinadas mediante o baño ao aproveitamento lúdico das augas termais, e que se distinguen dos «establecementos balnearios» que son obxecto de regulación específica na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, e que se caracterizan pola aplicación con fins terapéuticos das augas mineromedicinais e termais. No concepto xenérico de «espazos termais» convén singularizar aquelas instalacións agrupadas baixo o termo legal de «piscina termal de uso lúdico».

Doutra banda, cómpre destacar que a maior parte dos recursos hidrominerais e termais susceptibles de ser aproveitados para a actividade termal, localízanse en rexións do interior da Comunidade Autónoma, para as que este sector de actividade constitúe unha vía de desenvolvemento local ou rexional mediante a xeración de investimento e emprego.

Ademais, atopámonos que na actualidade as persoas titulares das autorizacións ou concesións necesarias para o aproveitamento lúdico destas augas termais consonte a Lei 8/2019, do 23 de decembro, son maioritariamente entidades locais que ben xestionan os espazos termais directamente ou mediante sistema de concesión, o que xustifica as actuacións que vén levando a cabo a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación orientadas a apoiar as ditas entidades na realización de actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais xa existentes, ou ben daqueles novos en fase de desenvolvemento.

O desenvolvemento desta orde axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Bases reguladoras e convocatoria

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases que se inclúen no anexo I, polas que se rexerá a concesión de subvencións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, dirixidas a entidades locais, para fomentar a actividade termal mediante a realización de actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas axudas para o ano 2023.

3. O código asignado a este procedemento administrativo é IN308C, mediante o cal se facilitará a identificación e acceso para a tramitación destas axudas ás persoas interesadas na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, aínda cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades, sempre que exista crédito para a primeira anualidade no proxecto de Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

3. As subvencións outórganse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2023 e 2024, de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación

Denominación

Anualidade 2023 (€)

Anualidade 2024 (€)

Total (€)

05.03.734-A 760.1

Aproveitamentos lúdicos augas termais

1.000.000,00

740.000,00

1.740.000,00

4. Estas axudas imputaranse á aplicación orzamentaria indicada, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación.

A procedencia dos fondos é propia.

5. Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

6. O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

7. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Solicitudes

1. Para solicitar estas axudas deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 8 das bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras destas axudas.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que sexa realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde e rematará o 3 de xullo de 2023 (inclusive).

4. No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido no artigo 2 desta orde, así como, de ser o caso, as ampliacións de crédito efectuadas, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 4 meses desde que remata o prazo para a súa presentación.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas en momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

A cesión de datos de carácter persoal que, en virtude do citado artigo, debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento da persoa afectada.

Artigo 8. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN308C poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: http://ceei.xunta.gal

b) Nos teléfonos da dita dirección xeral: 981 95 70 92, 981 95 72 59 ou 981 54 54 65.

c) https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderase facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 981 90 06 43).

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación

Anexo I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso
lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases regulan a concesión das axudas que teñen por obxecto fomentar a actividade termal mediante a realización de actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As actuacións que se van a subvencionar ao abeiro desta convocatoria deberanse desenvolver ao longo dos anos 2023 e 2024.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo tramitaranse por orde de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia da solicitude e ata o esgotamento do crédito.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non se considera necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover actuacións para a mellora e acondicionamento das instalacións que configuran os espazos termais, contribuíndo en gran medida ao desenvolvemento económico das poboacións onde xorden as ditas augas termais, o que fai que todas as actuacións que se promovan neste sentido revertan en interese público.

4. Para os efectos previstos nesta orde, os conceptos de espazo termal e piscina termal de uso lúdico axustaranse á definición contida no artigo 3 da Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.

«Espazos termais»: instalacións de uso público destinadas mediante o baño ao aproveitamento lúdico das augas termais.

«Piscina termal de uso lúdico»: tipo de espazo termal que reúne as características e os requisitos técnicos para a súa consideración como piscina de acordo co previsto no Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios das piscinas.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que conten co título habilitante para o aproveitamento lúdico das augas termais ao abeiro da Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación de aproveitamentos lúdicos das augas termais de Galicia, ou que con anterioridade á data de presentación da solicitude da axuda, fose declarada a condición termal das ditas aguas. Neste último caso, será requisito necesario para cobrar a axuda concedida, que no momento da xustificación, segundo o prazo establecido no artigo 20 destas bases reguladoras, dispoñan do título habilitante para o seu aproveitamento lúdico.

As entidades locais poderán xestionar estes aproveitamentos lúdicos directamente ou mediante sistema de concesión.

2. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, só poderán ser beneficiarias as entidades locais que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Artigo 3. Actuacións e gastos subvencionables

1. Constitúen o obxecto destas axudas todas aquelas actuacións destinadas a acondicionar e mellorar as instalacións dos espazos termais de uso lúdico, que entre outras, poderán ser das seguintes tipoloxías:

– Adquisición e instalación de caudalímetros.

– Adquisición e instalación de sistemas de bombeo.

– Adquisición e instalación de equipos de medición que formen parte da instalación.

– Colocación de sinalética, particularmente a establecida para estas instalacións na Orde do 30 de marzo de 2022 pola que se aproba o contido das obrigas de información pública e sinalética das instalacións termais autorizadas ao abeiro da Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, e que foi publicada no Diario Oficial de Galicia número 70, do 11 de abril de 2022.

– Obras de acometida e canalizacións de auga.

– Mellora dos espazos verdes e instalacións de lecer.

– Actuacións en vestiarios, duchas e aseos.

– Instalación de peches perimetrais.

– Mellora das condicións de accesibilidade e seguridade das instalacións.

2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable.

Serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados desde o 1 de xaneiro de 2023 ata a data de xustificación do investimento.

Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto/s necesarios para levar a cabo as actuacións subvencionables que se van realizar, de dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde, e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente aos cales se refire o artigo 18.h) destas bases reguladoras.

Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Artigo 4. Financiamento e intensidade das axudas

1. As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

2. Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de subvención de 200.000,00 euros para cada solicitude.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas concedidas en virtude da presente orde serán compatibles con outras axudas para o mesmo fin, sempre e cando o importe das axudas e subvencións en ningún caso sexan de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras, supere o custo da actividade subvencionable.

2. A persoa solicitante deberá dar a coñecer mediante declaración responsable as axudas que solicitase ou obtivese, tanto ao iniciarse o expediente administrativo como en calquera outro momento do procedemento en que isto se produza. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto se coñeza e, en todo caso, coa xustificación da axuda.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

4. A verificación da concorrencia de axudas para a mesma finalidade realizarase sobre os mesmos custos subvencionables, de forma que non excedan as intensidades permitidas definidas no artigo 4.

Artigo 6. Procedemento de concesión

As axudas reguladas por estas bases tramitaranse conforme o procedemento de concorrencia non competitiva.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 7. Órganos competentes para a ordenación, instrución e resolución do procedemento de concesión

1. O órgano competente para efectuar a convocatoria e ditar a resolución de outorgamento das axudas a que se refire esta orde será o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, sen prexuízo das delegacións existentes nesta materia.

2. O órgano responsable da instrución e ordenación do procedemento de concesión e do seguimento das actuacións financiadas será a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indique na convocatoria.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

2.1. Documento actualizado acreditativo da capacidade con que actúa a persoa representante da entidade local solicitante.

2.2. Acordo do Pleno da entidade local, ou do órgano municipal que teña a atribución competencial, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda.

2.3. Memoria técnica xustificativa asinada da actuación que se vai desenvolver. No caso de discrepancias entre os datos desta memoria e os que se reflictan na solicitude normalizada tomaranse como válidos os da memoria xustificativa.

Xunto coa memoria anterior, no caso de execución de obras ou instalacións que requiran legalmente proxecto para a súa execución ou licenza, deberase presentar este ou un anteproxecto asinado por persoa técnica competente.

2.4. Orzamento desagregado e asinado dos gastos.

Con independencia do documento técnico achegado en aplicación do punto 2.3 do presente artigo, o orzamento deberá estar desagregado a nivel de partidas e indicarase para cada unha delas medición, prezo unitario e importe, así como o prazo previsto da súa execución.

2.5. Planos asinados da actuación a escala axeitada, incluíndo un plano onde se representen os límites do espazo termal e o conxunto das actuacións.

2.6. Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presentan de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade local solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, a través da Subdirección Xeral de Recursos Minerais, comprobará os requisitos establecidos na orde para a admisión da solicitude, tanto o relativo á entidade beneficiaria como á actuación e gastos subvencionables, así como a documentación complementaria achegada xunto con ela e, se for o caso, requirirá a persoa interesada para que emende a falta ou deficiencia na información facilitada ou xunte os documentos preceptivos no prazo de 10 días desde a recepción da notificación, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2. O órgano instrutor poderá solicitar os informes necesarios para unha mellor comprobación dos requisitos indicados no punto anterior.

3. Realizados os trámites anteriores, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais emitirá informe sobre as solicitudes presentadas en que se concrete o resultado da comprobación e avaliación efectuadas.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 13. Trámite de audiencia

1. Instruído o procedemento, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, formulará a correspondente proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que será notificada ás persoas interesadas para que no prazo de 10 días poidan formular alegacións que consideren oportunas.

2. De conformidade co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase prescindir do trámite de audiencia a que se refire a epígrafe anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

3. Transcorrido o prazo de alegacións e unha vez examinadas estas, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais formulará a correspondente proposta de resolución definitiva.

Artigo 14. Resolución, prazo de resolución e notificación

1. Unha vez formulada a proposta de resolución definitiva, ditarase polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos o solicitante ou relación de solicitantes aos cales se lles concede a subvención, a actuación que se subvenciona e o importe do investimento subvencionable e a contía da axuda concedida e, se é o caso, a causa de denegación.

2. As resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente, de forma individual para cada unha das solicitudes presentadas, a medida que se vaia emitindo o informe da Subdirección Xeral de Recursos Minerais sobre a solicitude indicado no artigo 12.3, ata o esgotamento de crédito consignado na correspondente partida orzamentaria.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á persoa interesada será de 4 meses, que se contará a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, as persoas interesadas estarán lexitimadas para entender desestimada a súa solicitude.

4. Todas as resolucións serán notificadas conforme o disposto nos artigos 40 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Sen prexuízo da devandita notificación, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de axudas concedidas, expresando o programa, concepto orzamentario, titular e finalidade da axuda.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia da persoa beneficiaria, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

3. A modificación debe solicitarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actuación subvencionable.

4. Cando a modificación da resolución proposta afecte un cambio de tipoloxía da actuación, considerarase que se alteran as condicións tidas en conta para a concesión da axuda. Neste caso, a modificación non será autorizada.

5. A modificación da resolución non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que a persoa beneficiaria desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos, e comunicará este feito co fin de proceder ao remate do expediente.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

A persoa beneficiaria da subvención queda obrigada a:

a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente a realización das actuacións, así como o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinan a concesión e o desfrute da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o que se concedeu a subvención por un período non inferior a 5 anos tal como recolle o artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 23 destas bases reguladoras.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Garantir o cumprimento da normativa de axudas de Estado no que atinxe ao destino que se lle dea ás infraestruturas obxecto das subvencións.

g) Subministrar toda a información necesaria para que a consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

h) Colocar un cartel informativo no lugar de execución da actuación subvencionada, conforme o modelo indicado no anexo V, que deberá permanecer instalado durante todo o período de execución do proxecto. Unha vez finalizada a execución da actuación subvencionada, o cartel substituirase por unha placa explicativa permanente, conforme o modelo indicado no anexo VI. A devandita placa debe ser dun material resistente (aluminio, metacrilato ou similar) e cun tamaño mínimo A4.

i) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa ás persoas beneficiarias na resolución de concesión ou no documento en que se establezan as condicións da axuda.

Artigo 19. Subcontratación

Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100 % das actuacións, estando suxeita ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo de que, no caso de que as entidades locais precisen da contratación externa de determinados traballos incluídos no proxecto subvencionado, debe observarse o disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, as entidades locais beneficiarias deberán presentar electronicamente para cada anualidade unha solicitude de pagamento mediante o modelo normalizado do anexo IV, e acompañada da documentación sinalada nas seguintes epígrafes. O prazo máximo para presentar a xustificación será:

– Ata o 15 de novembro de 2023 para a contía da subvención concedida con cargo á anualidade de 2023.

– Ata o 15 de novembro de 2024 para a contía da subvención concedida con cargo á anualidade de 2024.

1.1. Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acreedor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data do recoñecemento da obriga polo órgano competente.

1.2. Copia das facturas das actuacións realizadas.

1.3. Xustificante de pagamento das facturas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados a entidade receptora e a entidade emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

1.4. Certificación de obra cando se trate dun contrato de obras ou, no resto de contratos, documento equivalente coa desagregación da actuación realizada (indicando concepto, unidades e prezos unitarios).

1.5. Certificado da Secretaría da entidade local en que se indique que o procedemento de contratación pública realizouse consonte a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e onde se indique ademais a persoa adxudicataria do contrato e o importe de adxudicación.

1.6. Certificado da Secretaría ou Intervención da entidade local onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte da entidade beneficiaria.

1.7. Informe técnico en que se describa a realización da actuación e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, asinado por técnico municipal.

1.8. Fotografía do cartel informativo e da placa explicativa permanente a que se refire o artigo 18.h) destas bases reguladoras.

1.9. Reportaxe fotográfica onde aparezan reflectidas todas as actuacións materiais obxecto de axuda.

1.10. Anexo III. Declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento da mesma actuación, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía.

1.11. Anexo III. Declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Se por algún motivo a entidade local non pode xustificar no prazo indicado a subvención concedida con cargo á anualidade de 2023, deberá comunicar esta circunstancia á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, co fin de poder realizar un reaxuste de anualidades, sempre que exista crédito adecuado e suficiente.

A dita comunicación deberá realizarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de xustificación.

3. As persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña á consulta, ou ben, cando a normativa aplicable exixa o consentimento expreso para a comprobación de datos, non autorizase a súa consulta, deberá indicalo nos recadros correspondentes habilitados no formulario correspondente (anexo IV) e achegar os documentos.

4. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme á lei, correspondan.

5. Os órganos competentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos pola persoa beneficiaria dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención e declararase a perda do dereito ao cobramento, segundo o procedemento establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Pagamento e anticipos

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente das actuacións, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados pola persoa beneficiaria, se é o caso, logo da notificación da resolución de concesión na forma e prazo indicados nesta, e quedarán suxeitas ás seguintes condicións:

a) Poderase anticipar ata o 25 % do importe da subvención concedida, sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

b) As persoas beneficiarias quedarán exoneradas da constitución de garantía, conforme o establecido na letra c) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. A persoa beneficiaria deberá achegar coa solicitude de anticipo a seguinte documentación:

a) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento da mesma actuación, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo III).

b) Declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

Artigo 22. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000,00 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como pola persoa beneficiaria, consonte o artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento das actuacións, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos de base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable da actuación, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida de acordo coa seguinte graduación:

– Non comunicar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actuacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontando o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

– Non darlle publicidade ao financiamento da actuación, de acordo co establecido no artigo 18.h) destas bases, suporá a perda dun 5% da subvención concedida.

3. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Cando non se xustifique ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Control

1. A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá facer as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas ao labor interventor e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, coa obriga por parte dos beneficiarios de achegar canta documentación lle sexa requirida no exercicio das anteriores actuacións.

Artigo 25. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Maila o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non disposto nestas bases estarase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Modelo de cartel

missing image file

CARACTERÍSTICAS:

1. Dimensións mínimas:

Alto: 157,5 cm.

Ancho: 210 cm.

2. Materiais:

Empregaranse lamas de chapa de aceiro galvanizado de 1,2 mm de espesor e de 17,50 cm de altura. Para obras de investimento inferior a 50.000,00 € non será preciso o uso de aceiro galvanizado.

3. Texto:

• Empregarase a tipografía Xunta Sans en cor branca con referencia pantone white/RGB 255,255,255 sobre un fondo azul, pantone 7461 C/RGB 0,123,196.

• O título da actuación non superará as dúas liñas e a altura do texto non será superior a 2/3 da altura do texto do logotipo da Xunta de Galicia. O tamaño de texto recomendado é 235 pt.

• Os datos da obra terán unha altura de texto non superior a 1/2 da altura do título. O tamaño de texto recomendado é 110 pt.

4. Logos e marxes:

• O logo Xunta de Galicia ocupará o ancho do soporte cunha marxe ao seu redor da metade do ancho do escudo.

• A altura do logo do concello será, como máximo, o 60 % da altura do logo Xunta de Galicia.

5. Datos do orzamento e da subvención:

Os datos do orzamento subvencionable e da subvención concedida serán os indicados na notificación de concesión da subvención.

ANEXO VI

Modelo de placa explicativa permanente

missing image file

CARACTERÍSTICAS:

1. Tamaño mínimo A4.

2. O material deberá ser resistente: aluminio, metacrilato ou similar.

3. Texto: empregarase a tipografía Xunta Sans en cor blanca con referencia pantone white/RGB 255,255,255 sobre un fondo azul, pantone 7461 C/RGB 0,123,196.

4. Logos e marxes:

• O logo Xunta de Galicia ocupará o ancho do soporte cunha marxe ao seu redor da metade do ancho do escudo.

• A altura do logo do concello será, como máximo, o 60 % da altura do logo Xunta de Galicia.