Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC do Navallo, pertencente á CMMVVMC de Navallo e O Mente; e do MVMC Portela de Fraga, pertencente á CMMVVMC de Pedrosa, no concello de Riós, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 16.8.2022, a CMMVVMC do Navallo e O Mente presentou un escrito (Rexel 2022/2070812) en que solicita a aprobación dun deslindamento entre o MVMC Navallo e o MVMC Portela da Fraga.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento do 12.4.2022.
– Memoria e planos.
– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Riós.
– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.
Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 26 de outubro de 2022 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC do Navallo, pertencente á CMMVVMC do Navallo e O Mente, e o MVMC Portela de Fraga, pertencente á CMMVVMC de Pedrosa, desde o vértice 1 (o situado máis ao N) ata o vértice 15 (o situado máis ao S).
Logo de analizar os vértices e a súa localización, conclúese que o punto inicial 1 (situado na liña de termo coa Gudiña e estremando tamén co MVMC Comunal de Parada da Serra) debe ter a consideración de punto auxiliar; isto débese a que o dito punto, nin se sitúa sobre a liña intermunicipal actualmente vixente no MTN do IGN, nin tampouco sobre un punto singular ou que conte coa avinza da CMMVVMC de Parada da Serra e que permita concluír inequivocamente que non se está a invadir o TM da Gudiña. Pola contra, a adopción do dito punto implicaría crear unha terceira raia ou referencia, distinta tanto da liña de termo do IGN como da liña perimetral procedente da dixitalización das carpetas-ficha, e que achegaría máis dúbidas e inseguridade no tocante á definición, nesa estrema común, dos montes obxecto de deslindamento e máis do Comunal de Parada da Serra.
Xa que logo, fíxase o punto 1 como referencia para determinar a dirección da liña antes de chegar ao primeiro punto do deslindamento como tal, que sería o 2. Desde aquí, a liña vai seguindo a traza dun cortalumes ata chegar ao punto 14, onde pasa a estar definida polo eixo lonxitudinal dunha pista forestal correspondente coa RC 32072A05309001.
O citado informe considera que a solicitude axústase ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre os puntos 2 e 15 indicados na acta de conciliación, tendo o punto 1 a consideración de vértice auxiliar que define a dirección da liña no tramo anterior ao punto 2.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se vai seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 26 de outubro de 2022, o Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou por unanimidade o día 13 de decembro de 2022:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC do Navallo, pertencente á CMMVVMC do Navallo e O Mente; e do MVMC Portela de Fraga, pertencente á CMMVVMC de Pedrosa, no concello de Riós.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 11 de xaneiro de 2023
Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense