Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 16 de xaneiro de 2023 Páx. 4707

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da delimitación do solo do núcleo rural de Vilariño Frío, no concello de Montederramo.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación da delimitación do solo do núcleo rural de Vilariño Frío, no concello de Montederramo, mediante Resolución do 19 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita delimitación no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra del, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2192&_aaeTipology_WAR_aae_id=2192

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2022

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Resolución da aprobación definitiva da delimitación do solo
do núcleo rural de Vilariño Frío, no concello de Montederramo

O Concello de Montederramo remite novamente o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Unha vez analizada a documentación achegada e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resultan:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Montederramo non conta con planeamento xeral, polo que son de aplicación as normas da LSG e as determinacións do Plan básico autonómico, aprobado definitivamente o 26.7.2018.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

• O 11.7.2019, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático ditou resolución, publicada no DOG do 30.7.2019, resolveu non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria a delimitación de núcleo rural, e acompaña os informes correspondentes ás consultas previas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do Instituto de Estudos do Territorio, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

• O Concello someteu a delimitación a información pública durante dous meses, mediante anuncios nos diarios La Voz de Galicia do 24.9.2019 e La Región do 25.9.2019, e no DOG do 26.9.2019. Non se presentou ningunha alegación.

• Consta o informe xurídico municipal, do 15.10.2019.

• O Pleno municipal do 15.10.2019 aprobou inicialmente a delimitación do núcleo rural.

• Consta o informe técnico municipal, do 23.10.2019.

• O acordo de aprobación inicial foilles notificado individualmente ou mediante o BOE aos titulares catastrais do ámbito. Presentáronse dúas reclamacións referentes á titularidade de dúas parcelas, sen que afectasen o documento de delimitación do núcleo.

• Consta o informe xurídico municipal, do 6.7.2020.

• O Pleno municipal do 6.7.2020 acordou aprobar provisionalmente a delimitación.

• O 30.7.2020, o Servizo de Urbanismo de Ourense dita requirimento ao Concello e sinala que non consta a solicitude dos informes sectoriais preceptivos e que a documentación debe adaptarse ás normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia.

• Consta o informe favorable do 26.11.2020 da Deputación Provincial, con condicións.

• Constan o informe desfavorable do 10.12.2020 e favorable condicionado do 21.6.2021 da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

• Consta o informe favorable do 4.1.2021 da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, condicionado á incorporación dunha serie de medidas.

• Consta o informe técnico municipal do 24.6.2021.

• O Pleno municipal do 2.7.2021 acordou de novo aprobar provisionalmente a delimitación do solo do núcleo rural.

• O 6.8.2021, o Servizo de Urbanismo de Ourense ditou novo requirimento ao Concello en que sinalaba que non consta a solicitude de determinados informes sectoriais preceptivos e que o documento aprobado provisionalmente debe estar debidamente dilixenciado e adaptado ás normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia.

• Consta o informe favorable do 22.8.2021 da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, no cal se sinala que non é necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Consta o informe do 21.9.2021 da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas.

• Consta o informe favorable do 19.11.2021 da Área de Fomento da Delegación do Goberno.

• Consta o informe favorable do 22.11.2021 da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual.

• Consta o informe favorable condicionado do 8.2.2022 da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

• O 31.5.2022, o Servizo de Urbanismo de Ourense ditou un novo requirimento que sinalaba unha serie de consideracións de carácter administrativo e de contido documental.

• O Pleno municipal do 30.9.2022 acordou de novo aprobar provisionalmente a delimitación do solo do núcleo rural coas modificacións realizadas.

II. Análise e consideracións.

II.1. O ámbito acada 99.812,20 m2 situados arredor do núcleo de Vilariño Frío. Desta superficie, 47.592,80 m2 corresponden a solo que se categoriza como solo de núcleo rural tradicional, dividido en dúas zonas, unha arredor da estrada provincial OU-0604 e outra no entroncamento coa estrada autonómica OU-536. O resto, 52.219,40 m2, categorízase como solo de núcleo rural común.

II.2. O obxecto do proxecto é a delimitación do solo do núcleo rural de Vilariño Frío, conforme o establecido no artigo 78 da LSG, tendo en conta os requisitos establecidos no artigo 23 e as determinacións previstas no artigo 55 da mesma lei, para regularizar urbanisticamente as edificacións existentes, definir as liñas estratéxicas para o seu desenvolvemento, a conservación da morfoloxía das estruturas rurais e a preservación do medio rural.

II.3. As aliñacións grafadas no plano de ordenación 03PORF_a, ordenación dos núcleos rurais, onde existen muros tradicionais, coincide cos muros tradicionais grafados no plano de información 02PINF_I, modelo de asentamento poboacional. Ademais, nos planos de información engádese o plano 02PINF_k, plano catastral, que recolle o parcelario catastral no ámbito de actuación e na súa contorna.

II.4. No punto 9, elementos ou ámbitos catalogados obxecto de protección, da parte I (memoria informativa), recolleranse os mesmos bens catalogados que os que figuran nas fichas do catálogo, dado que ao tratarse dunha delimitación de solo de núcleo rural unicamente se deben recoller como bens catalogados os que estean situados dentro da delimitación do núcleo e aqueles cuxa contorna de protección afecte parte do núcleo.

II.5. O informe favorable da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico está condicionado á obtención da concesión A/32/28563 para un volume anual mínimo de 5.256 m3/año, polo que, previamente ao outorgamento de novas licenzas de edificación, deberá acadarse a citada concesión.

II.6. O documento que se achega para a aprobación definitiva foi aprobado no Pleno do 30.9.2022 e dispón dun selo de secretaría, pero non consta a oportuna dilixencia municipal que deixe constancia visible da condición do documento de acordo co establecido no artigo 22 das normas técnicas do planeamento urbanístico de Galicia (NTP).

O código de barras de validación do documento non pode ocultar información nos planos. Asemade, debe achegarse a documentación en soporte vectorial xeorreferenciado segundo exixe a disposición transitoria segunda das ditas normas.

III. Resolución.

Visto canto antecede e en virtude do establecido no artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación do solo do núcleo rural Vilariño Frío, no concello de Montederramo, condicionado á emenda das deficiencias sinaladas nos puntos II.4 a II.6.

O Concello deberá facer as oportunas correccións e elaborar un documento refundido seguindo o establecido no artigo 62 da LSG, que deberá ser elevado de novo ante esta DXOTU para a súa verificación formal e dilixencia.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta delimitación de solo de núcleo rural no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notificar o Concello e publicar a aprobación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da delimitación do solo do núcleo rural aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.