Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Mércores, 28 de decembro de 2022 Páx. 66350

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Ribadumia (expediente IN407A 2021/209-4).

Feitos:

Primeiro. O 3 de setembro de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTA, LMTS, CTC O Pinar.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións nos lugares de Caponiñas, na parroquia de Barrantes, e do Pinar, na parroquia de Sisán, no concello de Ribadumia (Pontevedra):

1. Instalación dun centro de transformación (CT) de 250 kVA na parcela con referencia catastral 36046G503007970000GD.

2. Desmontaxe do tramo CBD8081221 entre o apoio HV-1000/13 (F2Q5ERIK) e o CT Pontiñas (36AI84) e instalación dun novo tramo de 42 metros.

3. Instalación duns XS e unha cruceta derivación no apoio HV-1000/13 (F2Q5ERIK).

4. Instalación dun van de 47 metros de lonxitude desde o apoio HV-1000/13 (F2Q5ERIK) ata o apoio proxectado C-2000/14.

5. Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 575 metros de lonxitude para alimentar o CT proxectado.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Ribadumia, Augas de Galicia e a Deputación Provincial de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado técnico emitido por Augas de Galicia.

Os demais organismos non emitiron condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 15 de decembro de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 15 de decembro de 2021 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 7 de xaneiro de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 24 de decembro de 2021.

Taboleiro de anuncios do concello de Ribadumia do 10 de xaneiro de 2022 ata o 21 de febreiro de 2022 conforme certificado expedido polo propio concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por Santiago Alonso Pérez, Manuel Llamas Fraga, Lorenzo María Román Fraga e Juan Eugenio Fraga Viñas. Destácanse os seguintes puntos:

Onde finaliza as liñas de baixa tensión proxectada, existe un regulador que compensa a caída de tensión no final da liña que está estragado e no proxecto non se especifica se será retirado.

Erros de nomenclatura no proxecto.

Existencia dun apoio de madeira estragado e outros que non son normalizados.

Posibilidade de executar tres acometidas novas para tres vivendas para eliminar un apoio de madeira.

No apoio de madeira citado hai unha luminaria con grave risco de desprendemento.

Rectificación dos titulares da parcela 36046G503007970000GD.

Oposición a toda a ocupación e afección baseándose que os planos de manobra eléctrica levan á confusión.

Falta de respecto á seguridade xurídica da utilidade pública ou interese social. Falta de xustificación da localización da instalación proxectada. A empresa promotora debería xustificar a imposibilidade de ocupar solo público.

Perda de valor da parcela 36046G503007970000GD.

Non houbo exposición pública da solicitude de declaración no concello de Ribadumia como establece a normativa.

Nos planos hai unha gabia que percorre todo o linde da parcela e que non se menciona na notificación recibida.

A instalación dun centro de transformación nun solo de núcleo rural supón unha agresión ao medio en que se encontra.

Quinto. As alegacións foron trasladas á empresa promotora. Este é un resumo da contestación dada por UFD:

Durante os traballos de execución da obra revisarase o regulador para avaliar a súa posible retirada e en referencia ao resto das consideracións (luminaria, apoios de madeira, acometidas, etc.) están fóra do alcance deste proxecto.

O trazado da rede e a localización do centro de transformación foi elixido tendo en conta a normativa vixente e os condicionamentos técnicos.

Que o proxecto e a solicitude de declaración de utilidade pública cumpren coa normativa en vigor.

Non se opón á rectificación dos titulares da parcela con referencia catastral 36046G503007970000GD.

En canto ao valor económico da parcela afectada, o titular do predio afectado poderá presentar a folla de aprecio coas alegacións e probas que considere pertinentes. Salienta que a expropiación que afecta a parcela non a fai antieconómica, nin impide o seu uso actual.

Na relación de bens e dereitos recóllense todas as afeccións das parcelas afectadas.

Con relación á parcela 36046G503007970000GD, a única afección por liñas de distribución é a que resulta das entradas e saídas das redes no centro de transformación, tal e como se recolle na planimetría.

Con relación á falta de exposición pública do proxecto por parte do Concello, manifesta que é a Consellería de Economía, Industria e Innovación a competente de notificar ao Concello.

O centro de transformación será instalado en solo rústico común (SR-C) e non en solo de núcleo rural cumprindo coa normativa vixente.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron, de xeito individual, todas as alegacións presentadas e emitiron os correspondentes informes. Conclúese que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente nos seguintes puntos:

– Respecto da localización das instalacións proxectadas, no sistema regulador do sector eléctrico a declaración de utilidade pública require basicamente dous requisitos: a xustificación da necesidade da instalación de que se trate, o que leva implícita a súa utilidade pública; e a determinación dos bens e dereitos cuxa expropiación afecta. A propia distribuidora acompaña unha relación de bens e dereitos afectados e pon de manifesto que na zona hai que mellorar a calidade de subministración. A calidade do servizo é unha obrigación das empresas distribuidoras.

– Respecto da valoración dos predios e os prexuízos causados polas afeccións da instalación que se vai construír, estes poderanse poñer de manifesto na presentación da folla de aprecio en que, por requirimento desta xefatura territorial, o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

– Respecto das afeccións da parcela 36046G503007970000GD, de acordo coa relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora a parcela ten unha afección de 16,36 m2 correspondentes ás entradas e saída da canalización subterránea do centro de transformación proxectado e de 16,81 m2 correspondentes á instalación do centro de transformación e beirarrúa proxectada.

– Respecto do cumprimento da normativa urbanística, indícase que esta xefatura non é competente en materia de urbanismo, polo que será o Concello de Ribadumia o competente para verificar o cumprimento desta normativa, xa que as autorizacións administrativas previa e de construción se outorgan sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras proxectadas.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación a este expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión aérea a 20 kV con condutor tipo LA-56 en dous tramos. Primeiro tramo de 42 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente HV-1000/13 (F2Q5ERIK) e final no apoio existente F2PTQN1D, e un segundo tramo de 47 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente HV-1000/13 (F2Q5ERIK) e final no apoio proxectado C-2000/14.

Liña de media tensión subterránea de 20 kV con condutor RHZ1 de 575 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-2000-14 e final no CT proxectado.

Centro de transformación de 250 kV, compacto manobra exterior 2L1P telecontrolado con GPRS/FO en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT e RT 20000/400 V.

As obras están situadas nos lugares de Caponiñas, na parroquia de Barrantes, e O Pinar, na parroquia de Sisán da Bouza, no concello de Ribadumia (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse o seguinte:

Con relación ás deficiencias indicadas (luminaria, apoios de madeira, acometidas, etc.) indícase que serán comunicadas á empresa distribuidora a través do departamento de reclamacións desta xefatura.

Respecto da utilidade pública, remítese ao artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de novembro, do sector eléctrico, e ao artigo 140.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Indícase que neste caso se dan os dous requisitos que permiten a posta en marcha do procedemento expropiatorio:

A xustificación da necesidade da instalación: mellorar a calidade da subministración eléctrica.

A relación de bens e dereitos cuxa expropiación ou afectación resultan imprescindibles e que constan no expediente administrativo.

Tamén cabe destacar a Sentenza 1591/2010 do 22 de marzo, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, que afirma que respecto ao sector eléctrico esa xustificación vén practicamente reducida á determinación dos bens afectados, xa que a declaración de utilidade pública supón en todo caso a necesidade de expropiar os terreos onde hai que situar a instalación de que se trate, de establecer as correspondentes servidumes de paso, etc. É dicir, a xustificación da necesidade dunha determinada instalación eléctrica supón xa ex lege a xustificación da súa utilidade pública e, simultaneamente, a necesidade de expropiar os terreos e dereitos afectados, así como proceder á súa inmediata ocupación.

Con relación ao valor económico das afeccións e demais prexuízos avaliables, destácase que corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,...), así como das afeccións reais do proxecto sobre as parcelas afectadas. Será nesta fase que o valor das afeccións se poderá poñer de manifesto na presentación da folla de aprecio que requira a Administración.

Con relación á falta de exposición pública do proxecto no taboleiro do concello de Ribadumia remitimos ao punto cuarto dos feitos. A documentación estivo exposta do 10 de xaneiro de 2022 ata o 21 de febreiro de 2022, conforme certificado expedido polo propio concello e asinado polo alcalde David José Castro Mougán.

Respecto ás afeccións da parcela 36046G503007970000GD, esta xefatura, como recolle o punto dous dos feitos, notificou os seguintes datos:

Lugar

Cultivo

Referencia catastral

Titular

Apoio e CT

Afeccións

m2

ml aér.

ml sub.

m2 aér.

m2 sub.

2

Pinar

Rústico

36046G503007970000GD

Manuel Llamas Fraga e Lorenzo Fraga Castro

CT

16,81

4,0

16,36

Recórdase que esta autorización outórgase independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTA, LMTS, CTC O Pinar (expediente IN407A 2021/209-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 30 de novembro de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra