Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 17 de xaneiro de 2023 Páx. 6330

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para investimentos produtivos, incremento da eficiencia enerxética e fomento da reconversión das empresas acuícolas a fontes de enerxía renovables, e para a obtención de servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico no ámbito da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE205F).

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (en diante, disposicións comúns dos fondos EIE); e o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2014-2020 que, entre outros, ten como obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca e acuicultura sustentables e respectuosos co ambiente para acadar os obxectivos da política pesqueira común (PPC) en consonancia cos obxectivos da Estratexia de Europa 2020. Por outra banda, mediante a Decisión do 13.11.2015, a Comisión aprobou o programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para os efectos de concesión de axudas do devandito fondo neste Estado membro, de maneira que este contribúa á Estratexia da UE para un crecemento intelixente, sustentable e integrador e á consecución dos obxectivos temáticos seleccionados e das prioridades da Unión.

O Regulamento (UE) núm. 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, establece as medidas financeiras da Unión para a aplicación da política pesqueira común, das medidas pertinentes relativas ao dereito do mar, do desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras e acuícolas e da pesca interior, e da política marítima integrada. Este regulamento establece a posibilidade de apoiar os investimentos no ámbito da produción na acuicultura.

O Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (en adiante, FEMP) contribuirá ao logro de, entre outros, os seguintes obxectivos: fomentar unha pesca e unha acuicultura competitivas, ambientalmente sustentables, economicamente viables e socialmente responsables; impulsar a aplicación da política pesqueira común e fomentar un desenvolvemento territorial equilibrado e integrador das zonas pesqueiras e acuícolas.

Por outra banda, a Estratexia galega da acuicultura (Esga) é o documento de articulación que rexerá a planificación e a xestión da actividade acuícola cun horizonte situado no ano 2030. A Esga establece as liñas de acción no territorio galego que se pretenden desenvolver na acuicultura, en consonancia coas disposicións do Plan estratéxico plurianual da acuicultura española.

Ante este novo marco comunitario, cómpre publicar as bases reguladoras que establezan o procedemento para a concesión de determinadas axudas ao abeiro da normativa antes citada e, ao mesmo tempo, realizar a convocatoria destas axudas para o ano 2023, coa finalidade de apoiar o sector pesqueiro, no seu sentido máis amplo, en medidas que contribuirán a facelo máis competitivo e respectuoso co seu contorno.

O artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos a bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería do Mar en materia de acuicultura, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde, con código de procedemento PE205F, ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2023 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas ás seguintes accións:

1. Modalidade A: axudas destinadas á realización das actuacións que a seguir se detallan, que teñen por obxecto o fomento dunha acuicultura sustentable desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva (artigo 48, alíneas: a), b), c), d), f), h) do Regulamento (UE) nº 508/2014):

a) Investimentos produtivos na acuicultura.

b) Diversificar a produción acuícola e as especies cultivadas.

c) Modernizar os centros acuícolas.

d) Melloras e a modernización relacionadas coa saúde e co benestar dos animais, incluída a adquisición de equipamentos destinados a protexer as explotacións dos predadores salvaxes.

e) Investimentos na mellora da calidade do produto acuícola ou para incrementar o seu valor.

f) Diversificar os ingresos das empresas acuícolas mediante o desenvolvemento de actividades complementarias.

2. Modalidade B: axudas destinadas a investimentos que aumenten a eficiencia enerxética e fomenten a reconversión das empresas acuícolas a fontes de enerxía renovables (artigo 48, alínea k) do Regulamento (UE) nº 508/2014).

3. Modalidade C: axudas destinadas á obtención de servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico, co fin de mellorar o rendemento global e a competitividade das explotacións acuícolas e reducir o impacto ambiental negativo do seu funcionamento (artigo 49, alínea b) do Regulamento (UE) nº 508/2014).

Artigo 2. Marco normativo

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; o Regulamento (UE) nº 1303/2013, relativo ás disposicións comúns dos fondos EIE; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2014-2020) abrangue desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2023, segundo dispón o artigo 65 punto 2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas aos fondos EIE.

2. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto, respectando o disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. En todo caso, o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

4. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMP nun 75 % e do Estado membro (CA de Galicia) nun 25 %.

5. A presente convocatoria tramítase polo procedemento anticipado de gasto. A concesión das axudas estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

6. As axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que figuran no cadro que se insire dotadas no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2023. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán ás seguintes contías:

Aplicación orzamentaria

Modalidade de axuda

Ano 2023

15.02.723A.772.2

Modalidade A

2.500.000 €

15.02.723A.772.5

Modalidade B

150.000 €

15.02.723A.772.6

Modalidade C

90.000 €

Artigo 4. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas segundo dispón o artigo 46 do Regulamento (UE) nº 508/2014.

Para os efectos desta orde considéranse empresa acuícola as persoas físicas ou xurídicas, titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura en calquera ou en todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situadas nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que a axuda se solicite para a modernización de barcos auxiliares de acuicultura, poderán ser persoas beneficiarias da axuda tanto as persoas propietarias da embarcación como as persoas armadoras titulares de establecementos de acuicultura.

As axudas correspondentes ás modalidades A e B están dirixidas ás empresas que teñan a consideración de microempresas, pequenas ou medianas empresas segundo a definición de peme da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio, así como as que non teñan esa consideración (grandes empresas).

As axudas correspondentes á modalidade C unicamente están dirixidas ás empresas que teñan a consideración de microempresas, pequenas ou medianas empresas.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde estarán suxeitas aos seguintes requisitos:

a) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

b) Non concorrer ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Non ter cometido infracción grave:

– Da política pesqueira común definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello.

– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control; durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes. Se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

d) No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas (DOUE serie C 316, do 27 de novembro de 1995).

e) Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estiveran nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

f) Non ser unha empresa en crise de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

g) Non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, con carácter xeral serán inadmisibles as solicitudes presentadas por un operador que cometera un dos delitos contemplados no artigo 3 durante un período de 12 ou 24 meses en función de se foi cometido por neglixencia grave ou con dolo. No caso de delitos contemplados no artigo 4 da citada directiva, o período de inadmisibilidade será, con carácter xeral, de 24 meses.

h) No suposto de novas construcións de bateas ter unha produción declarada no ano 2021 que supere o 50 % da media da produción, da súa especie, do polígono no que se encontra fondeada, segundo informe emitido polo Servizo de Análises e Rexistros, tendo en conta as bateas que forman a estrutura ou unidade de produción desa especie do solicitante no dito polígono.

Para tal efecto, cómpre que o solicitante teña efectuadas as preceptivas declaracións no ano 2021.

Quedan exceptuadas deste requisito as bateas de carácter experimental.

i) Estar en posesión dun seguro de responsabilidade civil do establecemento que garanta posibles danos a terceiros e, no caso de que a axuda se solicite para a modernización dun barco auxiliar de acuicultura, deberá estar en posesión, ademais, do seguro e responsabilidade civil da embarcación.

j) Estar en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos ou ter presentadas as solicitudes das mesmas. En todo caso, os documentos presentados para a solicitude da subvención deberán ser copias dos presentados para a obtención dos permisos.

k) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

l) Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

As posibles persoas beneficiarias, ao formalizar a súa solicitude, someteranse voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establezan para as axudas en materia de acuicultura tanto para o pagamento das subvencións como para a concesión e demais requisitos exixibles pola normativa vixente que sexa de aplicación.

Artigo 6. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.

b) Axustar o custo de adquisición dos investimentos ou dos servizos subvencionables ao valor de mercado.

c) No caso de axudas concedidas a bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura e no rexistro público correspondente o importe da subvención concedida e o período durante o cal os bens subvencionados quedan adscritos ao fin concreto recollido na subvención.

d) Se o investimento solicitado na subvención é a construción ou modernización dun establecemento de acuicultura, deberanse cumprir obrigatoriamente as condicións sinaladas nas correspondentes autorizacións para levar a cabo os investimentos.

e) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, que será a data contable do último pagamento, esta non pode:

– Cesar a actividade produtiva.

– Relocalizar a actividade produtiva fóra de Galicia.

– Cambiar a propiedade da infraestrutura ou dun elemento da infraestrutura de forma que proporcione unha vantaxe indebida e sen autorización expresa do órgano concedente.

– Producir cambios substanciais que afecten á natureza, aos obxectivos ou ás condicións de execución da operación, de modo que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

A Consellería do Mar solicitará o reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumpriran os requisitos, segundo o disposto no artigo 71 do Regulamento UE núm. 1303/2013.

f) Se o investimento é en infraestruturas ou en investimentos produtivos, deberá reembolsarse integramente a axuda se, nos dez anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, a actividade produtiva se sometese a unha relocalización fóra da Unión, excepto cando a persoa beneficiaria sexa unha peme.

g) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Ademais tamén deberá conservar os devanditos documentos durante dous anos a partir do 31 de decembro do ano seguinte á presentación das contas, ás autoridades europeas, por parte da Administración, nas que se inclúa a súa operación, para o cal informarase ao beneficiario da axuda da devandita data. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable as persoas beneficiarias.

i) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

j) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

k) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

l) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, cando a axuda sexa de 100.000 € ou superior ou cando o proxecto se considere relevante segundo se indique na resolución de concesión.

m) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, esta non poderá cometer unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, nin estar incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro.

n) Se o investimento comporta a xeración de residuos deberanse cumprir as condicións sinaladas, para cada tipo de residuo, na normativa sectorial.

Artigo 7. Investimento máximo subvencionable e intensidade da axuda

1. As axudas reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de Estado.

2. A contía máxima da axuda será o 50 % do investimento máximo subvencionable para as empresas que teñan a consideración de microempresas, pequenas ou medianas empresas. Para estes efectos terase en conta a definición de peme da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, segundo a cal son microempresas, pequenas e medianas empresas (peme), as empresas con menos de 250 empregados e cun volume de negocios anual igual ou inferior a 50 millóns de euros ou un balance xeral anual igual ou inferior a 43 millóns de euros (modalidades A, B e C).

As empresas deberán cumprir os criterios de independencia segundo o indicado na mencionada Recomendación. Así mesmo, para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros, terase en conta o indicado na mesma.

Para as empresas que non teñan esa consideración (grandes empresas) a contía máxima da axuda será o 30 % do investimento máximo subvencionable (modalidades A e B).

3. O importe do investimento subvencionable será o que se obteña da valoración das obras ou investimentos con criterios técnico-económicos, obxectivos e homoxéneos.

Artigo 8. Compatibilidade das axudas

Os gastos cofinanciados pola presente orde serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio.

Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas Administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican no punto anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención a conceder.

Artigo 9. Certificación de non inicio

1. Con carácter xeral, as actuacións para as que se solicita axuda non poderán estar iniciadas antes de que se acredite, unha vez presentada a solicitude, o non inicio das mesmas por parte dos servizos da Consellería do Mar.

2. Non precisarán da certificación á que fai referencia o punto anterior os investimentos que se refiren a instalacións de equipamentos que non requiran a autorización para a súa instalación, sempre que o investimento declarado polo interesado sexa igual ou inferior a 6.000 €.

Nestes supostos o non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable (anexo II) de que os investimentos non foron iniciados. No caso de que estas actuacións se refiran a investimentos que requiran obras, precisarán da acta de non inicio realizada polos servizos da Consellería do Mar.

3. No caso de que o investimento consista en proxectos técnicos ou en servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico, o non inicio acreditarase mediante a factura, que poderá ser de data de ata tres meses antes da presentación da solicitude, salvo no caso das actas de non inicio anticipadas, que terán que ser de data posterior á certificación das mesmas.

4. Se fose necesario realizar os investimentos antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes da convocatoria anual correspondente, de forma excepcional, poderá facerse unha certificación de non inicio anticipada, sempre que se xustifique debidamente que a actividade da empresa require a inmediata realización dos investimentos.

A solicitude de certificación de non inicio, que debe dirixirse ao Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, deberá presentarse acompañada da seguinte documentación:

– Memoria descritiva dos aspectos técnicos e económicos do investimento que inclúa xustificación da excepcionalidade para acometer o investimento.

– Proxecto visado, de ser o caso, planos, e catálogos descritivos.

– Orzamentos ou facturas pro forma. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 40.000 euros, no suposto de custo de execución de obra ou de 15.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos, deberán presentarse tres ofertas de diferentes provedores.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. Para esta convocatoria poderanse admitir actas de non inicio realizadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2014, sempre e cando os investimentos non estean finalizados nin completamente pagados antes de que se acredite, unha vez presentada a solicitude, a non finalización dos mesmos por parte dos servizos da Consellería do Mar.

6. A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

7. A realización da certificación de non inicio poderá dar lugar ao pagamento das correspondentes taxas, establecidas para tal efecto na Lei 2/2017, de 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

Artigo 10. Proxectos obxecto de subvención e gastos subvencionables

1. Modalidade A: as axudas obxecto desta orde estarán destinadas á realización das actuacións que a continuación se detallan, co fin de fomentar unha acuicultura sustentable desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva:

a) Investimentos produtivos na acuicultura.

b) Diversificar a produción acuícola e as especies cultivadas.

c) Modernizar os centros acuícolas.

d) Melloras e modernización relacionadas coa saúde e o benestar dos animais, incluída a adquisición de equipos destinados a protexer as explotacións dos predadores salvaxes.

e) Investimentos na mellora da calidade do produto acuícola ou para incrementar o seu valor.

f) Diversificar os ingresos das empresas acuícolas mediante o desenvolvemento de actividades complementarias.

A axuda prevista na letra f), concederase unicamente ás empresas acuícolas se as actividades complementarias poden vincularse á actividade acuícola principal da empresa, incluídas o turismo de pesca deportiva, os servizos ambientais relacionados coa acuicultura ou as actividades educativas sobre a acuicultura.

2. Modalidade B: axudas destinadas a investimentos que aumenten a eficiencia enerxética e fomenten a reconversión das empresas acuícolas a fontes de enerxía renovables.

3. Modalidade C: axudas destinadas á realización das actuacións que a seguir se detallan e que teñen como obxecto a obtención de servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico, sempre que a súa prestación teña algunha das seguintes finalidades:

a) As necesidades en materia de xestión para permitir ás explotacións acuícolas cumprir coa normativa da Unión Europea e a lexislación nacional en materia de ambiente, así como os requisitos de ordenación do espazo marítimo.

b) A avaliación de impacto ambiental á que se refiren a Directiva 2001/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello e a Directiva 92/43/CEE.

c) As necesidades en materia de xestión para permitir ás explotacións acuícolas cumprir coa normativa da Unión Europea e nacional sobre saúde e benestar dos animais acuáticos ou sobre saúde pública.

d) As normas sobre saúde e seguridade baseadas na normativa da Unión Europea e nacional.

e) A comercialización e as estratexias empresariais.

Os servizos deberán ser prestados por organismos científicos ou técnicos, así como por entidades que presten asesoramento xurídico ou económico, que conten coas competencias necesarias recoñecidas.

4. Os beneficiarios non poderán recibir axudas máis dunha vez ao ano por cada categoría dos servizos de asesoramento indicados no punto 3.

5. Estas axudas poderán concederse para o aumento da produción ou para a modernización de empresas acuícolas existentes, ou para a construción de novas empresas, a condición de que o desenvolvemento sexa coherente co plan estratéxico nacional plurianual para o desenvolvemento da acuicultura á que se refire o artigo 34 do Regulamento (UE) nº 1380/2013.

6. Cando as operacións consistan en investimentos en equipos ou infraestruturas destinadas a garantir o cumprimento dos requisitos futuros relativos ao ambiente, a saúde humana ou a sanidade animal e hixiene ou benestar dos animais establecidos pola normativa na Unión, a axuda poderá concederse ata a data en que os ditos requisitos sexan de cumprimento obrigado para as empresas.

7. Os investimentos para os que se solicite axuda, non poderán estar iniciados nin pagados antes de que se acredite o non inicio dos mesmos nos termos indicados no artigo 9 desta orde.

No caso de que o solicitante conte cunha certificación de non inicio anticipada, os investimentos non poderán estar finalizados nin completamente pagados antes de que se acredite, unha vez presentada a solicitude, a non finalización dos mesmos por parte dos servizos da Consellería do Mar.

8. Só se admitirán aqueles gastos que fosen efectivamente pagados dentro do período comprendido entre a data de realización da acta de non inicio e a data límite de xustificación establecida na resolución de concesión da axuda ou a súa modificación, de ser o caso.

9. A elixibilidade das operacións basearase nos criterios de selección sinalados no artigo 113.a) do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e aprobados polo Comité de Seguimento, e que segundo se indica na citada norma, serán revisados de conformidade coas necesidades de programación.

Artigo 11. Gastos non subvencionables

1. En todo caso, non serán subvencionables os seguintes gastos:

a) Os gastos orixinados por unha mera reposición, salvo que a nova adquisición corresponda a investimentos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento.

b) Os gastos orixinados polas obras que supoñan unha substitución de elementos deteriorados, obras de mantemento e reparación, salvo que os elementos que se adquiran sexan distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento.

c) Adquisición de terreos.

d) A transferencia da propiedade dunha empresa.

e) Investimentos relativos ao comercio polo miúdo excepto cando formen parte integrante das explotacións acuícolas.

f) Os gastos de compra de reprodutores e xuvenís das especies que se vaian criar.

g) Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade.

h) Obras de ornamentación e equipamentos de recreo.

i) Mobiliario de oficina, de salas de conferencias e de catas.

j) A vivenda.

k) Elementos de transporte que non estean directamente relacionados coa operación ou proxecto obxecto da subvención.

l) Palés e semellantes.

m) Os gastos de alugamento de equipamentos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). Para seren subvencionables estes investimentos, deberá ser exercida a opción de compra unha vez finalizado o período do leasing. En todo caso, cómpre a achega dun compromiso de adquisición do ben xunto coa solicitude.

n) Outros custos relacionados co contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros non serán subvencionables. Os investimentos aprobados inicialmente como compra non poderán ser imputados como gastos de leasing ou viceversa, salvo que o dito cambio sexa solicitado e aprobado polo órgano concedente.

ñ) Adquisicións de bens inmobles, maquinarias, instalacións e equipamentos de segundo uso.

o) Adquisición de elementos e todo tipo de bens que non sexan pagados por transferencia bancaria ou aqueles pagados mediante préstamos de entidades provedoras.

p) Achegas de granulados.

q) Imposto sobre o valor engadido (IVE) e outros impostos recuperables.

r) As actividades de sanidade animal de vixilancia, destinadas a demostrar que se está libre de enfermidade, nin os gastos fixos como os custes dos servizos veterinarios oficiais.

s) A compra de infraestrutura utilizada para formación permanente por riba do 10 % do gasto total subvencionable da operación de que se trate. Enténdese por infraestrutura utilizada para formación permanente os investimentos materiais en grandes instalacións como edificios, buques ou piscifactorías. Os ordenadores e outros equipos precisos para a formación non se consideran infraestruturas utilizadas para formación permanente e, polo tanto, non se aplica o limiar do 10 %.

t) A repoboación directa, a menos que estea expresamente prevista como medida de conservación por un acto xurídico da Unión ou en caso de repoboación experimental.

u) Gastos de persoal.

v) Gastos correntes.

w) Mobiliario de oficina, consumibles e equipamento informático ou similar.

x) Gastos por desprazamento.

y) Gastos a satisfacer polo solicitante ante os organismos pertinentes para a autorización, realización e legalización dos investimentos solicitados.

z) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

2. Ademais, de acordo cos puntos 4 e 5 do artigo 46 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, non se concederá axuda:

a) Para a cría de organismos modificados xeneticamente.

b) Para operacións de acuicultura en zonas mariñas protexidas cando unha autoridade competente dun Estado membro determine sobre a base dunha avaliación de impacto ambiental, que a operación provocaría un efecto ambiental negativo significativo que non poida ser atenuado adecuadamente.

Artigo 12. Prazo de presentación da solicitude

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 13. Forma de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 14. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

Anexo II. Declaración responsable de non inicio do investimento, se é o caso.

Anexo III. Formulario do investimento.

Anexo IV. Pluralidade de persoas físicas, se é o caso.

Anexo V. Relación de ofertas solicitadas e elixidas, se é o caso.

Anexo VI.1. Declaración de peme (persoa física ou pluralidade de persoas físicas).

Anexo VI.2. Declaración de peme (persoas xurídicas, comunidades de bens ou agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica).

Anexo VI.3. Declaración de peme (persoas físicas partícipes en persoas xurídicas).

Anexo VII. Nomeamento de representante para os efectos da presentación da solicitude.

2. Así mesmo, segundo proceda, presentarase a seguinte documentación complementaria:

2.1. Documentación xurídico-administrativa da entidade solicitante:

2.1.1. Para persoas xurídicas:

a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución e do representante legal da persoa xurídica.

b) Copia do poder de representación do representante legal da entidade solicitante, no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.

c) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España con data posterior á da publicación da orde, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.

d) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais individuais depositadas no exercicio económico 2021, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

e) Imposto de sociedades do exercicio económico 2021 no que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

f) Liquidacións trimestrais ou mensuais do IVE do exercicio económico 2022, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, se é o caso.

g) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas depositadas polo solicitante ou certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas, onde o solicitante estea incluído por consolidación, do exercicio económico 2021, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

h) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias.

i) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP.

j) Certificado acreditativo de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza.

2.1.2. Para persoas físicas:

a) Liquidacións trimestrais ou mensuais do IVE do exercicio económico 2022, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, se é o caso.

b) Declaración da renda dos exercicios 2020 e 2021.

c) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias.

d) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España con data posterior á da publicación da orde, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.

2.1.3. Se a solicitude corresponde a unha pluralidade de persoas poderá ser formulada nunha única solicitude, as actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen no anexo IV e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo. A conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes:

a) Liquidacións trimestrais ou mensuais do IVE do exercicio económico 2022, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, se é o caso, de cada persoa solicitante.

b) Declaración da renda dos exercicios 2020 e 2021, de cada persoa solicitante.

c) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias.

d) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España con data posterior á da publicación da orde, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado, de cada persoa solicitante.

2.2. Plan de financiamento do proxecto:

a) Informe no que se indique a forma na que se vai a financiar o proxecto, especificando se se realizará con recursos propios, alleos ou con ambos tipos de financiamento.

b) Documentación xustificativa do tipo de financiamento:

– Recursos propios.

– Certificados bancarios actualizados debidamente asinados e selados das contas do solicitante onde consten o/s titular/es das mesmas, o tipo de conta (corrente, aforro, a prazos, etc. As contas de crédito considéranse recursos alleos) e os fondos dispoñibles para realizar o investimento. No caso de que o tipo de conta non sexa unha conta corrente ou conta de aforro, deberá indicar a dispoñibilidade da mesma, ou en caso contrario, o prazo de vencemento.

– Ampliación de capital: escritura notarial de ampliación de capital dineraria, a súa correspondente inscrición no Rexistro Mercantil e o/os certificado/s bancario/s do/dos desembolso/s do mesmo.

– Recursos alleos.

– Préstamos formalizados con entidades de crédito: póliza de préstamo vixente debidamente intervida por notario.

– Pólizas de crédito formalizadas con entidades de crédito: póliza de crédito vixente (última renovación), debidamente intervida por notario, e certificado bancario actualizado debidamente asinado e selado, onde identifique o número da póliza de crédito á que fai referencia, o límite da póliza, o importe dispoñible e disposto.

– Préstamos formalizados con socios: contrato de préstamo entre socios, debidamente asinado por prestamista e prestameiro, certificado/s bancario/s do/dos desembolso/s do mesmo, e a liquidación definitiva do imposto correspondente no organismo competente, se é o caso.

– Noutros casos, achegar a documentación financeira correspondente (non se admitirán préstamos de entidades provedoras).

2.3. Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención.

Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 40.000 euros no caso de execución de obras ou de 15.000 euros no caso de subministración de bens ou servizos, a persoa beneficiaria deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. Neste suposto, a presentación da solicitude deberá incluír o anexo V desta orde. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2.4. As novas empresas que estean entrando no sector deberán presentar un plan empresarial e, cando o custe dos investimentos sexa superior a 50.000 euros, un estudio de viabilidade, que inclúa unha avaliación de impacto ambiental das operacións. Estas novas empresas deberán demostrar claramente, mediante un informe independente de comercialización, que existen boas perspectivas de comercialización sustentable para o produto.

Para os efectos deste punto enténdese por «estar entrando no sector», ser unha empresa nova, considerándose como tal aquela que obtivera o título habilítante durante os dous anos anteriores á publicación da presente orde. Tamén se entende por «estar entrando no sector» ser unha empresa antiga autorizada para unha nova actividade acuícola durante os dous anos anteriores á publicación da presente orde. En ambos casos será un requisito que a empresa non obtivera ningunha axuda do FEMP para a actividade acuícola autorizada.

2.5. Seguro de responsabilidade do establecemento que garanta posibles danos a terceiros.

2.6. No caso de que a axuda se solicite para a modernización de barco auxiliar de acuicultura, deberá presentarse:

– Folla de asento da embarcación actualizada a data de publicación da presente orde.

– Seguro de responsabilidade civil da embarcación, actualizada a data de publicación da presente orde.

– Certificación do Rexistro de Bens Mobles, sección de Buques, acreditativa da propiedade do buque e o estado de cargas ou gravames deste, actualizada a data de publicación da presente orde.

– Autorización da persoa ou persoas propietarias da embarcación para realizar o investimento obxecto da subvención, no caso de que a axuda sexa solicitada pola persoa ou persoas armadoras.

2.7. No caso de que a axuda se solicitase para a execución de obra civil ou instalacións, presentaranse as facturas pro forma ou orzamentos da empresa construtora ou instaladora, desagregadas por unidades de obra.

2.8. No caso de que a axuda se solicitase para investimentos en maquinaria, deberá achegarse o catálogo do provedor e detallarse a marca e o modelo sempre que sexa posible.

2.9. Proxecto técnico visado de forma oficial, en caso necesario, de acordo coa normativa sectorial que sexa de aplicación, e asinado por técnico competente.

2.10. Se a realización do investimento require autorización, concesión, permisos ou licenzas, para levar a cabo os investimentos previstos, deberá achegar o documento que acredita estar en posesión dela ou solicitude de telo presentado.

2.11. No caso de que o establecemento de acuicultura sexa titularidade dun matrimonio casado en réxime de gananciais, deberá presentarse a documentación correspondente ao punto 2.1.3 deste artigo referido á pluralidade de persoas.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Para os efectos da presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes; a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo VII desta orde.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE de cada persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica.

d) DNI/NIE da persoa representante nomeada para os efectos da presentación da solicitude.

e) NIF da entidade representante nomeada para os efectos da presentación da solicitude.

f) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de cada persoa solicitante.

g) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social, de cada persoa solicitante.

h) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), de cada persoa solicitante.

i) Consulta de estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda (Atriga), de cada persoa solicitante.

j) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira e informe sobre sancións graves dos solicitantes de axudas cofinanciadas co FEMP, de conformidade co artigo 10.1.a) do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, emitidos polo servizo Técnico Xurídico da Consellería do Mar, de cada persoa solicitante.

k) Consulta de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza, de cada persoa solicitante.

l) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, de cada persoa solicitante.

m) No caso de persoas físicas ou pluralidade de persoas físicas consulta de carecer de antecedentes penais obtida, a través da plataforma de interoperabilidade, do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non ten sido declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

n) Consulta de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEP ou FEMP obtida, a través das plataforma de interoperabilidade, da Base Nacional de Subvencións, de cada persoa solicitante.

ñ) Consulta de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR obtido do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, de cada persoa solicitante.

o) No caso de persoas físicas ou pluralidade de persoas físicas consulta de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE obtida, a través da plataforma de interoperabilidade, do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de delitos solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

p) Consulta de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, obtida a través da plataforma de interoperabilidade, da Base nacional de subvencións de cada persoa solicitante.

q) Consulta de resolucións de concesión doutra axuda para o mesmo proxecto concedida pola Xunta de Galicia, se é o caso.

r) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

s) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I, anexo IV ou anexo VII) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Tramites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Tramitación das solicitudes

A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso, o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

A) Fase de admisión de solicitudes.

1. Os Servizos de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica das xefaturas territoriais da Consellería do Mar analizarán os expedientes e requirirán a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 15 resulta que o solicitante non está ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando os importes parciais nin o total dos investimentos solicitados nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda.

Non se considerará aumento do importe total do investimento, as diferenzas ou erros materiais que se puideran producir na documentación presentada.

5. Os expedientes serán remitidos polas xefaturas territoriais da Consellería do Mar, xunto cun informe ao respecto, ao Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura que continuará coa tramitación segundo o establecido na presente orde.

6. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

7. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola Comisión de Selección.

8. O Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura continuará coa tramitación establecida nos seguintes artigos, dos expedientes das solicitudes que reunisen todos os requisitos e a documentación necesaria.

B) Fase de avaliación das solicitudes.

1. Os proxectos que se financien deberán adecuarse ao programa operativo do FEMP, e ser tecnicamente viables.

2. Avaliaranse os proxectos segundo criterios xerais nos que se terá en conta a súa idoneidade ao programa operativo do FEMP.

3. Esta avaliación será realizada, preferentemente, por persoas cunha axeitada cualificación e/ou experiencia dos organismos intermedios ou doutras organizacións que poidan aportar valor engadido a esta avaliación.

4. Para a valoración da idoneidade ao programa operativo do FEMP terase en conta:

– Adecuación do proxecto á análise DAFO do programa operativo (PO) do FEMP e ao cumprimento dos fins do obxectivo específico do mesmo: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Contribución do proxecto á consecución dos indicadores de resultado do PO: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos ou plans estratéxicos: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

O órgano instrutor emitirá un «Informe de idoneidade» para cada solicitude que alcanzase esta fase na que se cualificará o proxecto de significante (alto: > 7 puntos), razoable (medio: <= 7, > 5), deficiente (baixo: <= 5) e inadecuado (nulo <=2) en función dos puntos totais que obteña.

Os proxectos que sexan cualificados como inadecuado entenderanse non viables para a obtención dos fondos públicos, para o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de denegación da axuda na cal se indicarán as causas que a motivan.

C) Fase de valoración e selección.

I. Fase de valoración.

1. Os criterios de valoración específicos poderanse modificar en cada convocatoria durante a vixencia do FEMP.

2. A Comisión de Selección valorará os criterios específicos de cada proxecto de acordo co que a seguir se detalla.

3. Os criterios de valoración das solicitudes fixados nesta orde servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes e serán os que se relacionan a continuación ata un total de 50 puntos:

– Para as axudas ás que fai referencia o punto 1 do artigo 1 (modalidade A):

a. Viabilidade técnica do proxecto: valorarase a capacidade de xestión da empresa, priorizando os proxectos en función da concreción e coherencia dos obxectivos así como da capacidade da entidade para desenvolvelos, tendo en conta os seguintes criterios ata un total de 20 puntos.

– Calidade, detalle e coherencia da Memoria e o Plan de negocio: ata 10 puntos.

– Concreción de obxectivos: ata 10 puntos.

b. Aspectos ambientais: ata un total de 30 puntos.

– Inclusión de innovacións no ámbito da mellora de eficiencia enerxética e emprego das enerxías renovables nas empresas acuícolas: 15 puntos.

– Existencia de resultados ambientais cuantificables: 15 puntos.

– Para as axudas ás que fai referencia o punto 2 do artigo 1 (modalidade B):

a. Viabilidade técnica do proxecto: valorarase a capacidade de xestión da empresa, priorizando os proxectos en función da concreción e coherencia dos obxectivos así como da capacidade da entidade para desenvolvelos, tendo en conta os seguintes criterios ata un total de 20 puntos.

– Calidade, detalle e coherencia da memoria e o plan de negocio: ata 10 puntos.

– Concreción de obxectivos: ata 10 puntos.

b. Aspectos ambientais: ata un total de 30 puntos.

– Porcentaxe de aforro de consumo de enerxía: ata 10 puntos.

– Porcentaxe de redución de consumo de fontes de enerxía non renovables: ata 10 puntos.

– Porcentaxe de redución de emisión de gases de efecto invernadoiro: ata 10 puntos.

– Para as axudas ás que fai referencia o punto 3 do artigo 1 (modalidade C):

a. Viabilidade técnica do proxecto: ata un total de 30 puntos.

– Calidade técnica do proxecto para o que se solicita o asesoramento: ata 15 puntos.

– Descrición completa e coherente do proxecto e as actuacións a desenvolver: ata 15 puntos.

b. Aspectos sociais: interese colectivo do proxecto proposto: ata 20 puntos.

No caso de empate na valoración terán prioridade as empresas que recibiran unha maior puntuación na alínea b relativo a aspectos ambientais, para as modalidades A e B. Para a modalidade C, terán prioridade as empresas que reciban unha maior puntuación na alínea a.

II. Fase de selección.

1. Unha vez finalizada a fase anterior, a Comisión de Selección emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas para a súa concesión, que será incorporado ao expediente.

2. Na proposta que formule a Comisión de Selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención, e indicarase, se procede, a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados nesta orde e indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

3. A Comisión de Selección, de ser o caso, establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. Nesta lista de reserva indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida.

4. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

5. O presidente da Comisión de Avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 18. Comisión de Selección

1. Os expedientes serán avaliados pola Comisión de Selección, constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A Comisión Avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector/a xeral de Acuicultura.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica designados polo presidente. O/a xefe/a de servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura actuará como secretario.

c) No caso de que as xefaturas territoriais tramitasen parte do expedientes das axudas reguladas na presente orde, os/as xefes/as do Servizo de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar de cada unha delas.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de polo menos a maioría simple dos membros para a realización da selección.

4. As reunións da Comisión de Selección poderán celebrarse tanto de forma presencial como a distancia nos termos establecidos pola normativa vixente que sexa de aplicación.

5. A Comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

6. A Comisión Avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos externos na materia.

7. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso no que poderá celebrar cantas sesións considere necesarias, emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 19. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000 € por persoa beneficiaria será necesario a autorización do Consello da Xunta. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de seis meses contados desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

4. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e o prazo e a forma de xustificación por parte da persoa beneficiaria do cumprimento da finalidade para a cal se cobra a subvención.

Artigo 20. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 19, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os dous casos, a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 22. Modificación de resolución

1. Unha vez recaída a resolución de concesión, e antes da presentación da xustificación de cobro, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á súa modificación.

2. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que o proxecto modificado non poida dar lugar a unha nova análise da solicitude.

b) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

c) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

e) Que o proxecto modificado, en caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

3. As solicitudes de modificacións deberán ser comunicadas pola persoa beneficiaria por escrito con anterioridade á súa realización nun prazo máximo de dous meses antes do prazo de xustificación do investimento e requirirá resolución expresa da Consellería do Mar. No escrito a persoa beneficiaria deberá deixar constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan á modificación proposta.

4. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado e en ningún caso suporá un incremento da subvención concedida.

5. Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente e debidamente motivadas.

6. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou persoa beneficiaria das axudas, agás nos casos de enfermidade que dificulte ou imposibilite a realización desta actividade, sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueloutros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade do investimento subvencionado e a subrogación do novo propietario na posición do solicitante ou persoa beneficiaria non desvirtúe a finalidade das axudas. En calquera caso, a nova persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

7. As modificacións nos prazos de xustificación dos investimentos terán a consideración de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, polo tanto, deberán tramitarse de acordo ao establecido no presente artigo.

8. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 23. Actas de fin de obra

1. A realización do investimento (modalidades A e B) xustificarase mediante a oportuna acta de fin de obra/investimento mediante certificación dos servizos da Consellería do Mar, que se entenderá solicitada coa propia presentación do expediente para o pagamento.

2. Exceptúanse dos puntos anteriores aqueles investimentos en que o importe da subvención concedida sexa inferior a 9.000 €. Neste caso a realización do investimento xustificarase coas facturas e certificación bancaria dos pagamentos correspondentes a ditas facturas, así como cunha declaración responsable do interesado de que o dito investimento foi realizado segundo a resolución de concesión.

A Consellería poderá, en calquera momento, realizar as comprobacións que considere oportunas para verificar a efectiva e correcta realización dos investimentos antes mencionados.

3. As realización do servizo de asesoramento (modalidade C) xustificarase coa presentación do correspondente proxecto.

Artigo 24. Xustificación dos investimentos

1. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención realizarase de acordo coas bases da convocatoria de axudas e a resolución de concesión. Os formularios en formato electrónico estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. Con carácter xeral, o prazo para xustificación material e documental dos investimentos será o 30 de setembro de 2023, salvo que a resolución individual de concesión da axuda dispoña dun prazo distinto.

3. Transcorrido o prazo indicado sen que a persoa beneficiaria presente a documentación xustificativa, procederase segundo o artigo 45 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. A xustificación dos investimentos deberá ser presentada por medios electrónicos accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

5. As solicitudes de pagamento presentaranse xunto coa seguinte documentación:

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído no anexo VIII, na cal virán relacionados e clasificados os gastos e os investimentos da actividade, con identificación do provedor, número da factura, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento.

b) Facturas detalladas o máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda.

No caso de que os beneficiarios sexan unha pluralidade de persoas, as facturas deben estar emitidas a nome de cada un dos beneficiarios pola porcentaxe de axuda concedida que lle corresponda, segundo o indicado na resolución de concesión.

c) Certificacións bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados, que deberán identificar as facturas pagadas e os seus importes ou permitir seguir a pista de auditoría nos termos establecidos no artigo 6.i) da presente orde. Só se admitirán pagamentos realizados por transferencia bancaria.

No caso de que os beneficiarios sexan unha pluralidade de persoas, os pagamentos deben estar realizados a nome de cada un dos beneficiarios pola porcentaxe de axuda concedida que lle corresponda, segundo o indicado na resolución de concesión.

d) Relación das diferenzas existentes entre os investimentos solicitados e os realizados (anexo IX).

e) Declaración responsable doutras axudas solicitadas ou concedidas, ou que se pretendan solicitar a calquera outra Administración pública, destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o cal se solicita a subvención. Deberá achegarse a resolución da axuda, se é o caso (anexo X).

f) Declaración responsable de fin de obra, de ser o caso (anexo XI).

g) Autorizacións, concesións, permisos ou licenzas, para levar a cabo os investimentos previstos no caso de non presentalos coa solicitude de subvención.

h) Se o investimento solicitado na subvención é a construción dunha batea e o cambio de sistema é con desmantelamento da batea antiga, deberase presentar certificado do xestor autorizado que procedeu á valorización ou eliminación dos residuos. No certificado indicaranse detalladamente as características do artefacto desmantelado, a cantidade de residuo de cada tipo xerada e o seu destino. No caso de que o cambio de sistema non se realice con desmantelamento, deberase presentar certificado de taxador independente, debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, sobre o valor da batea vella. Este valor descontaríase do importe da axuda que percibirá o beneficiario.

i) No caso de que o proxecto sexa a obtención de servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico, copia do correspondente proxecto e memoria descritiva dos resultados do servizo realizado.

j) Documentación xustificativa (documentación gráfica, fotografías ou calquera outro soporte probatorio) do cumprimento das obrigas de publicidade previstas no artigo 6.l) desta orde.

k) Calquera outra que se indique na resolución de concesión.

Artigo 25. Pagamento

1. Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o investimento obxecto da axuda e a súa xustificación estea realizado de conformidade coa resolución de concesión, integramente rematado e totalmente pagado. A acreditación da realización do investimento realizarase coa certificación de fin de obra, regulada no artigo 23 desta orde.

b) Que as persoas beneficiarias estean ao día das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

2. As solicitudes de pagamento presentaranse na forma e nos lugares que se determinan nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

3. No caso de que o investimento for xustificado por menor contía que a considerada como elixible inicialmente, minorarase a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración na xustificación da axuda non afecte aspectos fundamentais do proxecto e non supoña unha execución deficiente deste. En calquera caso, unha xustificación inferior ao 60 % do investimento inicialmente concedido implicará a perda ao dereito de cobramento da axuda.

4. No suposto de falta de xustificación documental ou material, a persoa beneficiaria perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, segundo os casos.

Artigo 26. Cesión ou transmisión das axudas

1. A cesión ou transmisión das axudas outorgadas ao abeiro desta orde non terán validez cando non sexan previamente autorizadas polo órgano que as concedeu.

2. A transmisión dos bens obxecto das accións subvencionadas, dentro dos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, deberá ser previamente posto en coñecemento da autoridade que a outorgou para a súa autorización. No documento público da transmisión o novo propietario deberá subrogarse en todas as obrigas contraídas polo transmitinte e, en particular, deixar constancia do importe da axuda concedida, así como non efectuar ningunha modificación fundamental.

Dentro dos tres meses seguintes á data da transmisión, o transmitinte remitirá á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica unha copia do documento público de transmisión.

3. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo será causa de reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumprisen os requisitos, segundo o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Artigo 27. Verificación posterior ao pagamento da axuda

Os servizos da Consellería do Mar realizarán os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña, nos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, unha modificación fundamental das establecidas no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Artigo 28. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e nas demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 74 a 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción ao dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 31. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través do canal habilitado para o efecto polo dito servizo no enderezo web https://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web https://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Artigo 32. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e os seus datos na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 que establece as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/) a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Delégase no director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición adicional segunda

Facúltase o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file