Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 16 de xaneiro de 2023 Páx. 4793

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2022 pola que se acorda a suspensión da tramitación do proceso selectivo para o ingreso como persoal laboral fixo, grupo I, na categoría de técnico/a superior en normalización lingüística polo sistema de promoción interna e de acceso libre, convocado pola Resolución do 1 de decembro de 2021 (Diario Oficial de Galicia do 15 de decembro), e posterior modificación pola Resolución do 11 de marzo de 2022 (Diario Oficial de Galicia do 24 de marzo).

Primeiro. Con data do 1 de decembro de 2021 (DOG do 15 de decembro) ditouse Resolución reitoral pola que se fai pública a convocatoria do proceso selectivo para o ingreso como persoal laboral fixo, grupo I, na categoría de técnico/a superior en normalización lingüística polo quenda xeral de acceso libre e promoción interna.

Segundo. Con data do 11 de marzo de 2022 (DOG do 24 de marzo) ditouse Resolución reitoral da Universidade de Vigo, modificatoria da Resolución do 1 de decembro de 2021 (DOG do 15 de decembro) pola que se fai pública a convocatoria do proceso selectivo para o ingreso como persoal laboral fixo, grupo I, na categoría de técnico/a superior en normalización lingüística pola quenda xeral de acceso libre e promoción interna.

Terceiro. Con data do 28 de outubro de 2022, o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo ditou a Sentenza 279/2022 no procedemento 52/2022, baseada na demanda interposta polas recorrentes, mediante a cal anulaba e revogaba a Resolución do 11 de marzo de 2022 (DOG do 24 de marzo) por ser esta contraria a dereito.

Cuarto. Mediante a Resolución reitoral do 22 de setembro (DOG do 6 de outubro) apróbase a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para ingresar como persoal laboral fixo do grupo I na categoría de técnico/a superior de normalización lingüística polo sistema de promoción interna e de acceso libre, convocado pola Resolución do 1 de decembro de 2021 (DOG do 15 de decembro), modificada pola Resolución do 11 de marzo de 2022 (DOG do 24 de marzo).

Quinto. Con data do 5 de outubro de 2022, no marco do procedemento por execución provisional de títulos xudiciais 26/2022 (no marco do procedemento abreviado 52/2022, referenciado no antecedente terceiro), recaeu no Xulgado número 1 do Contencioso-Administrativo de Vigo auto que no seu contido dispositivo tiña o seguinte teor literal:

«Acórdase: a execución provisional da resolución da sentenza do 28 de outubro de 2022.

Non se fai expresa imposición das custas procesuais.

Contra esta resolución cabe interpor recurso de apelación nun só efecto, no prazo de quince días, contado desde o seguinte ao da súa notificación, do cal coñecerá a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, para cuxo efecto deberá depositarse a cantidade de cincuenta euros na conta de consignacións e depósitos deste órgano xudicial (obriga da cal está exenta a Administración)».

O alcance da execución provisional débese tomar da literalidade do razoamento xurídico do Auto, que declaraba:

«(...)

No noso caso, unha execución temperá dos pronunciamentos contidos na sentenza ditada na instancia non causaría prexuízos de difícil reparación nin xeraría unha situación irreversible, no caso de que finalmente fose revogada pola Sala en sede de apelación.

Ese anticipo consiste, esencialmente, en que queden paralizados os trámites da convocatoria do proceso selectivo en cuestión, mentres non se resolve o recurso de apelación».

Sen prexuízo da vontade desta universidade de recorrer en apelación contra o dito auto xudicial, a interposición do recurso non paraliza os efectos do auto ditado, a diferenza do que prevé o artigo 83 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, para o recurso de apelación contra sentenzas (no que se recoñece o dobre efecto devolutivo e suspensivo). Así, respecto aos recursos de apelación contra autos xudiciais, o artigo 80 prevé que son apelables nun só efecto os autos ditados polos xulgados do contencioso-administrativo, entre outros os ditados en aplicación do artigo 84, que é o que fundamenta o auto en presenza.

Por iso, en acatamento da executividade inmediata do auto ditado, esta reitoría

RESOLVE:

Primeiro. Suspender, en cumprimento do Auto do 30 de novembro de 2022, ditado polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo no procedemento por execución provisional 26/2022, a tramitación do proceso selectivo para o ingreso como persoal laboral fixo, grupo I, na categoría de técnico/a superior en normalización lingüística pola quenda xeral de acceso libre e promoción interna, convocado pola Resolución do 1 de decembro de 2021 (DOG do 15 de decembro), e posterior modificación pola Resolución do 11 de marzo de 2022 (DOG do 24 de marzo).

Segundo. Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e estes manteranse mentres teña vixencia a efectividade do auto polo que acordou a execución provisional da Sentenza do 28 de outubro de 2022, nº 279/2022, ditada no procedemento 52/2022.

Terceiro. Proceder á publicación desta resolución nos boletíns oficiais en que foron publicadas a Resolución da convocatoria, do 1 de decembro de 2021, e a modificatoria, do 11 de marzo de 2022.

Vigo, 26 de decembro de 2022

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo