Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 9 de febreiro de 2023 Páx. 12963

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se suprime o couto sen morte Lagoa Mina Mercedes V e se converte nun tramo libre de pesca sen morte durante todo o ano.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), o Servizo Provincial de Patrimonio Natural de Pontevedra iniciou o expediente de supresión do couto sen morte Lagoa Mina Mercedes V e a súa conversión nun tramo libre de pesca sen morte durante todo o ano.

O expediente foi sometido a información pública mediante a Resolución do 7 de decembro de 2022 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2023).

No expediente de modificación do couto sen morte Lagoa Mina Mercedes V e a súa conversión nun tramo libre de pesca sen morte durante todo o ano consta que foi obxecto de informe polo Consello Provincial de Pesca Continental de Pontevedra, en sesión do 13 de outubro de 2022.

O expediente de supresión do couto sen morte Lagoa Mina Mercedes V e a súa conversión nun tramo libre de pesca sen morte durante todo o ano cumpre os requisitos establecidos na Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e demais normativa de aplicación.

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural é competente para resolver o expediente segundo o disposto na Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e mais no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

De conformidade co incluído na documentación do expediente, resolvo a supresión do coto de pesca da Lagoa Mina Mercedes V, situado no lugar da Torre, parroquia de Campaña, concello de Valga, e a súa conversión nun tramo libre de pesca sen morte durante todo o ano, cos límites e a normativa que a continuación se establecen:

A zona libre de pesca sen morte creada a partir da supresión do anterior couto inclúe toda a lagoa, con excepción do anteriormente denominado tramo 3, que por razóns de seguridade seguirá sendo un tramo vedado, e cuxos límites son: transcorre desde o límite do anteriormente denominado tramo 2, situado nos últimos 30 m do extremo nordés da lagoa (X=527.335, Y=4.728.158), ata o punto situado a 50 m do extremo sur da lagoa (X=527.279, Y=4.727.909). Lonxitude: 357 m.

Normativa do tramo:

Clasificación: tramo libre de pesca sen morte.

Especie principal: troita común.

Cebos: autorízanse unicamente a mosca artificial, nas súas distintas modalidades, e a culleriña, en ambos os casos cun só anzol e sen arponciño. Prohíbense para todos os efectos os cebos naturais.

Canas: autorízase unha soa cana por pescador.

Períodos e xornadas hábiles: segundo a orde anual de pesca continental.

Outras normas: despois de autorización expresa do Servizo Provincial de Patrimonio Natural de Pontevedra, a lagoa poderá ser utilizada en calquera época do ano para actividades de escolas de pesca, ou para actividades colectivas, con solicitude previa na cal figurarán as datas, o horario e a relación de participantes rexistrados. Nestes casos de autorización desta lagoa para este tipo de eventos, esta queda reservada unicamente para os participantes rexistrados; por tanto, a pesca neste tramo libre queda reservada para as datas e horas indicadas na autorización.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural