Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 23 de decembro de 2022 Páx. 65433

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 15 de decembro de 2022 pola que se establece a compensación económica aos colexios de procuradores de Galicia polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta durante o cuarto trimestre de 2022 e o primeiro, segundo e terceiro trimestres de 2023.

O artigo 24 da nosa Constitución garántelles a todas as persoas o dereito fundamental a obteren a tutela efectiva dos xuíces e tribunais no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos. Este dereito fundamental compleméntase co disposto no artigo 119 da Carta Magna, onde se establece que a xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei e, en todo caso, respecto de quen acredite insuficiencia de recursos para litigar.

Coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, esta materia foi obxecto dunha fonda reforma, e como consecuencia do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, polo que a Administración do Estado lle transferiu a Galicia os medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, entre os cales se atopa o aboamento da indemnización económica para compensar os colexios de avogados e de procuradores dos tribunais polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta, a Comunidade Autónoma galega realizou o desenvolvemento normativo da dita Lei 1/1996, nun primeiro momento a través do Decreto 146/1997 e, posteriormente, coa pertinente reforma deste para a súa necesaria adaptación ao contexto actual, mediante o vixente Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e mais polo Decreto 134/2017, do 7 de decembro.

Por outra banda, con data do 23 de decembro de 2021 deuse conta ao Consello da Xunta de Galicia do acordo alcanzado co Consello Galego dos Procuradores para establecer o baremo da compensación económica pola asistencia xurídica gratuíta levada a cabo por procuradores colexiados, cun ámbito temporal que abrangue desde o 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2025.

Así mesmo, o Decreto 134/2017, do 7 de decembro, desenvolve a regulación das certificacións e xustificacións trimestrais establecidas no Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

En consonancia co anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. Durante o cuarto trimestre do ano 2022 e durante o primeiro, segundo e terceiro trimestres de 2023, as cantidades do baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta serán as especificadas no anexo da presente orde. Estas cantidades deberán ser certificadas trimestralmente polos colexios de procuradores, seguindo estritamente a ordenación de tipoloxías recollidas no modelo que figura no anexo da presente orde, de acordo cos artigos 38.3 e 44 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

Segundo. Os procuradores percibirán o 100 % da compensación económica correspondente á súa actuación profesional cando acrediten a realización dalgún dos seguintes trámites procesuais:

a) Nos procesos penais, a presentación da copia da dilixencia ou solicitude da actuación procesual na que interveña o procurador, ou a apertura do xuízo oral.

b) Nos procesos civís, a presentación da copia da resolución xudicial de admisión da demanda ou de ter por formulada a súa contestación.

c) Nos demais procesos, a presentación da copia da dilixencia xudicial acreditativa da intervención do procurador dos tribunais.

d) Nas apelacións civís, a presentación da copia da resolución xudicial pola que se admite a trámite o recurso ou, se procede, a comparecencia ante a sala.

e) Nas apelacións penais, a presentación da copia da resolución xudicial en que se teña por formalizado ou impugnado o recurso ou o sinalamento para a vista.

f) Nos recursos de casación formalizados, a presentación da copia da resolución xudicial pola que se teña por interposto o recurso.

g) Nos anuncios de recurso de casación que non chegan a ser formalizados, a presentación da copia do anuncio do recurso, debidamente xustificada.

h) Nas execucións de sentenzas que se produzan transcorridos máis de dous anos despois de recaída resolución xudicial, a presentación da copia de petición de execución, debidamente acreditada.

Os documentos referidos poderán ser substituídos por copia selada polo órgano xudicial da primeira folla do escrito presentado.

Terceiro. En cumprimento do establecido no artigo 44.1 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, dentro do mes natural seguinte ao da finalización de cada trimestre o colexio de procuradores remitirá á Dirección Xeral de Xustiza unha certificación, acompañada dos ficheiros electrónicos a que fan referencia as letras a) e b) do dito artigo e que deberá ser expedida polo secretario ou secretaria do colexio co visto e prace do decano ou decana, que conteña os datos relativos ás actuacións realizadas polos profesionais durante ese período nas cales exista recoñecemento expreso do dereito á asistencia xurídica gratuíta (así como tamén, se for o caso, os datos relativos ás actuacións realizadas en períodos anteriores cuxo recoñecemento expreso á asistencia xurídica gratuíta tivera lugar durante ese último trimestre). Na referida certificación observaranse as condicións recollidas nas letras a), b), c) e d) do citado artigo 44.1.

Cuarto. Consonte o establecido no artigo 44.3 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, os datos contidos na certificación e ficheiros informáticos referidos no punto anterior serán contrastados cos que consten nas correspondentes comisións de xustiza gratuíta, e no suposto de se detectaren discrepancias concederáselle ao colexio de procuradores un prazo máximo de cinco días hábiles para, se for o caso, proceder á rectificación daqueles e expedir unha nova certificación.

Quinto. Consonte o disposto no artigo 44.4 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, a Dirección Xeral de Xustiza efectuará, unha vez recibidas as certificacións a que se fai referencia nos puntos anteriores, os libramentos trimestrais que correspondan.

Sexto. Cando un procedemento xudicial teña carácter excepcional e extraordinario, en que a actuación do procurador supere notablemente a carga de traballo que se pode considerar ordinaria para cada tipo de procedemento, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o correspondente colexio de procuradores poderán formalizar un convenio cuxa finalidade sexa articular os medios técnicos, materiais, humanos ou económicos precisos para facer posible en óptimas condicións a representación xurídica de quen teña recoñecido o dereito de asistencia xurídica gratuíta, de modo que se garanta a tutela xudicial efectiva de acordo co establecido no artigo 24 da Constitución española.

Disposición adicional

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001), e a súa eficacia queda sometida á condición suspensiva da existencia de crédito suficiente para financiar as obrigas derivadas dela.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Módulos e bases da indemnización pola prestación do servizo

Baremos para o cuarto trimestre do ano 2022 e o primeiro, segundo e terceiro trimestres de 2023.

Procuradores/tipoloxía

Xurisdición penal:

Código

Denominación

Módulo

101

Procedemento ante o xulgado de instrución en sumarios ou causas perante o tribunal do xurado

44,12 €

102

Intervención ante o xulgado de instrución en procedementos abreviados de especial complexidade (actuacións de máis de 1000 folios) e en procedementos abreviados de violencia de xénero

66,81 €

103

Intervención ante o xulgado de instrución en procedementos abreviados

29,67 €

104

Intervención ante o xulgado de instrución en xuízos rápidos

33,22 €

105

Xuízo oral ante a audiencia provincial

32,69 €

106

Xuízo oral ante o xulgado do penal

31,66 €

107

Procedemento sobre delitos leves (*)

33,16 €

108

Recurso de apelación

36,61 €

109

Procedemento ante o xulgado de vixilancia penitenciaria (*)

30,51 €

Xurisdición civil:

Código

Denominación

Módulo

201

Procedemento ordinario

50,85 €

202

Xuízo verbal e procesos especiais en que resulte preceptiva a intervención de procurador

40,68 €

203

Proceso de familia contencioso (completo)

55,94 €

204

Proceso de familia de mutuo acordo

40,68 €

205

Medidas provisionais previas e coetáneas en procesos de familia

30,76 €

206

Modificación de medidas definitivas en procesos de familia

52,89 €

208

Execución de títulos xudiciais con oposición ou posteriores a dous anos

36,60 €

209

Recurso de apelación tramitación ante a instancia

21,36 €

210

Recurso de apelación tramitación ante a audiencia

15,26 €

211

Execución de títulos non xudiciais

38,15 €

212

Xurisdición voluntaria cando a súa intervención resulte preceptiva

35,60 €

Xurisdición contencioso-administrativa:

Código

Denominación

Módulo

301

Recurso contencioso-administrativo (*)

40,68 €

302

Recurso de apelación (*)

36,61 €

Xurisdición social:

Código

Denominación

Módulo

401

Proceso da xurisdición social (*)

40,68 €

402

Recurso de suplicación (*)

36,61 €

Xurisdición militar:

Código

Denominación

Módulo

501

Proceso íntegro

40,68 €

Recursos de casación e outros extraordinarios:

Código

Denominación

Módulo

606

Recurso de casación e outros extraordinarios ante tribunais de Galicia

40,68 €

Normas xerais:

Código

Denominación

Módulo

701

Execución de sentenza posterior aos dous anos de recaída a resolución xudicial, agás a xurisdición civil

25,43 €

702

Medidas cautelares e dilixencias preliminares cando a súa intervención resulte preceptiva

20,34 €

703

Reconvención

30,00 €

(*) Cando a intervención do procurador sexa requirida expresamente pola autoridade xudicial de conformidade co artigo 6.3 da Lei 1/1996, de asistencia xurídica gratuíta.

Compensación aos colexios de procuradores por designacións excepcionais:

Naqueles supostos en que non sexa posible a atención ordinaria da representación gratuíta por procuradores con despacho no propio partido xudicial, compensarase anualmente o colexio respectivo, a través do Consello Galego de Procuradores, coa cantidade de 15,00 € por expediente –ata un máximo de 4.000,00 € anuais para todos os colexios–, polo desprazamento que supón a designación de procuradores doutro partido xudicial para garantir a prestación continuada do servizo.