Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 18 de xaneiro de 2023 Páx. 6930

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Soutomaior (expediente IN407A 2021/263-4).

Expediente: IN407A 2021/263-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTA, LMTS e substitución do CTI Aranza.

Concello: Soutomaior.

Feitos:

Primeiro. O 27 de outubro de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTA, LMTS e substitución do CTI Aranza.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións na LMT PTC807, no lugar de Aranza, no municipio de Soutomaior (Pontevedra):

– Retirada do actual centro de transformación de intemperie (CTI) Aranza 36A438, dos apoios A86MIR4K (será substituído por un C 3000/14) e A874M67 (no que se sitúa o CTI), e da liña de media tensión aérea entre os apoios retirados.

– Instalación dun centro de transformación de superficie baixo envolvente prefabricada, compacto e de manobra exterior cunha potencia instalada de 160 kVA.

– Instalación dunha liña de media tensión subterránea de 126 metros de lonxitude entre o apoio proxectado e o centro de transformación proxectado.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Soutomaior e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado técnico emitido polo Servizo do Patrimonio Cultural.

O Concello de Soutomaior non emitiu condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 28 de decembro de 2021, esta xefatura territorial notificoulles a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Naqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, o 24 de xaneiro de 2022 publicouse o correspondente anuncio no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 28 de decembro de 2021 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 21 de xaneiro de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 14 de xaneiro de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Soutomaior.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por Serafín Amoedo Barcia en que destaca que a propietaria da parcela é a súa esposa Rosa Florentina Vidal e Vidal, ademais solicita que se expropie a totalidade da parcela debido ao prexuízo económico.

Quinto. As alegacións foron trasladadas á empresa promotora que, o 8 de febreiro de 2022, actualizou a relación de bens e dereitos afectados e manifestou que a expropiación total da parcela debe ser solicita á Administración expropiante sempre e cando se demostre que resulta antieconómico o mantemento da parte da parcela non expropiada

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron as alegacións presentadas, emitindo o correspondente informe, e concluiron que Serafín Amoedo Barcia non xustifica as causas concretas determinantes dos prexuízos económicos como consecuencia da alteración das condicións fundamentais da explotación do predio.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Desmontaxe do condutor illado entre os apoios A86MIR4K e A873HM67 que serán retirados. Retensado da liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV con condutor LAC-28 mm² Al, cunha lonxitude de 335 metros e orixe no apoio de formigón existente A808QWTX e final no apoio proxectado de tipo C 3000-14 en substitución do existente A86MIR4K. Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×50) mm² Al, de 126 metros de lonxitude con orixe no apoio proxectado C-3000-14 na LMT PTC807 e final no CT proxectado. Retirada do CT Aranza (36A4383) que se substitúe por un centro de transformación de superficie baixo envolvente prefabricada, compacto e de manobra, con potencia de 160 kVA e relación de transformación 20.000/400 V, situado na parcela con referencia catastral 360053A005000570000XH. As instalacións están situadas no lugar de Aranza, no concello de Soutomaior (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse, con relación ao valor económico das afeccións, aos posibles cultivos afectados e demais prexuízos avaliables, que corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,..), así como das afeccións reais do proxecto sobre as parcelas afectadas. Será nesta fase que o valor das afeccións se poderá poñer de manifesto na presentación da folla de valoración que requira a Administración.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTA, LMTS e substitución do CTI Aranza (expediente IN407A 2021/263-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 22 de decembro de 2022

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra