Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2023 Páx. 7607

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Silleda.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Silleda, mediante Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 23 de decembro de 2022, que figura como anexo.

Unha vez inscrito o devandito Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D283&_aaeTipology_WAR_aae_id=283

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación
municipal do Concello de Silleda

O Concello de Silleda eleva para a súa aprobación definitiva o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. Planeamento municipal vixente.

O Concello de Silleda dispón dun plan xeral de ordenación urbana (PXOU) aprobado definitivamente (AD) o 4.6.1981, con sete modificacións puntuais.

En desenvolvemento do PXOU aprobouse o plan parcial PP Parque empresarial área 33, AD 22.10.1991, con tres modificacións puntuais; e tres estudos de detalle.

2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

Este concello está afectado polos seguintes proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal:

– Aproveitamento hidroeléctrico do río Deza, AD 28.7.2005.

– Parque eólico Masgalán-Campo do Coco, AD 22.11.2001.

– Parque eólico Couto de San Sebastián, AD 11.10.2007.

– Liña de alta tensión 66 kV Couto de San Sebastián-Portodemouros, AD 6.9.2007.

3 . Tramitación.

1. O 24.6.2009 a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial (IPAI) do PXOM. Por non obter aprobación inicial á entrada en vigor da Lei 2/2010, o PXOM tivo que adaptarse a ela, polo que o 30.7.2012 emitiuse un novo IPAI.

2. Constan informes municipais previos á aprobación inicial de: arquitecto, do 7.12.2012; interventora, do 13.12.2012, e secretaria, do 13.12.2012.

3. Na sesión do 18.12.2012 o Concello pleno acordou aprobar inicialmente o PXOM e sometelo a información pública mediante anuncios nos diarios Faro de Vigo e La Voz de Galicia, ambos do 5.1.2013; así como no DOG do 16.1.2013. O Pleno na sesión do 23.7.2013 rectificou ese acordo no referido á suspensión de licenzas (DOG do 23.6.2014).

Déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Boqueixón, Vila de Cruces, Lalín, A Estrada e Forcarei e solicitáronse os informes aos sectoriais preceptivos.

4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental elaborou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM o 15.3.2016 (DOG do 12 de abril).

5. Consta informe do secretario municipal do 16.3.2016, previo á aprobación provisional.

6. O plan xeral foi aprobado provisionalmente polo concello pleno do 18.3.2016.

7. Conforme o artigo 85.7.b) da LOUG, e por non constar a integridade documental do plan e do expediente, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda resolveu na Orde do 26 de decembro de 2018 non aprobar definitivamente o PXOM e solicitar a emenda das deficiencias sinaladas na dita orde.

8. O 1.9.2022, o concello pleno aprobou a nova documentación do PXOM, emendada na sesión do 6.9.2022, e solicitar desta consellería a súa aprobación definitiva.

9. A documentación do PXOM entrou nesta consellería o 5.10.2022; e o 24.10.2022 entrou documentación adicional, enviada polo Concello, relativa ao informe de Augas de Galicia.

10. O núcleo rural de Cardesín (Refoxos) está incluído na ZEC Serra do Candán polo que, ao abeiro do disposto no artigo 32.2.f) da LOUG, a súa delimitación e conseguinte exclusión do solo rústico de especial protección de espazos naturais foi autorizada polo Consello da Xunta en sesión do 22.12.2022.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación do PXOM de Silleda redactada por Alfonso Botana, S.L., aprobada polo pleno do 6.9.2022, en relación coas condicións impostas polos informes sectoriais e as consideracións sinaladas na anterior orde sobre aprobación definitiva do 26.12.2018, obsérvase:

1. Expediente administrativo.

1. O expediente constará do conxunto ordenado de todos os documentos e actuacións obxecto da tramitación do PXOM, rubricados e foliados polos funcionarios encargados da súa tramitación (artigo 164 do R.D. 2568/1986). Ao respecto, cómpre indicar que:

• O Tomo 3. Documentación administrativa II e as páxinas 3082, 4695 e 4910 do Tomo 2. Alegacións e respostas non están rubricadas.

• Constan documentos na carpeta SLL-ADP02-12-DOC CONSULTA do documento técnico que deben integrarse como parte do expediente administrativo.

2. De acordo co informe da Secretaría Municipal do 29.9.2022, deberá notificarse a aprobación do PXOM á Delegación de Economía e Facenda e á Consellería de Facenda.

3. Cumprimento das determinacións finais da memoria ambiental: na ficha urbanística do sector SUDI1 constará a existencia dun hórreo, para os efectos do establecido nos artigos 91 e 62 da Lei do patrimonio histórico de Galicia (LPHG).

4. Respecto do DVD achegado o 1.10.2018 como documento de aprobación inicial, datado en novembro de 2012, ningún dos arquivos electrónicos presenta dilixencia de ter sido aprobado inicialmente polo pleno; cuestión que cómpre emendar.

5. En todo o PXOM, a dilixencia incluirá a data do pleno de aprobación provisional.

6. Informe da Dirección Xeral de Estradas, Demarcación de Galicia, do Ministerio de Fomento, do 17.5.2016: cómpre integrar na normativa do SUNC en contacto coa N-525 en Silleda, a condición de que a iluminación non debe producir cegamentos na estrada do estado.

7. Deberán incorporarse as condicións do informe da Axencia Galega de Infraestruturas do 16.2.2016, semellando existir un erro de grafismo na lenda dos planos do solo urbano e de clasificación xeral no cumprimento do recuamento da edificación na ordenanza 4 da Bandeira, xa que se sinaliza como dominio público da estrada autonómica.

8. Deberán incorporarse as cuestións sinaladas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 25.11.2022 (Verificación de documentos firmados-Sede Electrónica-Xunta de Galicia CVE: 1kyyqZhiZ4P2).

2. Modelo territorial e capacidade residencial.

Segue sen xustificarse a necesidade da clasificación de solo urbanizable residencial, polo que o ámbito do SUD-R2 pasará a clasificarse como solo rústico de especial protección agropecuaria, por tratarse de terreos concentrados.

Enténdese admisible a previsión do SUD-R1 de cara ao completamento da estrutura urbana.

3. Clasificación e determinacións nas distintas clases de solo.

3.1. Solo urbano.

1. O ámbito do plan parcial Parque empresarial Área 33 deberá ser ordenado directamente polo PXOM como SUC, con ordenanza propia que refunda a actual normativa tras varias modificacións do planeamento orixinario, en lugar de remitir a unha API.

2. Segundo os planos de información, a zona da prolongación da rúa Pontevedra non conta con todos os servizos urbanísticos necesarios nin a rúa se atopa completada ata o confín do solo urbano, polo que deberá categorizarse como solo urbano non consolidado.

3. Tras asignar os graos da ordenanza 2 como exixía o IPAI, obsérvase:

– Débense resolver os encontros das D1 AR 1, D1 AR 2, D1 AR 4 cos quinteiros lindeiros de ordenanza 2 e incluír nas fichas dos PERI as previsións de continuidade co solo urbano consolidado para evitar novas medianeiras e ocultar as existentes, engadindo a tipoloxía entre medianeiras para os efectos de rematar as medianeiras existentes.

– Quinteiros de grao 2.3 (desenvolvemento lineal) contra o solo rústico nas beiras da rúa República Arxentina, en Silleda, agravado no quinteiro máis ao leste por permitir a prolongación da planta baixa cara ao solo rústico. No artigo 295.14 da normativa deberán incluírse as situacións de parcelas lindeiras con outras correspondentes ao solo rústico para os efectos de tratar estes paramentos como o resto das fachadas.

– Quinteiro de ordenanza 2.3 na avenida do Parque, no antigo SUD R2, en Silleda, no que se prevé a prolongación da planta baixa contra o solo rústico. O patio do quinteiro debería ser cualificado como espazo libre privado como nos quinteiros adxacentes.

4. Na Bandeira, o camiño Murallón, en solo urbano consolidado, carece de cotas entre aliñacións (artigo 54.f) da LOUG).

3.2. Solo urbanizable.

1. As localizacións do SUD-I2 e SUD-I3, desvencelladas do crecemento industrial proposto centralizado no leste de Silleda, exixen o sometemento á disposición transitoria 13ª da LOUG, prevista para posibilitar a regularización de asentamentos industriais existentes.

2. O plan debe incluír a totalidade das determinacións establecidas no artigo 57.1.c) e d) da LOUG na ficha dos sectores, coas condicións de urbanización dos sistemas xerais. Deberá sinalarse nas fichas o trazado indicativo dos ramais máis importantes de servizos e instalacións asociadas, así como o punto de conexión coas redes xerais exteriores.

3. Cómpre resolver os encontros entre o SUD R1 e os quinteiros lindeiros establecendo as condicións de ordenación correspondentes, introducindo na súa ficha:

– Empregarase a tipoloxía entre medianeiras no remate da ordenación do quinteiro ao norte, para ocultar as medianeiras existentes.

– Modificarase a ordenación en planta baixa dos quinteiros en contacto coas vías previstas para obter quinteiros pechados cunha ordenación coherente.

– O remate do sector contra os quinteiros situados ao leste farase mediante espazos libres privados, en congruencia co quinteiro situado ao nordeste.

– O Sistema xeral 30-SN-P2 modificarase ao norte de xeito que non impida o remate das medianeiras existentes pola nova edificación.

3.3. Solo rústico.

1. Recollerase toda a rede viaria e as súas afeccións nos planos. Segundo a información recollida no PBA, existe unha estrada sen grafar, ao noroeste do núcleo de Silleda.

2. As áreas de especial interese paisaxístico identificadas polo Decreto 119/2016, do 28 de xullo, polo que se aproba o Catálogo das paisaxes de Galicia, deberán ter a consideración de solo rústico de especial protección paisaxística, superpoñéndose, de ser o caso, a outras proteccións.

4. Normativa.

1. O réxime de edificacións en fóra de ordenación contido no artigo 199 da normativa adaptarase estritamente ao establecido no artigo 90.1 da LSG, sen permitir cambios de uso.

5. Erros e incongruencias documentais.

1. O NR 33.02 Reigosa está clasificado fóra dos límites municipais do IGN.

2. Existe un erro no cálculo da edificabilidade total do SUZ: onde se computan 28.728 m2 (cadro 5.3.2.d da Memoria) deberíanse computar 47.595 m2 edificables totais en SUZ (no cálculo da CRM se indica que non se delimita SUZ).

3. A ficha do SUD-R1 deberá incorporar a reserva de vivenda protexida.

4. Unificaranse os códigos dos núcleos rurais, xa que varían entre os distintos documentos do PXOM. Ademais, non hai correspondencia entre os núcleos que figuran nos distintos cadros e fichas dos documentos do PXOM.

Por exemplo: 20.02 O Couto en fichas AMAP:2004, 20.03 Outeiro en fichas AMAP:2005, 20.04 Ribeirao en fichas AMAP:2006; 8.-Cira (Santa Baia) A Braña no cadro 5.4.1 da Memoria: A Braña-Fucarelos; 8.-Cira (Santa Baia) O Candao no cadro 5.4.1 da Memoria: Altamira-O Candao-A Carballeira-Os Currás-Rendo, etc.

Os cadros 1, 3 e 5 do AMAP non son congruentes en xeral coas denominacións das fichas.

5. Entre os planos de información figura un denominado «20220801_IV22_4_AEC Zonas complementarias» que semella ser unha versión anterior do plano «20221003_IV22_4_AEC Zonas complementarias_firmado».

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, de 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Silleda, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no punto II anterior.

As ditas condicións deberán ser integradas nun documento refundido, debidamente dilixenciado, que o Concello enviará á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.