Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 3 de xaneiro de 2023 Páx. 429

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2022 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 7 de decembro de 2022, polo que se aproban o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas do trazado da actualización do proxecto de construción: autovía AG-59 A Ramallosa-enlace PO-841 e, definitivamente, o proxecto de trazado do primeiro treito da actualización do proxecto de construción: autovía AG-59 A Ramallosa-enlace PO-841. Treito: A Ramallosa-enlace AC-241.

Antecedentes:

Con data do 18 de novembro de 2020, publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 233 o Anuncio do 10 de novembro de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o estudo de impacto ambiental e a separata do proxecto de construción denominado Actualización do proxecto de construción: autovía AG-59 A Ramallosa-enlace PO-841, de clave GA/18/104.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo referido proxecto.

Con data do 9 de agosto de 2022 publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 151 o Anuncio do 26 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de actualización do proxecto de construción da autovía AG-59 A Ramallosa-enlace PO-841 (GA/18/104.01), nos concellos de Teo (A Coruña) e A Estrada (Pontevedra) (expediente 2022/0075).

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 7 de decembro de 2022, polo que se aproban o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas do trazado da actualización do proxecto de construción: autovía AG-59 A Ramallosa-enlace PO-841 e, definitivamente, o proxecto de trazado do primeiro treito da actualización do proxecto de construción: autovía AG-59 A Ramallosa-enlace PO-841. Treito: A Ramallosa-enlace AC-241, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2022

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 7 de decembro de 2022, polo que se aproban o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas do trazado da actualización do proxecto de construción: autovía AG-59 A Ramallosa-enlace PO-841 e, definitivamente, o proxecto de trazado do primeiro treito da actualización do proxecto de construción: autovía AG-59 A Ramallosa-enlace PO-841. Treito: A Ramallosa-enlace AC-241

1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do trazado da actualización do proxecto de construción: autovía AG-59 A Ramallosa-enlace PO-841, de clave GA/18/104.01, coas seguintes modificacións relativas ao trazado sometido a información pública, que se terán en conta na redacción do documento definitivo do proxecto construtivo:

• Incluirase un novo camiño de servizo entre os puntos quilométricos (p.q.) 106+300 e 106+700, para dar continuidade e posibilitar a comunicación entre ambas as marxes da autovía.

• Executarase un novo camiño de servizo paralelo ao tronco da autovía proxectada entre os p.q. 107+120 e 107+320 coa finalidade de mellorar os accesos e comunicacións entre ambas as marxes da nova infraestrutura, das leiras e explotacións gandeiras existentes nesta contorna.

• Realizarase un cambio de trazado e a reposición do oleoduto A Coruña-Vigo, que atravesa o trazado da AG-59 en dous puntos: na zona do enlace da Ramallosa, no p.q. 100+240, e na zona previa ao viaduto de Santa Lucía, no p.q. 100+400.

• Modificarase a distribución xeométrica da sección dos pasos inferiores dos eixes 11 e 19 (p.q. 106+320 e 107+119) e do paso superior do eixe 17 (p.q. 104+789), co obxectivo de dar continuidade ao Camiño da Geira e dos Arrieiros interceptado pola actuación.

2º. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado do primeiro treito da actualización do proxecto de construción: autovía AG-59 A Ramallosa-enlace PO-841. Treito: A Ramallosa-enlace AC-241, de clave GA/18/104.01.1.

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de Teo e A Estrada, en que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación o revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado do primeiro treito implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.