Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 26 de xaneiro de 2023 Páx. 9238

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 12 de xaneiro de 2023 pola que se aproban as táboas de avaliación documental de determinadas series documentais do patrimonio documental de Galicia e se dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, determina no seu artigo 19 que os documentos de titularidade pública serán avaliados e seleccionados para determinar a súa conservación ou eliminación, de acordo co interese que presenten desde o punto de vista administrativo, xurídico, legal e histórico e os seus prazos de vixencia, acceso e conservación.

Os documentos de titularidade pública son patrimonio documental de Galicia desde a súa creación ou a súa acumulación, tal como establecen a citada Lei de arquivos e documentos de Galicia e a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. A xestión, custodia e acceso aos documentos de titularidade pública réxense polos principios desta normativa e son responsabilidade directa dos seus titulares.

A Lei de arquivos e documentos establece que non se poderá eliminar ningún documento público se antes non foi avaliado e seleccionado de acordo co procedemento que se estableza para tal fin. Con este obxectivo, o Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, que regula a composición do Consello de Avaliación Documental de Galicia, establece o procedemento que se deberá seguir na avaliación para a selección de documentos.

No procedemento de avaliación, regulado no título II do Decreto 15/2016, establécese que as propostas de avaliación serán sometidas a ditame do Consello de Avaliación Documental de Galicia, que elaborará as táboas de avaliación documental. Aprobadas, de ser o caso, as táboas de avaliación polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental, disporá a súa publicación no Diario Oficial de Galicia mediante un extracto, sen prexuízo de facelas públicas na páxina web da consellería.

Así mesmo, mediante a Resolución do 18 de abril de 2017, da Secretaría Xeral de Cultura, pola que se aproban e se fan públicos os criterios de avaliación para a selección, transferencia de custodia e acceso aos documentos, así como o formulario normalizado para a elaboración dos estudos de identificación e avaliación de series documentais propostos polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na sesión do 15 de marzo de 2017 (DOG núm. 90, do 11 de maio), con carácter xeral, no ámbito da Administración autonómica, os documentos anteriores ao ano 1990 considéranse de conservación permanente e, polo tanto, non serán eliminados.

De acordo con esta normativa e procedemento, as series documentais que se mencionan nesta orde foron presentadas ao Consello de Avaliación Documental de Galicia que, na súa sesión do 24 de novembro de 2022, emitiu o seu ditame a través das táboas de avaliación documental elevadas para a súa aprobación polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental.

Para estes efectos, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, así como as normas de desenvolvemento,

RESOLVO:

Primeiro

Aprobar as táboas de avaliación documental cuxos extractos se recollen no anexo a esta resolución e que corresponden ás seguintes series documentais, procedentes da Administración autonómica, ditaminadas polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na súa sesión do 24 de novembro de 2022:

• AA0034: expedientes de convenios e concertos.

• AA2739: expedientes de conciliación previa á xurisdición laboral.

• AA05711: expedientes de axudas ao fomento da estabilidade laboral.

• AL164: expedientes de oposicións.

Segundo

Ordenar a publicación das táboas de avaliación documental das mencionadas series, mediante un extracto, no Diario Oficial de Galicia.

Esta orde terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnalo ante o órgano competente da orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO

Extractos das táboas de avaliación de series documentais

Táboa: T0085.

Código da serie: AA0034.

Denominación: expedientes de convenios e concertos.

Procedencia: Xunta de Galicia.

Datas extremas da serie: 1981-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1981-2020.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 24 de novembro de 2022.

Acceso libre.

Transferencias:

• Arquivo central: 1 ano desde a finalización do procedemento.

• Arquivo intermedio: 5 anos desde a finalización do procedemento.

• Arquivo histórico: 15 anos desde a finalización do procedemento.

Selección: conservación permanente.

Táboa: T0086.

Código da serie: AA2739.

Denominación: expedientes de conciliación previa á xurisdición laboral.

Procedencia: Traballo. Relacións Laborais.

Datas extremas da serie: 1983-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1983-2022.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 24 de novembro de 2022.

Acceso restrinxido: 30 anos.

Transferencias:

• Arquivo central: 1 ano desde a finalización do procedemento.

• Arquivo intermedio: 5 anos desde a finalización do procedemento.

• Arquivo histórico: 15 anos desde a finalización do procedemento.

Selección:

Eliminación total. Posibilidade de eliminar aos dez anos desde a finalización do procedemento.

Mostra: 5 expedientes por ano.

Táboa: T0087.

Código da serie: AA05711.

Denominación: expedientes de axudas ao fomento da estabilidade laboral.

Procedencia: Traballo. Promoción e Fomento do Emprego.

Datas extremas da serie: 1986-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1986-2021.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 24 de novembro de 2022.

Acceso restrinxido: 50 anos.

Transferencias:

• Arquivo central: 1 ano desde a finalización do procedemento.

• Arquivo intermedio: 10 anos desde a finalización do procedemento.

• Arquivo histórico: 15 anos desde a finalización do procedemento.

Selección:

Eliminación parcial. Posibilidade de eliminar aos dez anos da finalización do procedemento. A eliminación de documentos poderase tramitar unha vez pechado o procedemento e todo tipo de trámites e procesos asociados aos expedientes, incluídas as auditorías e obrigas de conservación asociadas a fondos europeos e cando se cumpran os prazos establecidos para tal fin.

Mostra:

• Selectiva: os expedientes que resolvese a dirección xeral, polo significado excepcional que teñen.

• Aleatoria: cinco expedientes escollidos de forma aleatoria por cada procedemento e convocatoria entre os tramitados polos servizos territoriais.

Táboa: T0088.

Código da serie: AL164 (S0322).

Denominación: expedientes de oposicións.

Procedencia: Recursos humanos. Selección de persoal.

Datas extremas da serie: 1955-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1955-2022.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 24 de novembro de 2022.

Acceso restrinxido: 30 anos.

Transferencias:

• Arquivo municipal: 1 ano desde a finalización do procedemento.

Selección:

Eliminación parcial. Posibilidade de eliminar a parte individual dos expedientes dos aspirantes suspensos e excluídos xunto cos exames e demais probas de selección, aos 5 anos da finalización do procedemento. A eliminación de documentos poderase tramitar unha vez pechados todos os procesos administrativos e xudiciais (recursos) asociados ás convocatorias.

Conservación da parte xeral do expediente e conservación dos documentos da parte individual do expediente dos aspirantes seleccionados.

Conservación dos modelos de exame coas respectivas solucións.