Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 17 de xaneiro de 2023 Páx. 6327

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o fomento do desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade no sector da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE205I).

BDNS (Identif.): 669929.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas ou organizacións destas con ámbito de actuación autonómico, legalmente constituídas e inscritas no correspondente rexistro, que desenvolvan proxectos de innovación en colaboración con organismos científicos ou técnicos recoñecidos polo Estado ou pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos desta orde, considerase empresa acuícola as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos que se dedican a realizar actividades de acuicultura en calquera ou todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, e que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Finalidade

Esta orde, con código de procedemento PE205I, ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas a realizar proxectos que fomenten o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade no sector da acuicultura (artigo 47 do Regulamento (UE) número 508/2014) e que teñan como obxectivo:

a) O desenvolvemento de coñecementos técnicos, científicos ou organizativos nas explotacións acuícolas, que reduzan o impacto no ambiente, diminúan a dependencia da fariña e o aceite de peixe, impulsen un uso sustentable dos recursos na acuicultura, melloren o benestar dos animais ou faciliten novos métodos de produción sustentable.

b) O desenvolvemento ou introdución no mercado de novas especies acuícolas, produtos novos ou substancialmente perfeccionados, procesos novos ou perfeccionados, ou sistemas de xestión e organización novos ou perfeccionados.

c) O estudo da viabilidade técnica ou económica de produtos ou procesos innovadores.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o fomento do desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade no sector da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE205I).

Cuarto. Importe

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria que figura no cadro que se insire dotadas no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2023. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán á seguinte contía:

Aplicación orzamentaria

Ano 2023

15.02.723A.770.0

400.000,00 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte á publicación da orde.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar