Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 7 de febreiro de 2023 Páx. 12011

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Nueva Pescanova.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Nueva Pescanova, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos que se expoñen a continuación:

Feitos:

1. O 4 de outubro de 2022, José Rodríguez González, na súa condición de secretario do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Nueva Pescanova constituíuna a entidade Nueva Pescanova, S.L., representada por José Rodríguez González, mediante escritura pública outorgada o 1 de setembro de 2022, en Vigo (Pontevedra), ante o notario José Luis Espinosa de Soto, co número de protocolo 2.192.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, ten como fins o fomento, o financiamento, o desenvolvemento e a execución de todo tipo de actividades que, en relación coas actividades pesqueiras, acuícolas, de elaboración e comercialización dos produtos do mar contribúan:

a) Ao desenvolvemento sustentable nas súas vertentes social, ambiental e económica.

b) Á súa investigación, desenvolvemento e innovación e á divulgación dos seus aspectos técnicos, científicos, nutricionais, sociais e culturais.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade do fundador Nueva Pescanova, S.L. á súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; o seu domicilio, obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das súas rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos seus beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado pola entidade Nueva Pescanova, S.L., representada por José María Benavent Valero, como presidente; José Rodríguez González, como secretario; Alfonso María Gordón García, Ángel Matamoro Irago e Javier Carral Martínez, como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia da Fundación Nueva Pescanova, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na lei e de conformidade co establecido nos artigos 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego; e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería do Mar.

8. Por Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 9 de decembro de 2022 (DOG Núm. 242, do 22 de decembro), a Fundación Nueva Pescanova clasificouse de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia e adscribiuse ao protectorado da Consellería do Mar.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, en relación co Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Nueva Pescanova, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego da Fundación Nueva Pescanova, polo que á vista da proposta de resolución formulada polo Servizo Técnico Xurídico do 24 de xaneiro de 2023,

Resolvo:

1. Declarar de interese galego a Fundación Nueva Pescanova.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Mar.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, así como a demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto de actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería do Mar.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Mar no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2023

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria Xeral técnica da Consellería do Mar