Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2023 Páx. 2352

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Silleda (expediente IN407A 2022/348-4).

Expediente: IN407A 2022/348-4.

Promotora: Hidroeléctrica de Silleda, S.L.

Denominación: LMTS e CT Peroxa.

Concello: Silleda.

Feitos:

Primeiro. O 1 de setembro de 2022, Hidroeléctrica de Silleda, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica LMTS e CT Peroxa.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na instalación dun centro de transformación de 400 kVA e unha liña de media tensión subterránea de 275 metros de lonxitude que alimentará o centro de transformación. As instalacións están previstas na Peroxa, Lamela, no concello de Silleda (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Silleda e a Demarcación de Estradas do Estado, que non emitiron condicionado técnico. En consecuencia, enténdese a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1 de 275 metros de lonxitude, con orixe no apoio nº 12 da LMT derivación a Barrabaite, mediante un paso aéreo-subterráneo (PAS) e final no centro de transformación (CT) proxectado. Centro de transformación de 400 kVA, con RT 20 kV/420 V, en edificio prefabricado tipo PFU-4. A instalación está na Peroxa, Lamela, no concello de Silleda (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgarlle a Hidroeléctrica de Silleda, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e CT Peroxa (expediente IN407A 2022/348-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Hidroeléctrica de Silleda, S.L. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 1 de decembro de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra