Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 22 de decembro de 2022 Páx. 65342

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2022 pola que se pon fin ao proceso selectivo para ingresar como persoal laboral fixo do grupo II na categoría de técnico/a medio de tecnoloxías da información e comunicación, polo sistema de promoción interna.

Mediante a Resolución do 25 de novembro de 2021, publicada o 9 de decembro no Diario Oficial de Galicia (DOG), convocouse un proceso selectivo para ingresar como persoal laboral fixo do grupo II na categoría de técnico/a medio de tecnoloxías da información e comunicacións (TMTIC) polo sistema de promoción interna.

As únicas persoas presentadas e admitidas son José Luis Martínez Pérez e Agustín Outeiral Barbazán, tal e como consta na relación provisional de persoas admitidas e excluídas, publicada no DOG do 19 de abril de 2022. Ambos os candidatos cumprían o requisito de ser persoal laboral fixo de administración e servizos da Universidade de Vigo, encadrados no grupo III, na categoría de técnico especialista de tecnoloxías da información e comunicacións (TETIC).

Por outra parte, estas mesmas persoas participaron e superaron o proceso selectivo para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira, convocado mediante a Resolución do 10 de febreiro de 2022 (DOG do 22 de febreiro), negociado e desenvolvido no marco do Acordo de funcionarización do persoal laboral fixo de administración e servizos da Universidade de Vigo, do 5 de xullo de 2021, o cal establecía no artigo 8.B.1 un proceso específico:

A Universidade de Vigo realizará un proceso específico de funcionarización que permita, sempre que cumpran os requisitos de titulación establecidos no EBEP e na LEPG, promocionar do grupo III ao subgrupo A2 de PAS funcionario ao persoal laboral fixo das categorías de técnico/a especialista de tecnoloxías da información e comunicacións e de técnico/a especialista de laboratorio, de conformidade co previsto na disposición adicional novena do II Convenio colectivo.

Como consecuencia, nun só proceso adquiriron a condición de funcionarios de carreira e promocionaron ao subgrupo de titulación superior, e tomaron posesión con efectos do 1 de novembro de 2022 na escala media de tecnoloxías da información e comunicacións.

Precisamente esta é a escala equivalente á categoría de persoal laboral obxecto da convocatoria en que participaron; noutras palabras, pola vía da funcionarización adquiriron a condición de funcionarios na escala do subgrupo equivalente. Neste sentido, o anexo II do Acordo de funcionarización (Integración en escalas funcionariais das categorías profesionais de persoal laboral) establece que a categoría de técnico/a medio de tecnoloxías da información e comunicacións se integra na escala técnica media de tecnoloxías da información e comunicacións, polo que, de desenvolver o proceso selectivo e de superalo os dous candidatos, accederían ao desempeño como persoal laboral dos mesmos postos en que actualmente desempeñan como persoal funcionario.

Finalmente, o 31 de outubro de 2022 conferíronselle efectos do 1 de novembro de 2022 á relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos, polo que os postos de persoal laboral quedan significados pola súa condición de «a extinguir». Por conseguinte, a incorporación dos candidatos que superasen o proceso selectivo de persoal laboral tería que se facer obrigatoriamente como persoal funcionario da escala equivalente, isto é, a que xa posúen ambos os aspirantes.

Considerando o exposto, e consonte as atribucións legalmente conferidas, esta reitoría resolve declarar rematado o proceso selectivo para ingresar como persoal laboral fixo do grupo II na categoría de técnico/a medio de tecnoloxías da información e comunicacións, polo sistema de promoción interna.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpoñer un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 13 de decembro de 2022

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo