Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 23 de decembro de 2022 Páx. 65431

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 15 de decembro de 2022 pola que se establece a cantidade que cómpre transferir ao Consello da Avogacía Galega para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de asistencia letrada ao detido e defensa gratuítas do ano 2022, sobre o importe certificado o ano 2021.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta, e no seu artigo 38 establece que as administracións públicas competentes en materia de Administración de xustiza subvencionarán os colexios de avogados para a implantación e funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta.

Por outra banda, mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, logo de incluírse na letra B), alínea 1.c), do seu anexo as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á defensa por avogado/a en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia e mais as referentes á asistencia letrada ao detido ou preso cando o lugar de custodia estea situado en territorio da Comunidade Autónoma. Estas funcións transferidas asumíronse polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, que actualmente están atribuídas á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

No uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia (modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e mais polo Decreto 134/2017, do 7 de decembro), que establece no seu artigo 45 que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de avogados para atender os gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, o cal lle corresponde á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes segundo o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

O mencionado artigo 45 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia establece que estas cantidades se determinarán para cada colexio, cun sistema de módulos compensatorios por expediente tramitado, e que mentres non se determinen os devanditos módulos, os colexios percibirán a contía que resulte de aplicar o 8 % ao custo económico xerado en cada período de liquidación.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único

Que se transfira ao Consello da Avogacía Galega a contía que resulte de aplicar o 8 % ao importe total certificado polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas durante o ano 2021, por un total de oitocentos catorce mil oitocentos vinte e seis euros e oitenta e cinco céntimos (814.826,85 €), para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o director xeral de Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes