Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 13 de febreiro de 2023 Páx. 13713

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial de Ourense

ANUNCIO de delegación de competencias de xestión, liquidación e recadación en voluntaria e executiva e revisión de actos ditados da taxa pola recollida de residuos sólidos urbanos do Concello do Pereiro de Aguiar.

O Pleno da Corporación Provincial, en sesión ordinaria realizada o 23 de decembro de 2022, aceptou por unanimidade a delegación do Concello do Pereiro de Aguiar na Deputación Provincial do exercicio das competencias de xestión, liquidación e recadación en voluntaria e executiva e revisión de actos ditados da taxa pola recollida de residuos sólidos urbanos. De conformidade co establecido no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, publícase o citado acordo nos seguintes termos:

«Aceptar a delegación de competencias efectuada polo Concello do Pereiro de Aguiar a favor da Deputación Provincial, mediante o Acordo plenario do 23 de decembro de 2022, nas condicións recollidas no acordo de delegación do Concello do Pereiro de Aguiar; en todo caso, serán de aplicación as seguintes condicións xerais:

a) O contido da delegación abranguerá o exercicio de todas as facultades necesarias para a realización da xestión tributaria, liquidación e recadación voluntaria e executiva, ditando todos os actos administrativos necesarios para a xestión dos ditos procedementos, incluída a emisión da providencia de constrinximento e resolución dos recursos administrativos contra os actos de recadación executiva.

b) Para o exercicio da competencia delegada, o Concello debería remitir as oportunas certificacións da relación de debedores dos últimos catro anos para os efectos de iniciar a recadación en executiva, así como, en relación coas débedas anteriores aos últimos catro anos, certificación de que as débedas nos están prescritas, e indicará as diferentes datas de notificación da débeda en executiva en relación co tributo ou ingreso de dereito público a que se refire.

c) A taxa que deberá satisfacer o Concello pola prestación do servizo de recadación en voluntaria será a resultante de aplicarlles as cantidades efectivamente recadadas de padróns, liquidacións, altas ou outros ingresos non periódicos o tipo de gravame único do 5 %, e a taxa pola prestación do servizo de recadación en período executivo será o 100 % da recarga de constrinximento que debe pagar o debedor tributario conforme o establecido no artigo 6, alíneas a) e b), da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizo de xestión, inspección e recadación da Deputación Provincial de Ourense. A Deputación deducirá da transferencia do importe recadado a cantidade correspondente á taxa liquidada, sen prexuízo da notificación da dita liquidación na forma prevista no artigo 9 da Ordenanza fiscal.

d) Esta delegación entrará en vigor unha vez aceptada pola Deputación Provincial e publicarase no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento. Esta delegación estará vixente por un período de catro anos e prorrogarase tacitamente por períodos iguais de catro anos se ningunha das partes manifesta expresamente a súa vontade en contra, comunicándoo á outra cunha antelación non inferior a seis (6) meses á súa finalización ou á de calquera dos períodos de prórroga».

Ourense, 5 de xaneiro de 2023

José Manuel Baltar Blanco
Presidente da Deputación Provincial de Ourense