Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Mércores, 28 de decembro de 2022 Páx. 66285

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2022, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da entidade pública empresarial Augas de Galicia, pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os premios Innovaugas 2022 para os centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia durante o curso escolar 2022/23 (código de procedemento AU302A).

Tanto a educación como a participación pública constitúen importantes piares para a consecución dunha xestión adecuada dos recursos hídricos. A Directiva 2000/60/CE, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas, recolle a necesidade de que as administracións públicas competentes non só aseguren a subministración de información ou a consulta no referente á xestión da auga, e que tamén fomenten unha participación pública activa da poboación. Neste aspecto, a educación ambiental arredor da auga é imprescindible para garantir o interese da sociedade nestes temas e unha maior capacidade de participación.

Do mesmo xeito, a adquisición de bos costumes sobre a utilización da auga e o coñecemento do comportamento dos ecosistemas hidrolóxicos naturais, as dinámicas fluviais ou os riscos asociados a eventos extremos ou o cambio climático son aspectos fundamentais para o establecemento dunha cultura de respecto e convivencia sustentable co ciclo da auga e o seu medio natural.

De entre todos os espectros sociais en que se poden centrar as accións de sensibilización e educación ambiental de Augas de Galicia, probablemente o infantil sexa o máis importante, pola oportunidade de crear conciencia ambiental desde idades temperás do desenvolvemento dunha persoa.

Por outra banda, Augas de Galicia está a desenvolver o proxecto Innovaugas 4.0. Un proxecto de compra pública innovadora que se propón avanzar cara a unha xestión dos recursos hídricos en Galicia verdadeiramente integral, que aborde a protección e o equilibrio dos ecosistemas e os recursos naturais en paralelo ao benestar económico e social equitativo.

O proxecto Innovaugas 4.0. ten os seguintes obxectivos xerais e específicos:

Obxectivo xeral

Obxectivo específico

Xestión do recurso hídrico e do ambiente

Aumento do coñecemento sobre os recursos hídricos en Galicia e o seu estado

Mellora da xestión integral de recursos hídricos no nivel de bacía

Resiliencia fronte ao cambio climático

Xestión adaptativa ao cambio climático

Eventos hidrolóxicos extremos: melloras de xestión e redución de impactos

Economía circular

Impulso do modelo de economía circular no ciclo integral da auga

Transversal

Xestión intelixente e sustentable do ciclo integral da auga no nivel de bacía

Os obxectivos do proxecto Innovaugas son en si os retos máis importantes que encara a Administración hidráulica de Galicia, polo que resulta de moito interese achegar tamén algún dos conceptos máis importantes ao público infantil.

Tendo en conta todo o exposto anteriormente, desde a Administración hidráulica de Galicia convócanse os premios escolares Innovauga 2022, que pretenden incentivar unha maior formación do alumnado de primaria nestes aspectos co desenvolvemento de enfoques didácticos adaptados aos novos tempos.

Neste caso, a través do desenvolvemento dunha peza audiovisual pensada para a súa difusión a través de redes sociais. Trátase, polo tanto, dun xeito de relacionarse que forma parte do día a día do alumnado na súa compoñente social e que pode empregarse como un recurso máis para incentivar a súa curiosidade por adquirir novos coñecementos e pola aprendizaxe de novos contidos, neste caso, a respecto da auga.

En consecuencia e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, como conselleiro de Cultura, Educación, Universidades e Formación Profesional e como presidenta de Augas de Galicia,

RESOLVEMOS:

Artigo 1. Obxecto e réxime xurídico

1. Esta resolución ten por obxecto convocar os premios Innovaugas e establecer as súas bases reguladoras de participación durante o curso escolar 2022/23 (código de procedemento AU302A).

2. A concesión do premio rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 2. Destinatarios

Poderán participar nesta convocatoria os centros educativos que oferten ensinanzas de 1º e 2º curso de primaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Cada centro poderá participar cunha ou varias aulas destes dous cursos. Cada aula constituirá un equipo conformado polo alumnado da aula e un docente responsable.

Admitirase unha participación por aula.

Artigo 3. Premios, dotación económica e imputación orzamentaria

1. O importe total en metálico destinado para esta convocatoria será de 12.000,00 € con cargo á conta financeira 6568 de subvencións a institucións sen fin de lucro da entidade pública empresarial Augas de Galicia, coa seguinte distribución de anualidades:

2022: 0,00 €.

2023: 12.000,00 €.

Os premios serán cofinanciados nun 80 % do gasto elixible pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Plurirrexional de España 2014-2020, que se enmarca no obxectivo temático 1: potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, prioridade de investimento 1.b: fomento do investimento empresarial en I+i, o desenvolvemento de vínculos e sinerxías entre as empresas, os centros de investigación e desenvolvemento e o sector do ensino superior, en particular mediante o fomento do investimento no desenvolvemento de produtos e servizos, a transferencia de tecnoloxía, a innovación social, a innovación ecolóxica, as aplicacións de servizo público, o estímulo da demanda, a interconexión en rede, as agrupacións e a innovación aberta a través dunha especialización intelixente, e mediante o apoio á investigación tecnolóxica e aplicada, liñas piloto, accións de validación precoz dos produtos, capacidades de fabricación avanzada e primeira produción, en particular, en tecnoloxías facilitadoras esenciais e difusión de tecnoloxías polivalentes; obxectivo específico 1.2.1: impulso e promoción de actividades de I+i lideradas por empresas, apoio á creación e consolidación de empresas innovadoras e apoio á compra pública innovadora; actuación 1.2.1.4: liña de fomento da innovación desde a demanda (FID) e da compra pública innovadora (CPI) (segundo o documento de criterios e procedementos de selección de operacións (CPSO). Deste xeito, deberanse observar os criterios de elixibilidade, xestión, publicidade e control propios dos documentos de programación e da normativa comunitaria de aplicación ao Feder.

Respectaranse, polo tanto, as normas de subvencionabilidade do gasto do programa operativo do citado fondo europeo, así como as normas de información e publicidade establecidas nas guías de publicidade e nas demais normas comunitarias que sexan de aplicación.

2. Ademais dos premios en metálico, agasallaranse os membros dos equipos finalistas cun bidón de auga fabricado con plástico reciclado.

3. A distribución dos premios e os importes figuran na seguinte táboa:

En virtude de...

Ámbito

Premio

Premio finalista 1

A Coruña

Bidón de auga fabricado con plástico reciclado para todas as persoas integrantes do equipo

Premio finalista 2

Premio finalista 3

Premio finalista 4

Premio finalista 1

Lugo

Premio finalista 2

Premio finalista 3

Premio finalista 4

Premio finalista 1

Ourense

Premio finalista 2

Premio finalista 3

Premio finalista 4

Premio finalista 1

Pontevedra

Premio finalista 2

Premio finalista 3

Premio finalista 4

Primeiro premio 1

A Coruña

3.000,00 €

Primeiro premio 2

Lugo

3.000,00 €

Primeiro premio 3

Ourense

3.000,00 €

Primeiro premio 4

Pontevedra

3.000,00 €

4. Augas de Galicia poderá declarar deserto algún premio, con carácter excepcional e por acordo motivado.

5. Este premio é compatible coa concesión de calquera outro do que sexan beneficiarias persoas participantes.

Artigo 4. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 31 de xaneiro de 2023.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa titular da Dirección do centro educativo.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I), para inscribir o equipo, a seguinte documentación:

a) O documento acreditativo da representación para actuar en nome do centro educativo solicitante.

b) Autorización de participación e autorización para a captación e difusión de imaxes dos alumnos membros dos equipos no suposto de que os menores aparezan nos vídeos enviados ou no suposto de que os menores participen no acto final de entrega de premios que se realice en liña a través de videoconferencia (anexo II).

c) Vídeo co que se participa no concurso.

Esta peza audiovisual terá unha duración máxima de 1 minuto e mínima de 15 segundos. O arquivo deberá entregarse en formato MP4 con disposición da imaxe en horizontal. O tamaño do arquivo non deberá superar os 100 Mb.

O nome do arquivo do vídeo deberá referir o nome do equipo e o do colexio. Poderán usarse abreviaturas para non superar o número de caracteres máximo para un nome de arquivo en formato MP4.

d) Listado das persoas que conforman o equipo, no que debe figurar o nome e apelidos de todos o alumnado, o nome e apelidos da persoa docente que representa ao grupo e o nome do equipo. Debe de presentarse un listado por cada equipo que participe.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia que deba emitir a Consellería de Facenda.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Xurado

1. O xurado estará conformado por:

a) Unha persoa proposta pola Dirección de Augas de Galicia en representación da propia entidade.

b) Unha persoa proposta pola Dirección de Augas de Galicia e representación do proxecto Innovaugas 4.0.

c) Unha persoa proposta pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

2. O xurado será quen propoña os vídeos finalistas por cada provincia así como aos gañadores provinciais.

Artigo 9. Temática dos vídeos e criterios de valoración

A temática da peza audiovisual estará relacionada con polo menos algúns dos obxectivos do proxecto Innovaugas 4.0:

• Xestión de recursos hídricos e do medio ambiente relacionado.

• Resiliencia fronte ao cambio climático no ámbito hidrolóxico.

• Economía circular da auga.

Para a valoración das candidaturas o xurado terá en conta criterios didácticos e científicos, pero tamén a orixinalidade e capacidade comunicativa da peza.

Artigo 10. Resolución e réxime de recursos

1. O xurado emitirá a súa proposta de concesión de premios que trasladará á dirección de Augas de Galicia.

Nesta proposta constarán os 4 equipos finalista e de entre eles o gañador por cada unha das provincias galegas.

A relación dos equipos finalistas notificarase ao representante do centro educativo, a través das canles de contacto que consignasen no formulario de solicitude (anexo I), convocándoselles ao acto de entrega final de premios.

A resolución dos equipos gañadores provinciais darase a coñecer no transcurso dun acto final de entrega de premios realizado en liña a través de videoconferencia na que participarán os equipos finalistas. Posteriormente a resolución publicarase na páxina web de Augas de Galicia.

2. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será de catro meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para entender rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

3. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 11. Certificación e recoñecemento

O profesorado participante responsable das candidaturas que resulten premiadas recibirá un diploma de Augas de Galicia que as acredita como gañadoras.

Estes docentes responsables dos vídeos gañadores recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Universidade un certificado de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 12 horas de formación do profesorado.

Artigo 12. Entrega dos premios

Os 16 equipos finalistas recibirán, a través dun envío postal, o lote de bidóns de auga fabricados con plástico reciclado para todas as persoas integrantes do equipo.

Os centros dos 4 equipos gañadores provinciais recibirán, por transferencia á conta especificada na solicitude, o importe do premio.

As contías asignadas polos primeiros premios serán transferidas aos centros nun único pagamento ao número de conta consignado na solicitude.

Os centros destinatarios dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13. Dereitos de imaxes e de difusión

Deberá terse presente que, ao participar no concurso, se asume a cesión á organización dos dereitos das pezas audiovisuais con que se participa no concurso e que, todas as persoas que saian en imaxe deberán contar coa pertinente cesión de dereitos de imaxe de ámbito universal para calquera medio.

No caso de empregar para a peza audiovisual calquera contido que puider ser propiedade de terceiros, como imaxes ou músicas, o docente que representa o grupo deberá contar cos dereitos de uso ou ben usar imaxes ou músicas de uso libre no ámbito da convocatoria deste concurso, asumindo as responsabilidades que se puideren derivar de non contar cos dereitos requiridos.

Con ese fin debe terse presente que os vídeos se publicarán nas redes sociais de Augas de Galicia. No caso de que, ao subir o vídeo ás redes sociais correspondentes, a rede en cuestión reclamase autoría dalgún elemento, a organización podería eliminar do concurso o vídeo.

Artigo 14. Regras de conduta

Teranse presentes as seguintes consideracións con respecto aos vídeos participantes e ao acto final de comunicación de equipos gañadores:

Rexeitaranse os contidos que poidan considerarse ofensivos, obscenos, non axeitados, racistas, vulgares, xenófobos, sexistas e/ou violentos, así como aqueles que atenten contra a dignidade e/ou o decoro, e os que poidan ferir sensibilidades, ser contrarios á lei, á moral e á orde pública; que sexan contrarios aos dereitos de terceiros sen o seu consentimento, que sexan contrarios á honra das persoas físicas ou xurídicas, que faciliten información de carácter persoal (propia ou de terceiros), que impliquen realizar unha actividade comercial, compra e venda de produtos e/ou servizos, así como a súa publicidade, que non teña relación co concurso, e quedarán automaticamente descualificados e fóra das bases contidos que se axusten a algún perfil dos descritos.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Publicación dos actos

1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de axudas que se concedan.

2. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal) a relación de premios que se concedan.

Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os interesados deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Medidas antifraude

1. É de aplicación ao procedemento recollido nesta resolución o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que pode consultarse na seguinte ligazón:

https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?file_path=/portal-augas-de-galicia/plans/resto_plans/PlanMedidasAntifraudeAugasdeGalicia.pdf

2. Augas de Galicia empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento á disposición da cidadanía, a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES), onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude. A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.

A canle, ademais de pola cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentar medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén se poderán denunciar nesta canle incidencias que sexan realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.

No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado no SIACI, figurará unha declaración da Xunta na cal constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimamente mediante tecnoloxías da información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.

A xestión da canle de denuncias corresponderá á Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

3. A investigación e o tratamento das denuncias presentadas axustarase ao disposto nos puntos 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Artigo 20. Aceptación dos termos da convocatoria e normativa reguladora

A presentación da solicitude e do vídeo implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da convocatoria

Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a Presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file