Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2023 Páx. 7533

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Orde do 16 de decembro de 2022 pola que se realiza a convocatoria, para o ano 2023, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a adaptación, segundo o establecido polo Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, das liñas eléctricas de alta tensión con condutores espidos localizadas en zonas de protección de avifauna, con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN407E).

BDNS (Identif.): 664429.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria, para o ano 2023, cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderá ter a condición de beneficiaria calquera entidade, pública ou privada, que teña a titularidade dalgunha ou varias liñas eléctricas existentes de alta tensión con condutores espidos localizadas total ou parcialmente nas zonas de protección de avifauna establecidas pola Resolución do 18 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se actualiza a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia nas cales serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

Segundo. Obxecto

Concesión das axudas con base no Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, do 14 de abril de 2021, polo que se aproban os créditos de repartición e da distribución territorial de créditos relativos á aplicación do Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, para a modificación de tendidos eléctricos causantes de electrocución a especies de avifauna ameazada.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 17 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para os anos 2022-2023, e convocatoria para o ano 2022, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para adaptación, segundo o establecido polo Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, das liñas eléctricas de alta tensión con condutores espidos localizadas en zonas de protección de avifauna con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR).

Cuarto. Contía

A dotación orzamentaria é de 482.544,59 €.

A intensidade da subvención a cada proxecto será do cen por cento (100 %) do gasto realizado, cun valor máximo subvencionable por solicitude de 100.000 € (IVE excluído).

A contía máxima a que poderá optar unha mesma beneficiaria, sen prexuízo do número de solicitudes que presente, será de 250.000 €, salvo que quede crédito dispoñible. No caso de que a suma orzamentaria de todas as solicitudes presentadas por unha beneficiaria supere os 250.000 €, só se admitirán as solicitudes que obteñan maior puntuación nos criterios de avaliación ata alcanzar o dito límite, e as restantes serán excluídas.

Se para o último proxecto valorado o crédito non acada para subvencionar o 100 % do orzamento da solicitude, asignaráselle a contía dispoñible.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais, contados desde o día seguinte á data de publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación