Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2023 Páx. 7498

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 16 de decembro de 2022 pola que se realiza a convocatoria, para o ano 2023, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a adaptación, segundo o establecido polo Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, das liñas eléctricas de alta tensión con condutores espidos localizadas en zonas de protección de avifauna, con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN407E).

Exposición de motivos:

Na actualidade, unha das principais causas de morte non natural da avifauna é a colisión ou electrocución coas liñas eléctricas. Moitas especies de aves son afectadas tanto polas estruturas de soporte (apoios) como polos condutores das liñas de alta tensión, o que supón unha causa potencial de mortalidade para elas.

Mediante a aprobación do Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión, preténdense minimizar os efectos negativos das liñas eléctricas existentes sobre as diferentes especies de aves presentes no espazo natural.

Nos artigos 6 e 7 do Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, establécense, respectivamente, as medidas de prevención contra a electrocución e as medidas de prevención contra as colisións. Estas medidas técnicas deberanas cumprir, segundo o artigo 3.1, as liñas eléctricas de alta tensión con condutores espidos situadas en zonas de protección que sexan de nova construción e que non conten con proxecto de execución aprobado no momento da entrada en vigor do dito real decreto, así como as ampliacións ou modificacións de liñas eléctricas de alta tensión existentes. Segundo o artigo 3.2, tamén as liñas eléctricas aéreas de alta tensión con condutores espidos existentes no momento da entrada en vigor do real decreto, situadas en zonas de protección, e son obrigatorias as medidas de protección contra a electrocución e voluntarias as medidas de protección contra a colisión.

No artigo 4.2 o Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, establece que cada comunidade autónoma publicará no seu correspondente diario oficial as zonas de protección de avifauna existentes no seu territorio.

Como consecuencia, publícase a Resolución do 28 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se delimitan as áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e pola que se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

Posteriormente, realízase a actualización da anterior resolución mediante a Resolución do 18 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se actualiza a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión. É de novo actualizada pola Resolución do 18 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Ademais, segundo tamén establece o Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, publícase a Resolución do 15 de outubro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se determinan as liñas eléctricas aéreas de alta tensión que non se axustan ás prescricións técnicas establecidas no Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión. Tras a ampliación de zonas de protección indicada na Resolución do 18 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais vai actualizar a listaxe de liñas eléctricas que non se axustan ás devanditas prescricións técnicas.

Doutra banda, a pandemia provocada pola COVID-19 supuxo unha crise económica, social e sanitaria sen precedentes. A magnitude do desafío exixiu unha resposta común a escala europea. Como resposta a medio prazo implantouse un fondo de recuperación para contribuír ao proceso de reconstrución das economías no mundo pos-COVID-19, a partir de 2021.

No contexto do novo Fondo de Recuperación NextGenerationEU aprobouse, o 7 de outubro de 2020, o marco xeral do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR, en diante), regulado polo Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban as medidas urxentes para a modernización da Administración pública.

A Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, na súa reunión do 14 de abril de 2021, aproba os criterios obxectivos de repartición e da distribución territorial de créditos relativos á aplicación do Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, para a modificación de tendidos eléctricos causantes de electrocución a especies de avifauna ameazada, e asígnalle un crédito de 982.544,59 € á Comunidade Autónoma de Galicia.

As bases reguladoras para o financiamento de actuacións con cargo ao PRTR sinalan que as comunidades autónomas deberán financiar as ditas actuacións a través da convocatoria de axudas baixo a modalidade de concorrencia competitiva, rexéndose polo establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Segundo a disposición adicional única do Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, para lograr o cumprimento dos fins perseguidos por este real decreto, o Goberno, a través do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, habilitará os mecanismos e orzamentos necesarios para acometer o financiamento total das adaptacións recollidas na disposición transitoria única, número 2, nun prazo non superior aos cinco anos desde a entrada en vigor deste real decreto. A execución das adaptacións en ningún caso superará os dous anos desde a aprobación do financiamento correspondente.

Tamén lle será de aplicación o réxime xeral das axudas e subvencións da nosa comunidade autónoma, establecido nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, modificada en última instancia pola Lei 13/2015, do 24 de decembro. A nivel regulamentario, a normativa principal está representada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. Esta orde cumpre as exixencias da citada normativa.

Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

En virtude do exposto, e en exercicio das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Mediante esta orde realízase a convocatoria para o ano 2023 da concesión das axudas para adaptación, segundo o establecido polo Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, das liñas eléctricas de alta tensión con condutores espidos localizadas en zonas de protección de avifauna.

2. As bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, en réxime de concorrencia competitiva, para a adaptación das liñas eléctricas de alta tensión con condutores espidos localizadas en zonas de protección de avifauna, son as aprobadas pola Orde do 17 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para os anos 2022-2023 e convocatoria para o ano 2022, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a adaptación, segundo o establecido polo Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, das liñas eléctricas de alta tensión con condutores espidos localizadas en zonas de protección de avifauna con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN407E), que se publicou no DOG núm. 127, do 5 de xullo de 2022.

3. En todo o non disposto expresamente nesta orde, para os efectos do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, observarase o disposto na Orde do 17 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para os anos 2022-2023 e convocatoria para o ano 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a adaptación, segundo o establecido polo Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, das liñas eléctricas de alta tensión con condutores espidos localizadas en zonas de protección de avifauna con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN407E).

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderá ter a condición de beneficiaria calquera entidade, pública ou privada, que teña a titularidade dalgunha ou varias liñas eléctricas existentes de alta tensión con condutores espidos localizadas total ou parcialmente nas zonas de protección da avifauna establecidas pola Resolución do 18 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se actualiza a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, nas cales serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

Artigo 3. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes e da documentación

1. Para poder ser entidade beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo de formulario normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, dirixirase á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 12 das bases reguladoras.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais, contados desde o día seguinte á data de publicación no DOG (Diario Oficial de Galicia) desta convocatoria.

6. Consonte o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo así, se terá por desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.

Artigo 4. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude modelo do anexo II a seguinte documentación:

1.1. Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito, se procede.

1.2. Memoria técnica descritiva das actuacións obxecto de solicitude para a adaptación e/ou modificación da liña eléctrica correspondente, onde se especifiquen e se describan as medidas que se van tomar co obxectivo de dar cumprimento ao Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto. O contido mínimo da memoria será o seguinte:

a) Descrición do trazado con plano a escala mínima 1:10.000 en formato .pdf e dixital (.shp, .dxf ou similar) onde se identifiquen e localicen as liñas e apoios.

b) Planos de localización e detalle, onde se identifiquen a localización das liñas e apoios con respecto ás zonas de protección para a avifauna.

c) Tipos de apoios e armados instalados ou para instalar.

d) Características dos sistemas de illamento para cada apoio, con certificación da súa homologación cando menos para a tensión dos tendidos que vaian ser corrixidos.

e) Descrición das instalacións de seccionamento, transformación e interruptores con corte en intemperie.

f) Características dos dispositivos anticolisións que se van instalar e a localización destes, así como as medidas anticolisión e as medidas antinidificación nas liñas.

g) Xustificación técnica, asinada por técnico competente, de que as medidas propostas dan cumprimento ao establecido polo Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto.

h) Xustificación do cumprimento do principio DNSH.

i) Obxectivos ambientais aos cales contribuirá a actuación, segundo o que establece o Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecido no marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088.

j) Orzamento detallado co IVE desagregado.

k) Prazo de execución e calendario, tendo en conta que as actividades subvencionables descritas nas presentes bases reguladoras deben rematar antes do 31 de outubro de 2023.

1.3. Arquivo en formato compatible con SIX (.shp, .dxf ou similar) onde se identifiquen e localicen as liñas e apoios, diferenciando aqueles en que se realizarán actuacións dos que non.

1.4. Tres ofertas de diferentes persoas que teñan a condición de provedoras, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, no caso en que o gasto subvencionable supere os 40.000 €, no caso de obras, ou 15.000 €, no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Os prezos das unidades de obra das actuacións subvencionables deben axustarse ao valor do mercado.

b) As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para ser comparables.

c) En ningún caso poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a contía deste e eludir o cumprimento dos requisitos de contratación e subcontratación establecidos nestas bases.

d) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.

e) Non poderán proceder de empresas vencelladas entre elas nin coa solicitante, nos termos establecidos pola lexislación de contratos do sector público.

f) Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa ofertante, o nome ou razón social da solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados.

g) Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

h) Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables dos cales, polas súas características especiais, non exista no mercado suficiente número de entidades que o ofrezan, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado no cal se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

i) Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados no presente artigo.

1.5. De ser o caso, documentación xustificativa que acredite o cumprimento dos criterios de avaliación 1, 2 e 3 das solicitudes establecidos no artigo 9 das bases reguladoras; documentación xustificativa que acredite a mortalidade de avifauna de cada un dos exemplares tidos en conta nos criterios de valoración.

1.6. Se é o caso, acreditación de dispor de todas as licenzas e autorizacións necesarias para o exercicio da actividade ou de estar en trámite de conseguilas.

1.7. Anexo III debidamente cuberto (memoria resumo das actuacións).

1.8. Se é o caso, a declaración responsable (anexo VII) en que se acredite que as actuacións non foron iniciadas antes do 1 de xaneiro de 2023.

1.9. Declaración responsable relativa ao compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que puidesen afectar o ámbito obxecto de xestión, incluíndo o cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (DNSH) (anexo VIII), de acordo co recollido no artigo 8.1 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, en todas as fases de deseño e execución das actuacións.

1.10. Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, de acordo co recollido no artigo 8.1 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do PRTR (anexo IX).

1.11. No caso de que as beneficiarias desenvolvan actividades económicas, acreditarán a súa inscrición no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria, que debe reflectir a actividade económica efectivamente desenvolvida na data de solicitude da axuda, de acordo co recollido no artigo 8.1 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

1.12. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

1.13. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais poderá requirir motivadamente, consonte prevé o artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, calquera documentación aclaratoria necesaria en relación coas subvencións que se van outorgar que considere conveniente.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para este efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non puideran obter os citados documentos, poderáselle solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante ou NIF da entidade representante, de ser o caso.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

No caso de que as interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Prazo de duración do procedemento da concesión

O prazo máximo para resolver será de tres meses, contados a partir do día seguinte á data de publicación no DOG (Diario Oficial de Galicia) desta convocatoria, de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Consonte o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez transcorrido o devandito prazo sen que se dite a resolución expresa, os/as solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude nos termos previstos no artigo 25.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente, de acordo co disposto no artigo 42.1 do mencionado texto legal.

Artigo 8. Financiamento e distribución do crédito

1. O financiamento provén integramente da Unión Europea a través dos fondos asignados á Xunta de Galicia para as actuacións de corrección de tendidos eléctricos para evitar danos na avifauna (conservación da biodiversidade terrestre e mariña), en aplicación do Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión con cargo ao Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), dentro do compoñente C.4, Conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade.

2. Para esta convocatoria o crédito orzamentario para financiar estas axudas é de 482.544,59 €, con cargo á aplicación orzamentaria 05.03.733A.770.0, do código de proxecto 2022/00019 do orzamento da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para o ano 2023.

3. Poderase ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

5. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

6. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2023.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto no número 2 deste artigo e, xa que logo, a concesión das subvencións quedan sometidos á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2023 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

Artigo 9. Réxime e principios de aplicación

1. As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación, atendendo a criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e á eficiencia na asignación e emprego dos recursos públicos, segundo se establece no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, o texto da orde e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

3. Conforme o anterior e o recollido no artigo 6.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, esta orde será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (https://ceei.xunta.gal/portada).

Artigo 10. Ámbito territorial

As axudas desta convocatoria aplicaranse a actuacións que se desenvolvan nas zonas de protección establecidas pola Resolución do 18 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se actualiza a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia nas cales serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

Artigo 11. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN407E, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Paxina web oficial da Consellería: http://ceei.xunta.gal

b) O enderezo de correo electrónico: subdireccion.enerxia@xunta.gal

c) A Guía de procedementos e servizos: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

d) Presencialmente: Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 12. Resolución

1. O prazo máximo para resolver será de tres meses, contados a partir do día seguinte á data de publicación no DOG (Diario Oficial de Galicia) da orde da convocatoria do ano 2023. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Consonte o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez transcorrido o devandito prazo sen que se dite a resolución expresa, os/as solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude nos termos previstos no artigo 25.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente, de acordo co disposto no artigo 42.1 do mencionado texto legal.

2. As solicitudes de axudas serán resoltas pola persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

3. A resolución do procedemento notificarase de forma individual aos/ás adxudicatarios/as. Na notificación indicarase a persoa ou entidade beneficiaria, a cantidade concedida, o prazo de execución e a xustificación, así como a finalidade ou finalidades da subvención e o programa e crédito orzamentario a que se imputen.

4. A resolución ditada segundo o disposto no punto 2 deste artigo porá fin á vía administrativa e en contra dela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 116 e 117 da Lei 29/1998 da xurisdición contencioso-administrativa.

5. A Administración velará por que na notificación de concesión da axuda sexan informadas as beneficiarias de que a medida se subvenciona en virtude dos fondos relativos ao compoñente 4, Conservación e restauración de ecosistemas e a súa biodiversidade do Mecanismo de recuperación, transformación e resiliencia, así como das súas responsabilidades de publicidade, segundo o establecido no artigo 20 das bases reguladoras.

6. De renunciar á subvención concedida, a entidade beneficiaria, no prazo de dez días hábiles, contados desde o seguinte ao de notificación da resolución de concesión da axuda, deberá notificarllo á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais segundo o anexo IV desta orde. Se así non o fixer no prazo indicado, entenderase que acepta a axuda.

7. No caso de renuncias por parte das beneficiarias, poderanse ditar novas resolucións en función das dispoñibilidades orzamentarias derivadas das renuncias, sempre que existan solicitantes que cumpran cos requisitos para beneficiarse das axudas e que a súa solicitude obteña puntuación suficiente en aplicación dos criterios de avaliación.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións dos actos administrativos, distintos da resolución de concesión, efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Recursos

1. A resolución ditada porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, ou poderá ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, conforme dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

2. O prazo para interpor recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o devandito prazo, unicamente poderá interporse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante poderá interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do recurso será dun mes. Contra a resolución dun recurso de reposición non poderá interporse de novo o dito recurso.

4. Poderase interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, se a resolución é expresa.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlles á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vencelladas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Publicidade

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia, con indicación da norma reguladora, beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. A consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen imporse nos correspondentes servizos públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das beneficiarias e a referida publicidade.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase á BDNS a información requirida por esta, o texto da orde para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. As beneficiarias deberán cumprir coa exixencia de publicidade da axuda concedida, ao abeiro do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento.

5. As beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de difusión marcadas e mencionar o apoio da Xunta de Galicia e do PRTR, ao estar financiada pola Comisión Europea a través do Instrumento europeo de recuperación NextGenerationEU, en toda a información, verbal ou escrita, emitida con ocasión da actividade obxecto de subvención, antes, durante e despois da súa finalización, de acordo co artigo 9 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

6. Deste xeito, coa condición de que a execución da actividade o permita, deberá exhibirse un panel de tamaño A3 (297×420 mm), en lugar ben visible, preferentemente no acceso ao recinto nos casos das subvencións concedidas para investimentos materiais (anexo VI), que fará referencia clara e inequívoca á axuda concedida, con expresión dos datos identificativos desta orde, acompañados polo logotipo oficial da Xunta de Galicia, o logotipo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e o emblema da UE cunha declaración de financiamento adecuado que diga «Financiado por la Unión Europea-NextGenerationEU», xunto co logotipo do PRTR, dispoñible na ligazón https://planderecuperacion.gob.es/identidad-visual

Este panel deberá manterse durante todo o período de duración do investimento.

7. Cando a beneficiaria dispoña dun sitio web para uso profesional, deberá incluír neste unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada á operación, cos seus obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión.

Artigo 17. Prazo de execución e xustificación da subvención

O prazo máximo para executar e xustificar as actuacións subvencionables será ata o 31 de outubro de 2023.

Artigo 18. Documentación xustificativa e pagamento

1. Unha vez efectuado o investimento, a entidade beneficiaria deberá comunicalo mediante o anexo V á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

2. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido polo artigo 16 desta convocatoria, momento en que a totalidade das actuacións deberán estar executadas.

3. Para xustificar o investimento deberase presentar a seguinte documentación:

a) Memoria técnica descritiva das actuacións realizadas, xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, coa descrición das actividades realizadas e dos resultados obtidos, incluíndo a argumentación técnica que xustifique o cumprimento do principio DNSH. Esta memoria deberá identificar a totalidade das actuacións realizadas mediante:

a1. Descrición de todas as actuacións realizadas en cada un dos elementos obxecto de adaptación ao Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto (apoios, condutores, illadores, etc.), en que se detallen claramente os obxectivos: número de apoios corrixidos.

a2. Fotografías previas e posteriores ás actuacións de cada un dos elementos mencionados no punto anterior.

a3. Esquema que amose as dimensións de todos os elementos obxecto de adaptación. Isto permitirá a comprobación, de ser o caso, de que se garantan as diferentes distancias de seguridade nos apoios, as distancias entre salvapáxaros, etc.

a4. Arquivo dixital (.shp, .dxf ou similar) onde se identifiquen e se localicen as liñas e apoios, diferenciando os que foron obxecto dalgunha das adaptacións.

b) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación de:

b1. Número da factura e data ou outro documento de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil, contrato, nómina, etc.

b2. Provedor: nome ou razón social e NIF.

b3. Importe da factura (IVE excluído) e porcentaxe de imputación á subvención.

b4. Actuación a que corresponde: descrición dos bens ou servizos proporcionados.

b5. Forma de pagamento.

b6. Data de pagamento.

A listaxe totalizarase para cada unha das actuacións recollidas na correspondente resolución de concesión e incluirá unha comparación deste total coa cantidade recollida, polo mesmo concepto, na resolución de concesión.

c) Documentación xustificativa do pagamento, conforme foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, mediante a presentación do xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante.

Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o importe da factura e a súa data de pagamento. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo da entidade provedora, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo. No caso de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase achegar unha relación destas, asinada polo/a representante legal.

d) Licenzas e/ou autorizacións para realizar as actuacións subvencionadas exixibles polas diferentes administracións públicas competentes e entidades vencelladas ou dependentes dela ao abeiro da normativa sectorial que poida resultar de aplicación na solicitude de pagamento final se non foron presentadas previamente.

4. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

5. O órgano instrutor poderá requiriralles ás beneficiarias a remisión dos xustificantes de gasto con base en técnicas de mostraxe. Para a estes efectos comprobarase un mínimo do 20 % dos expedientes. Este mesmo requirimento será aplicable cando das comprobacións realizadas non se consiga evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda.

6. As facturas deberán conter información suficiente como para permitir relacionalas co gasto xustificado. Os xustificantes de gasto presentados deberán especificar a subvención para cuxa xustificación foron presentados e se o importe xustificado se imputa total ou parcialmente a esta. Neste último caso, indicarase a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

7. A expedición das facturas e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

8. Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

9. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que esta se presente, requirirase a beneficiaria para que, no prazo improrrogable de 10 días, sexa presentada. Se transcorrido este último prazo non se recibe documentación, realizarase a liquidación do proxecto.

10. No momento da xustificación do investimento, as beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a beneficiaria se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá presentar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.

11. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais poderá solicitarlle ao beneficiario as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes, e advertiralle que a falta de presentación da xustificación no prazo concedido para o efecto poderá comportar a perda do dereito á subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

12. O pagamento da subvención realizarase logo da xustificación por parte da beneficiaria da realización da actividade, da execución do proxecto ou investimento ou da consecución do obxectivo para o cal se concedeu, de forma que a súa falta de xustificación ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas na normativa en materia de subvencións determinará a perda do dereito ao cobramento.

13. Cando o investimento ou custo xustificado sexa inferior ao inicialmente previsto, e non supoña unha realización incompleta ou deficiente do proxecto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, sempre que se garanta o cumprimento da finalidade da subvención.

14. O pagamento realizarase logo de verificación por parte da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file