Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 13 de febreiro de 2023 Páx. 13689

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 26 de xaneiro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 10 de xaneiro de 2023, relativa á revisión do esbozo do Monte Veciñal en Man Común Aceveda ou Coto Castiñeira, pertencente á CMVMC de Castiñeira, no concello de Vilariño de Conso.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira, pertencente á CMVMC de Castiñeira, no concello de Vilariño de Conso, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 8.7.2022 a CMMVVMC de Castiñeira presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/1795259) de revisión do esbozo do MVMC «Aceveda ou Coto Castiñeira», no concello de Vilariño de Conso.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 27.2.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 9 de novembro de 2022 en relación coa citada solicitude. No mesmo se indica que o perímetro obxecto de revisión inclúe a extensión completa do MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira, tanto nos tramos lindeiros con particulares coma nos lindeiros con outras comunidades de montes. Nestes últimos, existe nalgunhas veciñanzas concorrencia con procedementos de deslindamento, onde ás veces se detecta coincidencia entre os traballos de deslindamento e revisión e outras apréciase unha definición máis concreta do perímetro nos traballos de revisión. A continuación, detállase a situación para cada unha das veciñanzas comunais:

– MVMC Veiga de Conselo; neste caso, a revisión axústase á liña de deslindamento, ben que inclúe unha porción de 1,6 ha aprox. dentro da parcela 32093A02601379 a cal non foi obxecto concreto daquela avinza ao situarse máis aló do punto núm. 8 acordado naquel procedemento. Xa que logo, cómpre excluír ese anaco da proposta, axustando a liña perimetral, a partir do punto 8 da avinza, á poligonal resultante da dixitalización da carpeta-ficha do MVMC «Veiga de Conselo». En consecuencia, este tramo de veciñanza queda na práctica excluído de revisión ningunha.

– MVMC «Mormentelos»; segundo a cartografía dixitalizada da carpeta-ficha deste monte, a proposta invadiría uns 900 m² do mesmo. Porén, en relación a unha consulta efectuada pola CMMVVMC de Mormentelos en relación á titularidade dunhas parcelas, o Servizo Xurídico-Administrativo informou o 4.11.2021 que a porción de monte inicialmente clasificada e delimitada polos puntos «Alto do Cabezo», «Alto de Busticovo», «Prato dos Tres Señores» e «Ponte do Conselo» perdeu a súa condición de MVMC logo da sentenza núm. 308/1980 da Audiencia Territorial da Coruña ditada o 5.7.1980. En consecuencia, neste tramo non hai afección a outra comunidade.

– MVMC «Chaguazoso»; nesta veciñanza concorren ao tempo a revisión de esbozo e máis un procedemento de deslindamento (este último solicitado mediante un escrito do 8.7.2022 acompañado das preceptivas actas de deslindamento e de conciliación). Aquí obsérvanse dúas situacións diferenciadas:

1. No subtramo comprendido entre os puntos 6 (último vértice válido dos avinzados) e 4, o lindeiro discorre polo (eixo do) río Cenza, pero a proposta de revisión leva o perímetro pola traza S da representación catastral do río, de xeito que temos dúas liñas (a de deslindamento e a de revisión) máis ou menos paralelas pero non coincidentes. Porén, considérase admisible a liña de revisión proposta.

2. No subtramo comprendido entre os puntos 4 e 1 a liña de revisión coincide coa de deslindamento agás en varias zonas nas que a proposta de revisión, no que se pode entender coma unha definición máis precisa do perímetro, exclúe parcelas que pasan a ser enclavados ou entrantes particulares no terreo comunal. Neste caso considérase que as liñas de deslindamento e de revisión son compatibles e, polo tanto, admisible esta última.

– MVMC «De Conso»; nesta veciñanza concorren tamén a revisión e un deslindamento (este último solicitado mediante un escrito do 8.7.2022 acompañado das preceptivas actas de deslindamento e de conciliación). A liña de revisión coincide coa de deslindamento e, polo tanto, considérase xustificada.

– MVMC «De Vilariño»; nesta veciñanza concorren tamén a revisión e un deslindamento (este último solicitado mediante un escrito do 8.7.2022 acompañado das preceptivas actas de deslindamento e de conciliación). A liña de revisión coincide coa de deslindamento e, polo tanto, considérase xustificada.

– MVMC «De Soutelo»; nesta veciñanza concorren tamén a revisión e un deslindamento (este último xa informado favorablemente en data 15.9.2022). Aquí obsérvanse de novo varias situacións diferenciadas:

1. No subtramo comprendido entre os puntos 4 e 3, o lindeiro discorre novamente polo (eixo do) río Cenza, pero a proposta de revisión leva o perímetro pola traza S da representación catastral do río, de xeito que temos dúas liñas máis ou menos paralelas pero non coincidentes. Porén, considérase admisible a liña de revisión proposta.

2. No subtramo comprendido entre os puntos 2 e 1, a liña de revisión coincide coa de deslindamento.

3. No espazo comprendido entre os dous subtramos anteriores non hai proposta de deslindamento, pese a que os esbozos que acompañan os acordos de clasificación revelan que ambos montes son lindeiros en todo o tramo.

– MVMC «De San Mamede»; nesta veciñanza concorren tamén a revisión e un deslindamento (este último solicitado mediante un escrito do 8.7.2022 acompañado das preceptivas actas de deslindamento e de conciliación). A liña de revisión coincide coa de deslindamento e, polo tanto, considérase xustificada.

A superficie do MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira, unha vez modificado o esbozo, sería de 699,78 ha fronte ás 750 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 6,7 %.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente a revisión do esbozo do MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira conforme a modificación indicada no punto 1 (modificación na veciñanza co MVMC «Veiga de Conselo), de xeito que o perímetro quedaría revisado nas veciñanzas cos MMVVMC «Chaguazoso», «De Conso», «De Vilariño», «De Soutelo» e «De San Mamede» (todos eles en concorrencia cun deslindamento en trámite) e máis nas estremas con particulares. Quedarían pendentes de revisar os tramos lindeiros co M.U.P. «Serra Mixta de Queixa» e cos MMVVMC «De Pradoalbar» e, parcialmente, con «Veiga de Conselo» (extremo E).

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 13 de decembro de 2022:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do monte veciñal en man común Aceveda ou Coto Castiñeira, pertencente á CMVMC de Castiñeira, no concello de Vilariño de Conso.

Ourense, 26 de xaneiro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense